Luns, 21 Marzo 2016 15:03

O director xeral de Industria e da PYME, Víctor Audera, presentou o programa de apoio financeiro ao investimento industrial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

O programa mantén a dotación de 45,7 millóns para Ferrolterra, para apoiar tanto as novas implantacións industriais como os investimentos para ampliar a capacidade de produción de industrias existentes. O prazo de presentación de solicitudes ao amparo da convocatoria para 2016 comeza o próximo 18 de abril e remata o 1 de xuño. Na xornada desenvolvida en Ferrol tamén se presentaron as liñas de apoio de ENISA para facilitar a creación, o crecemento e a consolidación das empresas. Este programa súmase aos programas de préstamos e subvencións activados pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, para completar un completo marco de apoio para os investimentos en Ferrol, Eume e Ortegal.

Ferrol, 16 de marzo de 2016.- O director xeral de Industria e da PYME, Víctor Audera, presentou en Ferrol a convocatoria para 2016 do programa de apoio financeiro ao investimento industrial nas comarcas, durante unha xornada para empresarios na que estivo acompañado polo director xeral do Igape, Javier Aguilera, e a directora do Plan Ferrol, Natalia Barros.

O programa, convocado polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, mantén a dotación de 45,7 millóns de euros para as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, co obxectivo de apoiar tanto as novas implantacións industriais como os investimentos para ampliar a capacidade de produción de industrias existentes, ou as relocalizaciones de empresas orientadas a gañar competitividade.

Audera destacou que a convocatoria, publicada no BOE o pasado 9 de marzo, está aberta á presentación de proxectos empresariais a partir do próximo 18 de abril e até o 1 de xuño. Regulará a concesión de préstamos con prazos de amortización de até 10 anos, incluíndo 3 de carencia e intereses que poderán partir do 1,7% e dependerán da avaliación financeira dos proxectos. Os préstamos poderán financiar até o 75% dos investimentos financiables, desde 75.000 euros.

Aguilera destacou que, coa publicación da convocatoria 2016, os gobernos do Estado e da Xunta reafirman o seu continuado compromiso co desenvolvemento industrial de Ferrolterra para facilitar a realización de investimentos con capacidade para xerar emprego e riqueza nas comarcas. O director do Igape lembrou que están operativas as liñas de apoio do Igape a novos investimentos, con subvencións que poden cubrir até o 35% dos proxectos, que poden partir desde os 50.000 até os 900.000 euros. Ademais, as empresas poden contar con préstamos directos concedidos polo Instituto.

Na xornada técnica participou tamén o conselleiro delegado da Empresa Nacional de Innovación (ENISA), Bruno Fernández, que informou dos instrumentos habilitados pola entidade, que permitirán apoiar, mediante préstamos participativos comprendidos entre 25.000 euros e 1,5 millóns, a creación, o crecemento e a consolidación de empresas. A través de Xesgalicia, a Xunta mantén activas vías de colaboración con Enisa para avaliar proxectos e, se é o caso, cofinanciar investimentos en Galicia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios