O prazo de presentación finalizou o 30/04/2014

IG100 - GALICIA INVISTE - PROXECTOS DE INVESTIMENTO EMPRESARIAL

Finalidade / Obxectivo

A creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente, que supoñan un investimento subvencionable igual ou superior a 200.000 euros

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva aos proxectos empresariais de investimento que se vaian implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:

1.- Que o proxecto consista na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente, que supoñan un investimento subvencionable igual ou superior a 200.000 euros.

2.- Que o proxecto non se teña iniciado con anterioridade á data de solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados, sobre os que se solicita subvención, poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude da axuda; de ser así, o proxecto, no seu conxunto, sería non subvencionable. Considérase que o proxecto xa foi iniciado no momento en que se inicie a construción, ou ben cando exista compromiso en firme de adquisición de bens (o suposto que ocorra en primeiro lugar), ben sexa pedido de bens, pagos anticipados á entrega da mercancía, promesa de compra de terreo, etc., con exclusión dos estudos previos de viabilidade.

Para o caso de proxectos que presenten a solicitude de axuda entre o día seguinte á publicación destas bases e o 1 de xaneiro de 2014, deberase ter en conta que os investimentos que se realicen e/ou paguen nese período non computarán como investimento subvencionable. Serán subvencionables os investimentos realizados e/ou pagados entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, que non excederá do 30 de xuño de 2015.

Ademais, para o caso de investimentos en obra civil, soamente serán subvencionables aqueles realizados con posterioridade ao levantamento de acta notarial que reflicta, fidedignamente e con posterioridade á presentación da solicitude de axuda, que as obras non foron iniciadas.

3.- Que os proxectos presentados por empresas que non cumpran os requisitos de pequena e mediana empresa acrediten, ademais, ao Igape o efecto incentivador da subvención solicitada.

4.- Os proxectos de investimento vinculados a un contrato de xestión de servizos públicos non serán subvencionables.

Beneficiarios potenciais

1.- Sociedades mercantís existentes ou en constitución que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que desenvolvan no centro obxecto do proxecto algunha das actividades subvencionables que se sinalan nestas bases para cada tipo de proxecto subvencionable.

c) Que acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo. Para estes efectos, o Igape poderá esixir nas resolucións de concesión un determinado nivel de fondos propios que deberá acreditar o beneficiario.

2.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1.2 do Decreto 432/2009.

3.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

4.- Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en crise.

5.- Non poderán ter a condición de beneficiarios as sociedades mercantís en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

Os proxectos subvencionables deberán estar vinculados a algunha destas actividades, independentemente de calqueira outra que, ademáis desempeñe o solicitante:

a) A extracción, procesamento, transformación ou produción de minerais, produtos enerxéticos ou os seus derivados.
b) Todos os sectores da industria, agás os excluídos no Decreto 432/2009.
c) Eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos.
d) Turismo: hoteis balneario de 4 ou máis estrelas. Actividades recreativas, deportivas ou de entretemento vinculadas ou complementarias con establecementos ou aloxamentos turísticos.
e) Actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, audiovisual, telemática, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.
f) Transporte, estiba, desestiba e almacenamento asociado.
g) Loxística asociada ao sector industrial.
h) Servizos de apoio industrial

Requisitos principais do proxecto

Requisitos específicos dos proxectos:

a) Os proxectos terán que contar cun investimento subvencionable, igual ou superior a 200.000 euros, que sexa viable técnica, económica, financeira e ambientalmente.

b) No caso de ampliacións de instalacións existentes, o investimento subvencionable deberá ser, ademais, superior a 1,5 veces a dotación media para amortizacións do inmobilizado, circunscrita ao centro obxecto dos novos investimentos, nos 3 últimos exercicios pechados.

c) Terán que incluír o compromiso de manter o emprego existente resultante da cifra máis alta de entre as dúas seguintes: cifra de emprego no mes anterior ao da presentación da solicitude; ou ben cifra media de emprego dos últimos 3 meses antes da solicitude. Na resolución de concesión establecerase o prazo de mantemento do emprego que como mínimo será o de execución do proxecto máis os dous anos seguintes.

d) Cumprir as condicións establecidas no Decreto 432/2009, do 11 de decembro, para que os proxectos de investimento poidan recibir axuda.

