Venres, 07 Febreiro 2020 13:06

A Xunta reforza o seu programa de avais para facilitar o acceso ao financiamento de máis de 200 pemes e autónomos

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, asina un acordo de colaboración coas dúas Sociedades de Garantía Recíproca galegas e sete entidades bancarias para favorecer o apoio financeiro ao tecido produtivo. O director do Igape, Juan Cividanes, destaca que permitirá operacións comprendidas entre 3000 euros e un millón para mellorar a situación financeira do tecido empresarial. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a nova convocatoria do Galicia Inviste, que achegará financiamento a 120 iniciativas que suman 35 millóns de euros. As dúas liñas de axudas enmárcanse no Plan de financiamento empresarial, mediante o que o Goberno galego apoiará este ano 1900 proxectos de emprendedores e empresas galegas.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía Emprego e Industria reafirmou hoxe o seu compromiso co apoio ao financiamento dos proxectos empresariais das pemes e os autónomos galegos no acto de firma do convenio de colaboración asinado esta mañá en Santiago de Compostela polo o director do Igape, Juan Cividanes, e representantes das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) galegas e de sete entidades financeiras.

O acordo activa a nova convocatoria do programa de avais que o Consello da Xunta aprobou recentemente, coa que este ano se destinan 2,7 millóns de euros a estas axudas, un 140% máis que na convocatoria anterior. Como lembrou o director do Igape, a través desta nova liña, facilitarase a realización de distintos tipos de operacións de financiamento comprendidas entre 3.000 euros e un millón, para mellorar a situación financeira de arredor de 210 pequenas e medianas empresas e emprendedores, incrementando tamén os créditos mobilizados.

Mediante operacións avaladas ata nun 100% polas SGR que, á súa vez, contan cun reaval da Consellería de Economía, Emprego e Industria que pode abranguer ata o 25% do risco asumido, favorécese o acceso ao financiamento de pemes e autónomos.

Na sinatura, na que ademais de representantes de Afigal e Sogarpo -as dúas SGR galegas- participaron Abanca, Bankinter, Banco Santander, BBVA, CaixaBank, Caixa Rural e o Banco Sabadell, Cividanes destacou que o programa que posibilita o convenio permitirá a mobilización en Galicia de 57,6 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes para a nova convocatoria, que vén de publicar o DOG, permanecerá aberto ata o próximo 30 de setembro.

Esta liña de financiamento para pemes desenvólvese no marco do Plan de financiamento empresarial de Galicia para 2020, aprobado polo Goberno galego recentemente co obxectivo de facilitar financiamento para 1900 proxectos de emprendedores, microempresas e pemes. Cun orzamento de 103 millóns de euros, prevé mobilizar preto de 300 millóns de euros a través de instrumentos financeiros que contribúen á creación de empresas, crecemento das pemes da industria e tamén ao apoio ás actividades de innovación.

Nova convocatoria do Galicia Inviste

Tamén ao abeiro dos apoios ao financiamento que inclúe para este ano o Plan, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar, a través do Igape e segundo recolleu esta semana o Diario Oficial de Galicia, a nova edición do programa Galicia Inviste, que prevé apoiar iniciativas das pemes que suman 35 millóns de euros, para a súa creación, crecemento e mellora da competitividade.

Dotada con 9 millóns de euros ata 2022, a nova convocatoria desta iniciativa estará aberta ata o 30 de decembro e poderá favorecer arredor de 120 proxectos empresariais de investimentos comprendidos entre 50.000 e 2 millóns de euros. Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o programa vai dirixido ás pemes que desenvolvan proxectos de investimento relacionados coa obra civil ou coa adquisición de maquinaria e de bens de equipo para a creación de novos establecementos ou para a modernización e diversificación dos existentes.

As axudas, que poden chegar ata o 30% dos investimentos subvencionables no caso das pequenas empresas e ata o 20% para as medianas, abranguen sectores produtivos diversos: industrias extractiva e manufactureira; de xestión e valorización de residuos; reparación de vehículos; loxística; hostalería; sector TIC; e servizos técnicos.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios