O prazo de presentación finalizou o 30/09/2022

IG257 - REAVAL CRECEMENTO - PRÉSTAMOS AVALADOS PARA O CRECEMENTO DAS PEMES (2022)

Finalidade / Obxectivo

Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer, mediante reavais, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas, e dando a posibilidade de aplicar os fondos, total ou parcialmente, ao pagamento e/ou reestruturación de débedas con entidades financeiras.

Tipos de apoio

Réxime de concorrencia non competitiva. Suxeita a minimis.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas e medianas empresas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios.

A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación. No caso de comunidades de bens, cada un dos socios deberá cubrir o formulario do anexo III.

Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

c) As entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Considéranse atendibles todas as actividades, salvo as que expresamente se exclúan.
En todo caso, EXCLÚENSE as que de seguido se relacionan:

a) A fabricación de armamento, armas e municións, as instalacións ou infraestruturas militares ou policiais e o material ou infraestruturas destinados a limitar os dereitos individuais ou a liberdade das persoas (cárceres e centros de detención de todo tipo).

b) Os xogos de azar coas instalacións conexas.

c) A produción, transformación ou distribución de tabaco.

d) As actividades cuxo impacto sobre o ambiente só pode ser atenuado ou compensado en moi escasa medida.

e) As actividades que poidan ser controvertidas por razóns de orde moral ou ética.

f) As actividades cuxo único propósito sexa a promoción inmobiliaria.

Requisitos principais do proxecto

1. Importe.

O importe do préstamo a avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste apartado. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 € por convocatoria.

2. Prazo.

O prazo mínimo do préstamo a avalar será de 3 anos e non superior a 10 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

3. Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases poderá ser:

- Fixo: 3,0% máximo
- Variable: euribor a prazo de 6 meses + Tipo adicional: 2,25 %

4. Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por tódolos conceptos na formalización será do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobro da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % por tódolos conceptos na formalización, sen prexuízo da comisión de aval, para a que poderán cobrar ata o 1,00 %, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e da aportación ao capital social da SGR, pola que poderán cobrar ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado. Todos estes conceptos determinaranse e aboaranse ao inicio da operación, e poderán ser financiados co propio préstamo. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR.

5. Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. No caso de operacións de importe superior a 150.000 €, as operacións poderán ser coavaladas por máis dunha SGR adherida. A estes efectos, todas as referencias destas bases ás operacións de aval e ás SGR descritas en singular, entenderanse realizadas en plural.

As contra garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

As SGR poderán tomar adicionalmente garantías reais sempre que non recaian sobre activos líquidos ou financeiros, nos seguintes casos:

i. En operacións cunha duración superior a 7 anos e importe superior a 50.000 €, ou
ii. En operacións por importe superior a 300.000 €.

Disposición e utilización:

O período de disposición e utilización dos fondos do préstamo iniciarase na data de formalización da operación e finalizará na primeira das dúas seguintes datas:

- Un ano desde a data de formalización.
- A primeira amortización

Poderán pagarse con cargo aos fondos do préstamo gastos e investimentos anteriores á data de formalización do préstamo, sempre que se atopen pendentes de pagamento dentro do período de disposición e utilización.

Investimentos ou gastos computables

A titular deberá formalizar un préstamo a longo prazo a avalar, que será aplicado do seguinte xeito:

1) Un mínimo do 40 % do seu principal será aplicado a financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

i. Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construción dos seguintes elementos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: Terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade.

Exclúense:

- Os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas.
- Investimentos financeiros.
- A adquisición de elementos de transporte nas empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada. A prestación dun servizo integrado no que a operación de transporte só sexa un elemento, como os servizos de mudanza, os servizos de correo postal ou de mensaxería, ou os servizos de recollida e transformación de residuos, non debe considerarse un servizo de transporte, e polo tanto non se aplica esta exclusión.

b) Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso, e aplicacións informáticas.

ii. Enténdese por capital corrente o pagamento dos seguintes conceptos de gasto: compras de materias primas, outros aprovisionamentos e mercadorías, gastos de persoal (soldos e salarios, indemnizacións, seguridade social e outros gastos sociais), impostos, arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, primas de seguros, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.

Tamén poderán computarse dentro deste límite o pagamento da comisión do aval así como as achegas ao capital das SGR.

Os bens obxecto de investimento ou gasto deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de disposición e utilización dos fondos, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa.

Os bens usados poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente que o prezo non supera o valor de mercado e é inferior ao custo de bens novos similares.

Os provedores e acredores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante nin cos seus órganos directivos ou xestores.

2) Un máximo do 60 % poderá ser aplicado á cancelación de débedas con entidades financeiras non avaladas pola SGR que conceda a operación, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

- Pagamento de cotas de préstamos e leasing, incluíndo cotas ordinarias e amortizacións anticipadas. Non poderá aplicarse ás operacións concedidas por administracións ou entidades públicas, ou operacións con calquera tipo de aval público.

- Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.

3) Os préstamos tamén poderán destinarse á cancelación ou reestruturación de débedas bancarias avaladas pola SGR que conceda a operación. Os importes que se destinen a esta finalidade non se computarán a efectos das porcentaxes sinaladas nos apartados C.1) e C.2) anteriores, podendo aplicarse o 100 % do novo préstamo a esta finalidade.

No caso de que as operacións canceladas con este préstamo conten con subvención dos seus gastos financeiros por parte do Igape, a súa amortización total anticipada como consecuencia deste refinanciamento non suporá o reintegro da mesma.

Cando o refinanciamento se materialice sobre unha única operación avalada coas mesmas entidade de crédito e SGR avalista, en lugar de instrumentarse un novo préstamo, poderá formalizarse unha novación modificativa da operación preexistente.

Contía das axudas

O apoio do Igape consiste nun reaval de, como máximo, o 25 % do risco asumido polas SGR, que facilite o acceso ao crédito.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ás 8:00 h. e finalizará o 30 de setembro de 2022 ás 14:00 h, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outra axuda pública ou privada, pero, en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis. De xeito xeral, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais e, para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 €. Para as empresas do sector da pesca, non poderán superar 30.000 € e para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 €.

A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento da solicitude da axuda. Así mesmo, a SGR deberá comunicar ao Igape, a porcentaxe de reaval obtida doutros organismos, así como as axudas en minimis implícitas no mesmo.

Referencia lexislativa

Resolución do 13 de abril de 2022 (DOG Nº76 do 21/04/2022) - Bases financiamento Igape-pemes 2022
Resolución do 5 de maio de 2022 (DOG Nº93 do 13/05/2022) - Adhesión entidades financeiras

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

*Tramitación:
Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es

Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento no que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez rexistrada a solicitude, o Igape remitiralle o contido do formulario electrónico da solicitude á SGR a través da Extranet de entidades colaboradoras.

Nun prazo máximo de 35 días hábiles dende a presentación da solicitude, a SGR designada deberá comunicar ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras a súa decisión e a da entidade de crédito respecto á concesión da operación financeira

Observacións

O prazo máximo para a formalización da operación financeira, ou, no seu caso, para a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión do Igape, será de 2 meses contados desde o día seguinte ao da data de notificación da concesión ao beneficiario.

A xustificación de finalidades do préstamo, deberá presentarse no prazo de 15 días hábiles seguintes á total utilización do préstamo.

Entidades adheridas ao convenio:

- Caixa Rural Galega
- Abanca
- Banco Santander
- Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.
- Banco de Sabadell
- Bankinter
- CaixaBank