O prazo de presentación finalizou o 03/02/2014

IG166 - CONTRATACIÓN DE XESTORES IGAPEX DE INTERNACIONALIZACIÓN (2014)

Finalidade / Obxectivo

Facilitar ás empresas galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance axudas para a contratación de profesionais especialistas en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a formación de especialistas en comercio exterior e a súa incorporación ao mercado laboral.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1.- Poderán ser beneficiarios:

a) As sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), sexan ou non pemes, que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, que teñan un proxecto de internacionalización da propia empresa solicitante e que dispoñan dun DIAGNÓSTICO POSITIVO do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas do Igape. No caso de non dispoñer deste diagnóstico deberá solicitalo ao Igape ao mesmo tempo que presente a solicitude de axuda.

b) Os organismos intermedios:

- Asociacións empresariais, consellos reguladores e clústers empresariais (con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro) que representen a un colectivo de empresas galegas, que estean domiciliados en Galicia e que teñan un proxecto de internacionalización dirixido ás empresas definidas no apartado a) do artigo 4.1.

- Centros de tecnoloxía e centros de apoio á innovación tecnolóxica (con personalidade xurídica propia), inscritos con anterioridade ao 31/12/2013 no Rexistro establecido para o efecto, que estean domiciliados en Galicia e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar a súa internacionalización.

2.- En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise no sentido das directrices comunitarias, cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Sectores incentivables

Todos

Requisitos principais do proxecto

O xestor deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Debe ser elixido polo beneficiario de entre os integrantes na bolsa de traballo denominada Xestores Igapex e publicada polo Igape na súa páxina web www.igape.es. Esta bolsa de Xestores Igapex está aberta, indefinidamente, ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos esixidos.

O solicitante poderá non indicar coa solicitude a identidade do xestor, pero terá que comunicalo ao Igape no prazo máximo improrrogable dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. O xestor deberá estar dado de alta na bolsa de traballo obrigatoriamente á data de contratación.

b) O obxecto do contrato laboral é a realización -nun centro de traballo en Galicia ou no estranxeiro- de actividades relacionadas co comercio exterior. No caso de contratos para un centro de traballo no estranxeiro será admitido como subvencionable o contrato realizado por unha sucursal no estranxeiro da beneficiaria ou unha filial con polo menos o 25% do capital subscrito pola beneficiaria, agás no suposto especificado no artigo 16.g) destas bases.

c) Debe ser dado de alta nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social no caso de contratos de traballo formalizados conforme a lexislación española. O Igape iniciará un procedemento de reintegro da axuda no caso de que o xestor non se destine a tarefas de internacionalización da empresa.

Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante e convocatoria. No caso de solicitantes aos que se lle tivese pagado unha axuda de anteriores convocatorias destas bases de axudas, só se lles concederá una nova axuda no caso de que xustifiquen que: fixeron un contrato laboral fixo ao xestor/es cuxa contratación foi obxecto de axuda nunha convocatoria anterior -e que dito xestor/xestores sigan contratados polo solicitante á data de acreditación de condicións da nova contratación para a que se solicita axuda-, ou no caso de que o xestor que se vai contratar sexa para traballar nun país distinto ao indicado en solicitudes de anteriores convocatorias destas bases.

En todo caso, a contratación dun mesmo xestor só poderá ser subvencionada unha vez por cada solicitante.

Exclusións:

1.- Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor realizada por:

No caso do que o solicitante sexa empresa ou organismo intermedio a exclusión refírese ao parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) do xestor a contratar cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante.

No caso de que o solicitante sexa unha empresa, as exclusións refírense ás relacións citadas da persoa que se vai contratar tanto co solicitante como con outras empresas vinculadas.

2.- Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas nos cinco exercicios anteriores ao da convocatoria.

3.- A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante.

Investimentos ou gastos computables

1.- Será subvencionable o salario bruto anual da contratación por conta allea dun xestor Igapex de internacionalización, a tempo completo ou parcial, durante un máximo de 12 meses de vixencia do contrato laboral.

2.- Serán subvencionables únicamente as percepcións salariais (que coticen á Seguridade Social): salario base, complementos salariais, gratificacións extraordinarias, etc.). As percepcións non salariais: indemnizacións, suplidos (dietas, gastos de viaxe, pluses de transporte, etc.), prestacións da Seguridade Social, finiquito, etc. non se considerarán subvencionables.

