O prazo de presentación finalizou o 05/06/2023

IG166 - CONTRATACIÓN DE XESTORES DE INTERNACIONALIZACIÓN (2023)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización e a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais no ámbito do comercio exterior -priorizando aos xóvenes sen ou con pouca experiencia e aos sénior experimentados maiores de 45 anos en situación de desemprego-, ao mesmo tempo que se apoia ás pemes galegas no seu proceso de internacionalización poñendo a disposición das pemes información sobre profesionais con formación especializada e unha subvención a fondo perdido para a súa contratación.

Tipos de apoio

Esta convocatoria está financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.
As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Empresas que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, e que teñan como proxecto iniciar ou consolidar o seu proceso de internacionalización.
As empresas terán que dispor do informe de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización realizado a través de programas de Igape a partir de 2013. De non dispor do citado Informe de alta, debe solicitalo a través da oficina virtual do Igape (procedemento IG192) dentro do prazo de presentación de solicitudes.

b) As persoas solicitantes deberán ter, polo menos, un centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As persoas solicitantes acreditarán ter un proxecto de internacionalización para o que se require contratar profesionais en comercio exterior.

d) As persoas solicitantes deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Requisitos principais do proxecto

CONDICIÓNS DE CONTRATACIÓN:

1. Relativas ao xestor de exportación:
Todos os xestores deberán cumprir as condicións xerais (art. b, c e d) e estar dados de alta na bolsa de xestores de internacionalización do Igape, a máis tardar, na fase de acreditación da contratación.

a) Perfís de xestor de exportación:

Establécense tres perfís de xestor por idade. A intensidade da axuda irá acorde co dito perfil.

1. Mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1988.
2. Profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1978 e antes de 1 de xaneiro de 1988.
3. Profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1978).

b) Os xestores deben contar con titulación universitaria, con titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional, ou con certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.

c) No caso de que a titulación universitaria do xestor non sexa específica de comercio internacional, deberán acreditar unha das opcións seguintes:

i. Bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial.
ii. Mestrado de comercio exterior.
iii. Certificado de profesionalidade de comercio exterior ou comercio internacional.
iv. Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

d) Deberán estar dados de alta como demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego de Galicia na data da contratación.

2. Relativos ao contrato:

a) O obxecto do contrato é a realización de actividades relacionadas co proxecto de comercio exterior detallado pola persoa beneficiaria na súa solicitude de axuda.

b) A modalidade do contrato poderá ser calquera das previstas na lexislación laboral vixente no momento de contratación, excepto contratos de alta dirección.

3. Exclusións:

a) Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor con vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

b) Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral coa persoa solicitante ou con outras empresas vinculadas nos 2 últimos anos antes da solicitude de axuda (ser bolseiro non se entende como relación laboral).

A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable da persoa solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Entenderase que existen “empresas asociadas” ou “empresas vinculadas” cando concorra algunha das circunstancias establecidas nos apartados 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do Anexo I do Regulamento (UE) nº 6541/2014.

Investimentos ou gastos computables

1. Será subvencionable o salario bruto por conta allea a tempo completo de xestores de internacionalización, baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación, acordes á finalidade de axuda, excepto contratos de alta dirección.

As persoas solicitantes que o desexen teñen ao seu dispor a bolsa de xestores de internacionalización do Igape, da que forman parte profesionais co perfil e formación orientados á internacionalización empresarial. Esta bolsa de xestores de internacionalización está aberta, indefinidamente, ás novas incorporacións de persoal que reúna os requisitos esixidos. O Igape non se fai responsable da veracidade da información subministrada polos integrantes da bolsa e o beneficiario ten a obriga de comprobala. En todo caso, se a persoa beneficiaria da axuda contratara un xestor que non pertenza á citada bolsa, o xestor deberase dar de alta na mesma na fase de acreditación da contratación. No caso de non constar a alta na fase de acreditación, seralle requirida.

2. A solicitude de axuda virá referida ao desenvolvemento dun proxecto de comercio exterior que a persoa solicitante deberá describir en detalle no formulario de solicitude da axuda.