Requisitos dos proxectos subvencionables:

a) Os investimentos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes.

b) Para a determinación dos importes subvencionables observaranse, de ser o caso, os criterios e módulos de custo máximo subvencionable aprobados polo Consello de Dirección do Igape para os distintos conceptos que, de ser o caso, prevalecerán sobre os seus prezos de adquisición.

c) Os investimentos deberán realizarse en bens novos ou de primeiro uso empresarial.

d) Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes do remate do prazo de execución do proxecto.

e) Os investimentos subvencionables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante. Considéranse persoas ou entidades vinculadas, cando concorran as circunstancias establecidas no artigo 16.3 do Real Decreto 4/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da lei do imposto de sociedades.

f) O investimento terá que manterse, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto, prazo que poderá reducirse a 3 no caso de que o beneficiario cumpra os límites de pequena e mediana empresa e non se trate de bens inmobles.

g) No caso dos activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado, 4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 5 anos ou de 3 anos en caso de pemes.

h) Cando o importe do investimento subvencionable supere as contías establecidas no Texto Refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación, autorización ao Igape xustificando as razóns do cambio.

i) En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Investimentos ou gastos computables

Serán conceptos subvencionables excluíndo impostos, taxas e arbitrios os seguintes:

a) Adquisición dos terreos necesarios para acometer o proxecto, traídas e conexións de servizos, urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades do proxecto. A contía máxima subvencionable de custo de terreo non poderá superar o 10% do investimento subvencionable total.

b) Obra civil: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.

c) Adquisición de inmobles.

d) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, equipos e medios de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento ligados ao proxecto. No sector de transporte non son subvencionables os medios e equipamento de transporte exterior.

e) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

f) Activos inmateriais vinculados á transferencia de tecnoloxía, en contía non superior ao 50% do investimento subvencionable. Entenderase como tales a adquisición de dereitos de patentes, licencias e aplicacións informáticas, que cumpran as condicións do artigo 5.2.g) das bases reguladoras.

Naqueles casos de subvención ao terreo, construcións e urbanizacións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será a que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos, unha vez aplicados os módulos e criterios establecidos polo Consello de Dirección do Igape, e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións que se abandonen sexan propiedade da empresa ou dos seus socios maioritarios, directa ou indirectamente. Se dentro do prazo de execución do proxecto fosen alleadas as instalacións da antiga localización da empresa e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

Contía das axudas

Co límite máximo do 50% de intensidade de axuda sobre os conceptos subvencionables, a porcentaxe da axuda resultará da aplicación da seguinte fórmula: 5 + (50 x (puntos por baremación proxecto/200) + (puntos pola contratación de persoas de colectivos con dificultades de acceso ao emprego) + (Puntos subvención adicional polígono industrial).

No caso de adquisición de terreos localizados en polígonos de promoción pública realizada directamente ao organismo promotor, concederase unha porcentaxe de subvención equivalente ao 50% do seu prezo, dentro do límite máximo de intensidade de axuda global do 50%, e da limitación do importe subvencionable do terreo ao 10% do investimento subvencionable total.

Establécese un importe máximo de axuda, por empresa e proxecto, de 2.000.000 euros

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2014.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles cos programas de axuda financeira do Instituto como poden ser, entre outros, os préstamos ou a subsidiación do tipo de xuro, e tamén con calquera outro tipo de subvención ou axuda concedida por outros organismos públicos ou privados financiadas con fondos Feder – Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, ata o límite máximo de intensidade de axuda indicado en termos de equivalente de subvención bruta no anexo do Decreto 432/2009, do 11 de decembro (DOG núm. 242, do 14 de decembro de 2009), isto é:

a) Como regra xeral:

- Ata o 30% para grandes empresas.
- Ata o 40% para medianas empresas.
- Ata o 50% para pequenas empresas.

b) Ata o 30% para empresas do sector do transporte.