3.- Un mesmo xestor pode ser obxecto de varias contratacións subvencionadas contemporáneas, a tempo parcial, por distintos beneficiarios destas axudas.

4.- O contrato laboral deberá formalizarse no prazo máximo improrrogable dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión.

5.- O prazo de execución do proxecto subvencionable iniciarase o 1 de xaneiro do exercicio da convocatoria e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 31 de maio de 2015.

Contía das axudas

A contía da axuda para os contratos laborais que se formalicen -a tempo completo ou parcial, cumprindo os requisitos destas bases, será do 75% do salario bruto anual.

Incremento da porcentaxe de subvención:

a) Se o solicitante ten o seu domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto en algún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

b) Se o xestor que se vai contratar ten no ano de presentación da solicitude unha idade igual ou inferior aos 30 anos (e sempre que nese ano non cumpra os 31 anos) e leva – á data da solicitude- 12 meses ou máis en paro, engadiranse 5 puntos porcentuais máis. Se o solicitante indica esta condición na solicitude da axuda, debe respectala no caso de que o xestor contratado inicialmente sexa substituído por outro.
c) Se o solicitante é un clúster galego o unha empresa pertencente a algún clúster galego, engadiranse 5 puntos porcentuais máis.

O límite máximo de axuda é de 15.000 € se o centro de traballo de destino do xestor está en Galicia; e de 25.000 € se o centro de traballo se atopa no estranxeiro.

Estes límites máximos son aplicables no caso de contratos a tempo completo. Para contratos a tempo parcial, estes importes máximos reduciranse na mesma proporción que a redución do tempo de traballo. Nos supostos do tipo do especificado no artigo 16.g) destas bases, no caso de que o beneficiario participe nunha porcentaxe inferior ao 100% da sociedade contratante no estranxeiro, a subvención correspondente adaptarase á porcentaxe de participación do beneficiario na dita sociedade.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 3 de febreiro de 2014.

Incompatibilidades

As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable.

Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos nos Regulamentos da UE citados no artigo 2.2, e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime de minimis.

Referencia lexislativa

Resolución do 25 de novembro de 2013 (DOG Nº229 do 29/11/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
Resolución do 25 de novembro de 2013 (DOG Nº244 do 23/12/2013) - Corrección de erros
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº121 do 27/06/2014) - Graduación incumprimentos

Información e tramitación en

Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a solicitude. Para iso hai 2 opcións:

- Presentar telemáticamente : Neste caso será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante e deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

- En papel: xerar a instancia de solicitude (Anexo I) na opción “Ver instancia” e presentala nun rexistro do Igape ou en calquera outro rexistro público acompañado da documentación indicada no artigo 8.4 das reguladoras en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica.

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 902 300 903 ou 981 541 147

Observacións

No prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión deberanse acreditar as condicións iniciais de contratación, mediante a presentación da documentación (en orixinal e copia ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión.

* Prazo para presentar a solicitude de cobramento de cada anualidade:

A primeira solicitude de cobramento deberase presentar con data límite o 30 de outubro de 2014 e a segunda solicitude de cobramento no prazo dun mes dende o fin do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, e nunca posteriormente ao 30 de xuño de 2015.

- Criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á non xustificación da base subvencionable:

1. No caso de incumprimento da obriga de que o xestor estea dado de alta na bolsa de traballo na data de contratación, o prazo de contratación subvencionable iniciarase na data da dita alta en dita bolsa de traballo.

2. No caso de incumprimento da obriga de contratar un novo xestor para completar o prazo de execución do proxecto, subvencionarase o prazo de contratación subvencionable sempre que o gasto subvencionable sexa igual ou superior ao 50 % da base subvencionable
e se xustifiquen polo menos 6 meses de contratación subvencionable.

3. No caso de que na fase de acreditación non se demostre que o xestor contratado cumpre os requisitos mínimos para formar parte da bolsa de traballo de xestores Igapex, o prazo de contratación subvencionable iniciarase cando se acredite a contratación dun xestor que cumpra os requisitos destas bases. Tal acreditación deberase producir no prazo legal de 10 días de emenda.

4. No caso de incumprimento da obriga de dar de alta ao xestor nun grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social no caso de contratos de traballo formalizados conforme a lexislación española, o prazo de contratación subvencionable iniciarase na data da dita alta.

5. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida:
a) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE.
b) O incumprimento do prazo máximo establecido para o inicio do contrato.

6. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.
a) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 16.n) destas bases.
b) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.