Xoves, 12 Novembro 2015 18:34

Javier Guerra renova o compromiso da Xunta de Galicia coa reactivación económica da Costa da Morte

O Plan Revive da Xunta facilitará asesoramento directo a través de oficinas de apoio a empresas localizadas en Corcubión, Carballo e Baio. O conselleiro de Economía e Industria destaca que os emprendedores e as novas empresas poderán contar con subvencións mínimas garantidas do 25% para impulsar os seus investimentos nesta zona. Guerra salientou que, cos apoios concedidos a través do Igape, lévanse mobilizado investimentos empresariais que roldan os 70 millóns de euros.

Corcubión, 20 de marzo de 2012.- O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe en Corcubión as novas oficinas de apoio empresarial habilitadas a través do Igape para facilitar información de proximidade aos empresarios da Costa da Morte que disporán, no marco dun reforzado Plan Revive, de apoios de especial intensidade para investimentos, iniciativas de internacionalización e mellora da competitividade ou proxectos de novos emprendedores.

Javier Guerra destacou que nesta lexislatura, a través do Igape, concedéronse axudas por case 13 millóns de euros para mobilizar investimentos empresarias que roldan os 70 millóns de euros, e salientou que as oficinas de atención directa en Costa da Morte teñen como obxectivo estar máis preto dos empresarios da zona para que coñezan o reforzamento dos apoios ao seu dispor.

Segundo explicou o conselleiro de Economía e Industria, as oficinas de apoio empresarial do Igape en Costa da Morte atenderán, en Corcubión, Carballo e Baio, aos empresarios das comarcas que previamente, para evitar atrasos, concerten cita a través do teléfono 902 300 903 e na web www.planrevivecostadamorte.es. O sistema de atención será flexible para dedicar máis tempo onde haxa máis demanda e para facilitar atención, tamén directamente, noutros lugares onde o soliciten grupos de empresarios.

O conselleiro manifestou que "os empresarios e os emprendedores son os auténticos impulsores da dinamización económica dunha zona", e advertiu que sen a iniciativa e o esforzo destes colectivos "os instrumentos que poñemos ao seu alcance non serían efectivos".

Internacionalización
Nun acto no que participaron alcaldes e concelleiros da comarca xunto con representantes de asociacións empresariais e empresarios dos concellos da zona, Javier Guerra salientou novidades coas que o seu departamento está a reforzar o Plan Revive Costa da Morte, entre as que resaltou os "excepcionais apoios a iniciativas de internacionalización, incluíndo a contratación de xestores de exportacións, que poden cubrir ata o 85% dos salarios destes profesionais", dando prioridade á contratación da xente mais nova, que leve un ano no paro.

Neste ámbito, o conselleiro lembrou tamén que as empresas da Costa da Morte disporán de axudas a internacionalización un 5% superiores ás doutras zonas sen plans de apoio especial. O conselleiro recordou que para continuar a apoiar ás distintas necesidades das empresas galegas no eido da internacionalización, a Consellería destinará este ano máis de 12 millóns de euros para reforzar actuacións de prospección internacional, imprescindibles para a apertura a outros mercados de interese; para impulsar á primeira implantación promocional conxunta no exterior; ou para promover a participación agrupada de empresas en eventos expositivos celebrados fóra de España, entre outras actuacións.

Emprendedores, competitividade e investimentos
No que se refire aos emprendedores, as novas bases de apoio tamén garantirán subvencións mínimas do 25% para proxectos localizados nesta zona. Por outra banda, no eido dos grandes investimentos serán considerados como tales aqueles que cheguen aos 200.000 euros de inversión, mentres que o límite noutras zonas continúa nos 500.000 euros. Coa rebaixa deste límite as axudas a grandes investimentos do Igape adáptanse ao tamaño e á capacidade das empresas dunha zona na que priman as pequenas e medianas empresas.

As empresas da Costa da Morte disporán igualmente de apoios preferentes para impulsar iniciativas ou proxectos de mellora da competitividade, que se convocarán en datas próximas, polo sistema de concorrencia competitiva. En función do criterio de localización, e en igualdade de condicións restantes, as empresas localizadas nesta zona terán acceso a unha maior axuda a fondo perdido.

Estas novas axudas que se incorporan ao plan Revive súmanse ás xa existentes, que garanten subvencións do 20% para grandes investimentos, a partir de 200.000 euros, que supoñan a primeira implantación en Galicia; e subvencións mínimas do 15% para grandes investimentos que sexan ampliación ou modernización de instalacións existentes.

O conselleiro de Economía e Industria tamén lembrou que o Plan Revive inclúe actuacións de colaboración transversal no Goberno galego, que achega, ademais dos excepcionais apoios aos investimentos empresariais, a aplicación por Xestur de descontos de arredor do 10% na adquisición de parcelas industriais no polígono empresarial de Carballo.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios