Venres, 14 Febreiro 2020 10:12

Un total de 50 mozos e mozas poderán especializarse en comercio exterior e contribuír á internacionalización das pemes galegas

A Xunta destina 2,5 M€ á convocatoria do programa de bolseiros do Igape, dirixido a titulados universitarios ou en FP que poderán formarse en diferentes destinos mundiais e mellorar a súa empregabilidade, ao tempo que se potencia a competitividade do tecido produtivo. Esta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria beneficiou desde a súa posta en marcha a 329 profesionais, que colaboraron na promoción exterior das empresas galegas desde mercados como Filipinas, Canadá, Estados Unidos, China, Australia, Corea do Sur ou Emiratos Árabes.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza o programa de bolseiros do Igape, que permite aos participantes a adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial. En concreto, incrementa a súa dotación orzamentaria nun 43% na nova convocatoria que vén de aprobar o Consello da Xunta, e que achegará 2,5 millóns de euros para fortalecer a especialización e a contratación de 50 novos titulados, dez máis que na edición anterior desta liña de apoios.

A convocatoria, que se publicará proximamente, vai dirixida a persoas nacidas a partir de 1990, con titulación universitaria ou profesional no eido empresarial, e achegará formación práctica conxunta en Galicia durante 12 meses e especialización sobre o terreo en destinos mundiais, onde colaborarán, a través do Igape, en proxectos de internacionalización de empresas galegas durante outros 12 meses.

Outra das novidades que inclúe o programa nesta edición é a ampliación dos países nos que os seleccionados completarán a súa formación no estranxeiro e que inclúen mercados internacionais de interese estratéxico para o tecido empresarial galego como China, Dubai, Canadá, Brasil, Marrocos ou Reino Unido.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria contribúe así á capacitación profesional de novos titulados na internacionalización de empresas, á mellora da súa empregabilidade para facilitar o seu acceso ao mercado laboral e ao desenvolvemento de proxectos de internacionalización das pemes galegas nos que colaborarán os bolseiros achegando os seus coñecementos ao tempo que reforzan a súa formación práctica.

A programación das bolsas abrangue o estudo dos sectores máis importantes dos mercados estranxeiros, a análise das oportunidades e debilidades dos sectores estratéxicos galegos en relación coa súa internacionalización e o estudo das formas de introdución das empresas nos mercados internacionais, contando para a aprendizaxe co apoio de titores tanto nas estadías no estranxeiro como en Galicia.

Este programa facilitou desde a súa posta en marcha a capacitación de 329 novos titulados galegos, que se especializaron en comercio exterior mentres colaboraron coa internacionalización das empresas de Galicia desde mercados tan dispares como Xapón, Filipinas, Canadá, Tailandia, Estados Unidos, China, Australia, Brasil, Corea do Sur ou Emiratos Árabes, entre outros.

A iniciativa inclúese nos diferentes instrumentos impulsados pola Xunta para contribuír ao incremento da competitividade exterior das empresas galegas, que lograron exportar de xaneiro a novembro do ano pasado produtos por un total de 20.369 millóns de euros. De continuar esta tendencia, en 2019 as vendas no exterior superarán por terceiro ano consecutivo os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017.

Do mesmo xeito, este programa súmase a outras iniciativas que ten en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a incorporación e retención de talento no mercado laboral galego, como o programa Profesionais 4.0 e as iniciativas Principia e Talento Sénior. Estas dúas últimas teñen convocatorias activas por dous millóns de euros para impulsar a contratación de 120 profesionais de I+D+i en empresas e organismos de investigación. Entre estas tres iniciativas, máis o programa de bolseiros do Igape, desde o ano 2016 impulsouse a formación e a contratación de máis de 700 profesionais cualificados, cun investimento público que supera os 12,5 millóns de euros.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios