O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou na Laracha o Plan para activar a actividade económica desta zona con axudas que superan os 25 millóns de euros. O Plan Revive inclúe subvencións e préstamos para apoiar os grandes investimentos empresariais e os investimentos impulsados polas pemes e os emprendedores. O obxectivo fundamental é dinamizar os investimentos produtivos nos concellos da Costa da Morte e crear riqueza e emprego.
O Plan Revive da Xunta facilitará asesoramento directo a través de oficinas de apoio a empresas localizadas en Corcubión, Carballo e Baio. O conselleiro de Economía e Industria destaca que os emprendedores e as novas empresas poderán contar con subvencións mínimas garantidas do 25% para impulsar os seus investimentos nesta zona. Guerra salientou que, cos apoios concedidos a través do Igape, lévanse mobilizado investimentos empresariais que roldan os 70 millóns de euros.