Se a persoa solicitante ten previsto desenvolver máis dun proxecto pode solicitar ata un máximo de dous xestores. Nese caso, debe cubrir no cuestionario de solicitude a descrición en detalle de cada un dos proxectos, delimitando e diferenciando o proxecto a desenvolver por cada xestor.

O Igape valorará en función do detalle descritivo, se se identifican dous proxectos diferenciados ou non.

3. Os contratos laborais subvencionables deben ser indefinidos ou temporais por un período mínimo de duración de 6 meses. A persoa solicitante deberá establecer no cuestionario de solicitude a data de remate do proxecto de comercio exterior e a duración aproximada do contrato para o que solicita subvención. O período máximo subvencionable do proxecto de comercio exterior será o reflectido na resolución de concesión.

Cando sexa necesaria a substitución do xestor, a duración do novo contrato será, como mínimo de seis meses, salvo que o prazo para rematar a execución do proxecto fose inferior. Neste caso, a duración do contrato será, como mínimo, igual ao tempo que quede para o remate da execución do proxecto. Permitiranse un máximo de dúas substitucións por proxecto.

4. O período de contratación subvencionable será o establecido na resolución de concesión de axuda, sen que poida ser inferior a seis meses nin superior aos dezaoito meses.
O período de contratación subvencionable deberá iniciarse entre a data de solicitude da axuda e ata un máximo de 45 días hábiles a partir da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, debe estar comprendido dentro do prazo de execución.

5. O custo subvencionable estableceuse como un baremo estándar de custo unitario. Para determinar o seu importe tomouse como referencia o salario medio do sector do comercio en Galicia para o ano 2021, que segundo os datos da AEAT que constan no IGE ascendería a 19.238 €/ano (1.603,16 €/mes con rateo de pagas extra, sen incluír os custos extrasalariais).

Contía das axudas

A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado no artigo anterior:
a) 85% no caso de mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1988.
b) 90% no caso de mulleres ou mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.
c) 80% no caso de profesionais nacidos despois do 1 de xaneiro de 1978 e antes de 1 de xaneiro de 1988.
d) 90% no caso de profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1978).

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 8.00 horas do día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará un mes despois da data de publicación ás 14.00 horas, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

Referencia lexislativa

Resolución do 19 de abril (DOG Nº84 do 03/05/2023) - Bases reguladoras e convocatoria 2023

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
1. As persoas interesadas deberán cubrir un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante, do proxecto de internacionalización para o que se require contratar un especialista en comercio exterior, dos obxectivos xerais e do orzamento do proxecto, así como de declaracións relativas ao condicionado nestas bases, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual
a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC .
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

b) Acreditación da representación coa que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

c) Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado para o que se cumpriu o prazo de aprobación legalmente establecido, ou de depósito, no caso de obriga de depósito no Rexistro Mercantil, xunto co informe de auditoría no caso de que a entidade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría. Igualmente, as contas anuais de todas as entidades que deban ser tidas en conta aos efectos de determinar a consideración ou non de peme da entidade solicitante.

d) Documentación relativa ao emprego: informe de traballadores en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social no mes natural da solicitude de axuda.

e) Informes da vida laboral necesarios para a comprobación do emprego.

Observacións

O prazo de execución do procedemento iniciarase ao día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2025.

Xustificación da contratación: A persoa beneficiaria disporá dun prazo máximo de quince días hábiles a partir da contratación do xestor, para presentar a documentación acreditativa da contratación dun xestor.

Os prazos máximos para presentar a solicitude de cobro da subvención son:
- 15 de decembro de 2023, para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data.
- 15 de decembro de 2024, para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data.
- 30 de xuño de 2025, para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data.

As persoas beneficiarias da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención. As datas límite para solicitar os devanditos anticipos son:
- 30 de outubro de 2023 para as accións con prazo máximo de execución ata o 15 de decembro de 2023.
- 30 de setembro de 2024 para as accións con prazo máximo de execución ata o 15 de decembro de 2024.
- 30 de marzo de 2025 para as accións con prazo máximo de execución ata o 30 de xuño de 2025.