Xoves, 05 Novembro 2015 10:30

O 70 por cento das actuacións do plan de competitividade do Impulsa Ourense xa están en execución

O Impulsa Ourense abrangue todas as consellerías da Xunta e ten coma obxectivo principal impulsar a economía de Ourense. Este Plan é unha aposta do goberno galego pola competitividade da provincia e polo seu reequilibrio territorial. O conselleiro anunciou o incremento dun 5 por cento ás empresas ourensás dentro das medidas de internacionalización do IGAPE.

Ourense, 24 de xaneiro de 2012.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou hoxe en Ourense que o 70 por cento das actuacións do Plan de Competitividade do Impulsa Ourense xa está en execución. Este Plan foi posto en marcha no pasado mes de xullo, e leva investidos mais de 10 millóns de euros en axudas que mobilizaron un total de 50 millóns en investimentos.

O conselleiro de Presidencia, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e polo director do IGAPE, Javier Aguilera, asistiu hoxe á reunión da comisión de seguimento do Plan Impulsa Ourense, onde destacou a implicación de todo o goberno galega coa provincia para facer de Ourense unterritorio que atraia máis investimentos, e así dinamizar e impulsar a súa economía.

Rueda destacou nesta reunión que o goberno galego, ademais de levar a cabo un seguimento das medidas incluídas neste Plan de Competitividade, segue polo miúdo as medidas transitorias de discriminación positiva que se puxeron en marcha dende o inicio do Plan Impulsa Ourense, e ás que se lle esta dando un novo impulso, reforzando a discriminación positiva para aqueles sectores considerados estratéxicos no plan de competitividade, coma son a biomasa, o vehículo eléctrico, a creatividade dixital, a loxística, o turismo rural e histórico, a pizarra, a industria de alimentación e a fabricación de compoñentes aeronáuticos.

Asi mesmo, o titular de Presidencia, destacou na súa intervención a aposta do Goberno galego polo reequilibrio territorial, unha aposta na que está inmersa toda a Xunta, xa que as oito consellerías forman parte do Plan de Competitividade, no que os emprendedores son clave, e por iso se están a incentivar a través desta discriminación positiva estes sectores estratéxicos, para que os emprendedores invistan en Ourense e para seguir achegando os niveis económicos da provincia aos das provincias atlánticas.

Por outra banda, Rueda adiantou que unha das novidades do Plan Impulsa para este ano 2012 é a discriminación positiva para as empresas ourensáns no eido da internacionalización, polo que haberá un 5 por cento máis de subvencións para as empresas ourensás en todas as medidas de internacionalización do IGAPE. Rueda destacou que un dos obxectivos do goberno galego, é traballar a prol da internacionalización das empresas ourensáns.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios