Luns, 19 Decembro 2011 01:00

Economía e Industria priorizará os apoios aos proxectos empresariais que incorporen innovación

O director do Igape, Javier Aguilera salientou hoxe na Tecnópole o privilexiado marco de apoio existente para dinamizar a actividade empresarial en Ourense, ao abeiro do Plan Impulsa. O director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, expuxo as liñas principais das axudas a proxectos empresariais de I+D de alto impacto ao amparo do programa FEDER-Innterconecta Galicia, "que multiplicará por sete cada euro destinado pola Xunta".

Ourense, 19 de decembro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria concederá especial atención aos proxectos empresariais que incorporen innovación para mellorar a competitividade, segundo quedou de manifesto na xornada técnica sobre Incentivos e Axudas á Innovación das Pemes organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) esta mañá na Tecnópole e na que participaron, entre outros, o director xeral do Igape, Javier Aguilera, e o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla.

Javier Aguilera salientou que as liñas estratéxicas de apoio á iniciativa empresarial que impulsa a Consellería de Economía e Industria están orientadas a facilitar o financiamento de novos investimentos e da actividade regular das empresas; os proxectos de incorporación da innovación para mellorar a competitividade das pemes xa existentes; e as iniciativas orientadas a iniciar ou consolidar a internacionalización das empresas galegas.

O director do Igape destacou que, en calquera destes tres ámbitos de actuación estratéxica, as empresas de Ourense dispoñen dun marco de apoio privilexiado, especialmente no ámbito dos novos investimentos empresariais, con subvencións mínimas garantidas que poderán chegar ao 30% no caso de proxectos de nova implantación en Galicia impulsados por pequenas empresas, e con préstamos directos sen custos.

O máximo responsable do Igape lembrou igualmente que os proxectos de mellora da competitividade impulsados por empresas de Ourense teñen acceso preferente aos apoios, dado que, entre os criterios de avaliación, o de localización nesta provincia recibe a puntuación máxima, como ocorre tamén coas iniciativas empresariais que buscan o apoio do Instituto para facilitar a internacionalización das empresas; neste caso, se as empresas son de Ourense, á subvención concedida súmaselle, a maiores, un 5% máis.

Pola súa parte, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, expuxo as liñas principais das axudas a proxectos empresariais de I+D de alto impacto ao amparo do programa FEDER-Innterconecta Galicia. Explicou que nestas datas, tralo peche hai menos dunha semana do prazo de recepción de proxectos, comezará a avaliación das propostas recibidas desde consorcios de empresas galegas en colaboración de centros públicos de investigación, mostrándose convencido de que "non decepcionarán e permitirán mobilizar os 60 millóns de euros que nos puxemos como obxectivo cando lanzamos a convocatoria".

Capilla enmarcou esta iniciativa como a máis ambiciosa no ámbito do apoio público á innovación empresarial que se realizou ata o momento en Galicia e animou aos máis de cen empresarios presentes na xornada "a que sigan pensando en proxectos nesta liña porque as axudas públicas van ir por ese camiño, o das iniciativas consorciadas en colaboración con centros de coñecemento e con potencial demostrado de creación ou mellora de produtos, procesos e servizos en sectores estratéxicos para a economía galega", apuntou.

O Innterconecta-Galicia, impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía e Industria e o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) para cofinanciar proxectos de I+D en áreas produtivas estratéxicas, ten na aposta competitiva pola innovación e na creación de emprego a principal xustificación da achega económica que a Xunta realiza neste programa, cofinanciado con fondos FEDER e que se traducirá nun investimento total público-privado "que multiplicará por sete cada euro destinado pola Xunta", segundo cuantificou o director xeral.

Pola súa banda, o director da área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, adiantou para os empresarios asistentes ao encontro da Tecnópole o contido das liñas de apoio que convocará o Igape en 2012 para facilitar as iniciativas orientadas á mellora da competitividade das pemes mediante a incorporación de innovación.

No encontro informativo sobre Incentivos e axudas á innovación nas pemes participou tamén Isabel Aneiros, que facilitou información sobre os instrumentos de financiamento que pode achegar Xesgalicia, vía capital risco ou en forma de préstamos participativos, para apoiar proxectos empresariais especialmente innovadores.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios