Xoves, 13 Febreiro 2020 09:19

Comeza na Cidade da Cultura a quinta edición do coworking de Santiago con 22 proxectos empresariais vinculados ás industrias culturais e as TIC

Nos próximos días tamén darán comezo as accións de formación e asesoramento do resto dos dez espazos apoiados pola Xunta en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI).

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2020.- Comeza na Cidade da Cultura a quinta edición do coworking de Santiago de Compostela, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás, onde os promotores de 22 iniciativas de emprendemento recibirán formación, asesoramento e titoría durante os próximos cinco meses na posta en marcha das súas iniciativas empresariais.

As actividades dos 22 emprendedores -17 mulleres e 5 homes- que participan na aceleradora compostelá centraranse no sector cultural e as TIC, nos que está especializado este espazo. Así, entre as iniciativas, inclúense proxectos de deseño e produción de produtos artesanais, deseño de xoiería creativa, fotografía e dirección creativas, ilustración, posta en valor do patrimonio galego, turismo e ensino e asesoramento en distintos ámbitos.

Durante a súa estancia no Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás (CEM), poderán tamén acceder aos recursos técnicos e formativos deste espazo e da programación anual da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento, ademais de aproveitar para crear redes de contactos con preto dun centenar de emprendedores residentes no CEM, na procura de sinerxías e oportunidades de negocio.

Nos próximos días darán comezo tamén as accións de formación e asesoramento no resto de espazos coworking da rede impulsada pola Xunta, que nesta edición contará con tres novas aceleradoras relacionadas con actividades específicas. Así, a do Ribeiro, situada no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que a aceleradora de Palas de Rei (Lugo) se centrará no Camiño de Santiago para fomentar o emprendemento na ruta xacobea. O espazo que se abrirá no Morrazo, en Moaña, impulsará a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

As novas aceleradoras súmanse ás xa en funcionamento en edicións anteriores, abertas na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela; Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa).

A rede de espazos coworking promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Ademais desta iniciativa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición dos emprendedores instrumentos de apoio que inclúen axudas directas habilitadas a través de programas como Galicia Emprende ou Galicia Rural Emprende, préstamos directos no marco do programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, ou o financiamento a través de fondos de capital risco como Galicia Iniciativas Emprendedoras que coordina XesGalicia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios