Martes, 29 Setembro 2015 11:34

Economía e Industria salienta a importancia da diversificación no proceso de reactivación do naval galego

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou que a procura de novas oportunidades de negocio impulsa a innovación no sector, que será clave para que cada vez poida ser máis competitivo a nivel global. Salienta que ao escoller Navantia para o seu proxecto de eólica mariña de Wikinger, Iberdrola recoñece a competitividade do estaleiro ferrolán a abre portas á diversificación industrial das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Destaca o papel que desenvolverá CIS Galicia como ponte da innovación cara as empresas de Ferrolterra e, en concreto, cara aos estaleiros e auxiliares do naval

 Ferrol, 22 de abril de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe que a localización de novas oportunidades de negocio en áreas como a eólica mariña está a impulsar a innovación no sector naval galego e redundará nun incremento da competitividade que contribuirá ao seu crecemento futuro. Durante a súa intervención na xornada sobre a Enerxía eólica offshore: Novas oportunidades empresariais, celebrada no CIS Galicia, Aguilera recoñeceu que, ao escoller a Navantia para o seu proxecto de eólica mariña de Wikinger, Iberdrola está a recoñecer a competitividade actual do estaleiro ferrolán, abrindo portas á diversificación industrial, tanto do estaleiro público como das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Na clausura da xornada participou tamén a directora do Plan Ferrol, Natalia Barros.

Javier Aguilera lembrou que o sector naval é unha prioridade absoluta dentro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Recordou que o sector conta con contratos que suman 1.400 millóns de euros, e asegurou que a Xunta aposta pola procura de novos contratos, pola potenciación da área de reparacións en Ferrolterra e pola procura de novas oportunidades de negocio, das que a eólica mariña constitúe un exemplo singular.

O director do Igape destacou que a innovación é clave para que o naval galego consiga novos contratos, tanto na actividade troncal da construción como en novos nichos de negocio. Neste sentido, salientou o papel de ponte que poderá desenvolver o CIS para que a innovación chegue ao naval.

Segundo manifestou, o CIS Galicia está preparado para actuar como instrumento fundamental tanto da Estratexia de Especialización Intelixente, a RIS3, como da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0, coa que a Xunta vai facilitar a reinvención da industria galega. As empresas de Ferrol, Eume e Ortegal, e en concreto o sector naval, están na primeira liña como potenciais beneficiarios dos seus servizos tecnolóxicos.

Impulsada por Navantia e Iberdrola, a xornada técnica Enerxía eólica offshore: Novas oportunidades empresariais reuniu a empresarios e expertos que abordaron temas como as perspectivas de mercado e as oportunidades de negocio que a eólica mariña achega ós estaleiros, a experiencia de Iberdrola no proxecto Wikinger e as oportunidades que achega para a industria local, o papel do Porto de Ferrol no desenvolvemento do naval ou as perspectivas de futuro do sector eólico offshore.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios