Xoves, 12 Novembro 2015 18:34

O Plan Revive, dotado con 25 millóns de €, xerará uns investimentos de 70 millóns na Costa da Morte

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou na Laracha o Plan para activar a actividade económica desta zona con axudas que superan os 25 millóns de euros. O Plan Revive inclúe subvencións e préstamos para apoiar os grandes investimentos empresariais e os investimentos impulsados polas pemes e os emprendedores. O obxectivo fundamental é dinamizar os investimentos produtivos nos concellos da Costa da Morte e crear riqueza e emprego.

Santiago, 16 de febreiro de 2011.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe na Laracha o Plan Revive, cun horizonte temporal ata decembro de 2012 e que habilita axudas que superan os 25 millóns de euros para xerar, na Costa da Morte, investimentos empresariais cifrados en 70 millóns de euros.

O obxectivo é dinamizar a actividade empresarial nestas comarcas, "na procura dun desenvolvemento equilibrado e unha Galicia de velocidade única", explicou Javier Guerra, que salientou que o Goberno da Xunta "quere que a Costa da Morte sexa un lugar para investir e crear emprego, e o plan Revive senta as bases nesa liña".

Javier Guerra amosouse convencido de que "a Costa da Morte ten un potencial económico que pode ser aproveitado por moitos empresarios e emprendedores, como xa se ten demostrado coa posta en marcha doutros plans como os Impulsa, nas provincias de Ourense e Lugo, que están ofrecendo resultados moi positivos".

O conselleiro de Economía e Industria engadiu que a Xunta, a través do seu departamento e coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en materia de solo industrial, está a dar "un exemplo de colaboración transversal para apoiar proxectos solventes que sirvan para reactivar a economía das comarcas da Costa da Morte".

O Plan Revive Costa da Morte ten como obxectivo incentivar os investimentos produtivos e fomentar as actividades empresariais nos 19 concellos da área da Costa da Morte (Fisterra, Corcubión, Carnota, Muros, Cee, Mazaricos, Dumbría, Muxía, Santa Comba, Vimianzo, Zas, Camariñas, Laxe, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Poteceso, Carballo, Malpica e A Laracha), e mediante a dinamización da actividade empresarial, o programa activará a creación de riqueza e emprego e contribuirá á articulación territorial a partir da potenciación das oportunidades locais e das súas vantaxes comparativas.

O Plan Revive habilita para 2011 unha partida orzamentaria específica en subvencións destinadas a apoiar investimentos empresariais a partir de 200.000 euros que se realicen nesta comarca. Estes proxectos de investimento poderán contar con subvencións mínimas garantidas do 20% se corresponden a primeiras implantacións en Galicia, e do 15% se se trata de proxectos de ampliación ou modernización de instalacións existentes.

Tamén para apoiar grandes investimentos, o plan Revive habilitará préstamos directos do Igape con fondos BEI que terán os xuros subvencionados. Ademais, estes investimentos poderán beneficiarse das reducións nos prezos do solo empresarial no polígono industrial de Carballo, a través dos apoios habilitados por Xestur.
O Plan Revive tamén inclúe apoios para os investimentos das pemes, mediante préstamos que disporán da máxima subsidiación de xuros posible, de 2,65 puntos, no marco do correspondente convenio do Igape co ICO, as entidades financeiras e as Sociedades de Garantía Recíproca.

Por outra parte, o Plan Revive inclúe un novo programa de financiamento subsidiado para favorecer os investimentos dos emprendedores e das pemes nas comarcas da Costa da Morte. Esta liña será posta en marcha no segundo trimestre de 2011 e prevé mobilizar uns investimentos empresariais de 3 millóns de euros.

O plan Revive Costa da Morte implica igualmente prioridade para os proxectos das empresas desta zona que se acollan ás liñas de apoio á mellora da competitividade en concorrencia competitiva, dado que, no correspondente proceso de avaliación, os proxectos da zona contarán coa máxima puntuación por localización.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios