Estados Unidos, un mercado de nicho

 A Confederación de Empresarios de Pontevedra recibiu o pasado día 18 de Outubro a Ricardo Cookson, Director da oficina Pexga en Miami e a Miguel Álvarez, analista de mercado en Nova York.

 

Os representantes de Pexga en EE.UU, mantiveron un encontro coa Directiva da CEP e cun grupo de empresarios para poder analizar de primeira man a situación actual do mercado estadounidense e as oportunidades que este pode ofrecer ás empresas de Galicia.

A pesar do seu gran tamaño (50 estados), e da fortaleza do euro fronte ao dólar, o mercado estadounidense segue ofrecendo grandes oportunidades para os empresarios galegos. Trátase de oportunidades de nicho, onde só caben produtos cun alto valor engadido e diferencial. Pois a competencia procedente de Asia e outras rexións do mundo, en canto a prezo, é unha das principais dificultades para o produto europeo.

É necesario non obstante, entender a gran diversidade deste país intimamente ligada á dimensión xeográfica e multicultural. A Red Pexga recomenda polo tanto facer un estudo previo para elixir un estado ou cidade de actuación. "Non" ten "sentido querer abranguer á vez unha realidade de tales dimensións" - aconsellaba Miguel Álvarez, responsable da plataforma de Nova York. Sectores Algúns dos sectores galegos con máis posibilidades de éxito no mercado estadounidense son o agroalimentario, materiais da construción, pezas de vestir e a atracción de turism ou cara a Galicia. Sempre sen esquecer a necesidade de ter unha estratexia clara seguindo as recomendacións anteriores.

O sector agroalimentario, nun país onde o 35% dos fogares son unifamiliares e cun dos accesos da muller ao mercado laboral máis altos do mundo, é o que supón un maior potencial, especialmente nos produtos preparados. Convén adaptarse ás necesidades do consumidor americano ofrecendo produtos en envases pequenos e rexerse polo principio do "quick-and-easy". Existen cadeas de supermercados especializadas en produtos preparados de alta calidade. Unha das marcas máis coñecidas neste ámbito é WholeFoods.

O sector dos materiais da construción ofrece tamén grandes oportunidades, que pola variedade climática e factores como a actividade sísmica requiren unha adaptación do produto á zona xeográfica obxectivo, en canto a costumes e regulación local.

O sector das pezas de vestir con alto valor engadido conta tamén cunha alta potencialidade, que se debe adaptar ás tendencias locais en moda. Por exemplo, a pesar da diversidade, na cidade de Nova York adóitanse vestir pezas de cores básicas (branco, negro, etc.) mentres que en localidades máis pequenas do sur do país, existe preferencia polas cores vivas.

Por último, o sector do turismo en Galicia destaca como atractivo para os cidadáns americanos. Existe aínda un gran descoñecemento de Galicia nos EE.UU, non obstante cando o americano descobre factores como o Camiño de Santiago, a gastronomía ou o turismo termal, adoita percibir Galicia como un destino turístico distinguido e de calidade. As empresas almacenistas americanas constitúen a principal canle de distribución para este tipo de produtos turísticos.

Por outro lado, de acordo cos representantes de PEXGA, EE.UU non é un mercado de doado acceso, non obstante, unha vez superados os trámites aduaneiros, as mesmas regulacións operan en todo o país.

Se o que considera o empresario é a implantación, destacan os curtos prazos de apertura dunha sociedade (2-3 semanas), a transparencia, e un sector bancario, que aínda que estrito, permite o acceso ao crédito se a idea de negocio é viable.

Ricardo Cookson, insta as empresas galegas a apoiarse nas oficinas da Rede PEXGA para dar solución a un dos seus principais problemas en moitos casos, que é a propia falta de experiencia. As oficinas de Miami e Nova York póñense a disposición do empresariado con servizos de apoio á internacionalización cara a EE.UU como, o asesoramento para seleccionar unha área xeográfica de actuación, encontrar o nicho de mercado no que encaixan os seus produtos, listas dos principais importadores, distribuidores ou potenciais socios, ou apoio na organización de viaxes ao país americano entre outros.

 

 

_Estados Unidos

Compartir en redes sociais