Referencia lexislativa

Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG Nº 238 de 13/12/2013) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG Nº 244 de 23/12/2013) - Corrección de erros
Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG Nº 44 de 05/03/2014) - Corrección de erros
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº121 do 27/06/2014) - Graduación incumprimentos

Información e tramitación en

 Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

 Tramitación:

Para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 902 300 903 ou 981 541 147

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a instancia de solicitude xunto coa seguinte documentación:

I.- Para sociedades constituídas:

a) Escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
b) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
c) Declaración do Imposto de sociedades, referido aos 3 últimos exercicios fiscais.
d) No caso de pertenza a algún clúster galego: certificado expedido polo correspondente clúster da pertenza do solicitante ao dito clúster.

II.- No caso de sociedades en constitución:

a) Certificado do Rexistro Xeral de Sociedades Mercantís da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado do Ministerio de Xustiza, ou do rexistro competente, de non figurar inscrita a futura denominación social da entidade que se vai constituír.
b) Proxecto de estatutos da sociedade.

Nestes casos deberá acreditarse a válida constitución da sociedade con anterioridade a ditarse a proposta de resolución. A tal fin, a documentación establecida no apartado I anterior, terá que ser presentada no Igape no prazo máximo dun mes dende a presentación da instancia de solicitude.

III.- Acreditación do emprego existente antes da solicitude:

a) Os TC1 e TC2 dos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda de todos os centros de traballo da empresa en Galicia.
b) Certificado da Tesourería Xeral da Seguridade Social de afiliados adscritos ás contas de cotización da empresa por tipos de contrato, e de todos os centros de traballo da empresa, á data de solicitude da axuda.

IV.- Memoria descritiva do investimento proxectado segundo o modelo normalizado establecido polo Igape na súa páxina web.

V.- Declaración do efecto incentivador da axuda solicitada, de acordo co establecido no artigo 1.5 destas bases, segundo o modelo normalizado establecido polo Igape na súa páxina web.

VI.- Planos.

VII.- Declaración de cumprimento de requisitos segundo o establecido no anexo V.

VIII.- Declaración da condición de peme, segundo o modelo do anexo VI. No caso de non presentarse, entenderase que o solicitante non é peme.

IX.- As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario. Calquera cambio na oferta seleccionada deberá contar coa autorización do Igape.

IX.- Calquera outra documentación ou información adicional que considere conveniente para unha correcta análise da solicitude.

Observacións

O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xullo de 2015.

- Criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro en caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

1. No caso de condicións referidas á creación de emprego, o alcance do incumprimento determinarase aplicando a mesma ponderación que tivese a condición na resolución de concesión.

2. No que se refire ao mantemento do emprego con que conta a empresa na data de solicitude de axuda durante o período de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego durante o dito período e á cifra de emprego con que conte a empresa na data de finalización do prazo de execución. Estimarase un incumprimento parcial, sempre que na data de execución a empresa conte con polo menos a cifra de emprego obrigada a manter, e aínda que a media do período non acade a dita cifra, sempre que a desviación nesa media non supere o 10 % do emprego comprometido.
O alcance deste incumprimento parcial calcularase proporcionalmente respecto ao emprego non mantido.

3. No que se refire ao mantemento do emprego no período de dous anos posterior á data de execución do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase atendendo á media de emprego mantido durante este e aplicando a mesma ponderación outorgada na resolución de concesión á cifra de emprego non creado con solución de continuidade e nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido. No caso de que a media de emprego deste período sexa inferior á cifra de mantemento inicial de postos de traballo establecida na resolución de concesión, é dicir, non se teña mantido o emprego con que contaba a empresa na data de solicitude, entenderase que o incumprimento é total.

4. No que se refire a condición de autofinanciamento, o alcance do incumprimento determinarase atendendo ao importe de investimento correspondente ao nivel de autofinanciamento efectivamente acreditado, sempre que supoña un incremento de fondos propios con respecto ao tido en conta na resolución de concesión, e o investimento correspondente non sexa inferior ao mínimo establecido nas bases.

5. Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

6. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

7. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:
a) Non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido no artigo 16.g) das bases reguladoras.
b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

8. Suporá a perda do 10 % da subvención concedida, no caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.h) das bases reguladoras en canto a que para modificar o provedor seleccionado deberase pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.