Martes, 17 Xaneiro 2012 01:00

O Igape recibe a unha delegación turca interesada no modelo galego de promoción empresarial

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, recibiu á delegación da axencia de desenvolvemento turca AHILER e sinalou que os encontros destes días poderán servir para intensificar as relacións comerciais entre Galicia e Turquía. A delegación turca tamén se reunirá con responsables de XesGalicia e BIC Galicia, do Inega, do CIS Madeira ou da Tecnópole.

Santiago, 17 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria recibe a unha delegación da axencia de desenvolvemento AHILER, procedente da rexión de Capadocia, en Turquía, interesada no modelo galego de promoción económica, baseado no emprendemento, a mellora da competitividade e a internacionalización como eixos estratéxicos de actuación.

Esta misión, recibida hoxe polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, forma parte do desenvolvemento dunha iniciativa da Unión Europea financiada dentro do Proxecto Leonardo, co obxectivo de coñecer experiencias de desenvolvemento, de emprendemento, de innovación e de apoio ás empresas impulsadas en Galicia.

Durante o seu encontro cos membros da delegación, Aguilera salientou que o potencial de crecemento de Turquía convértea nun dos mercados de interese para Galicia, de xeito que a Xunta ten incluído a Istambul na Rede Pexga de plataformas empresariais no exterior, para dinamizar as relacións comerciais entre ambos territorios.

O director do Igape amosou igualmente o seu desexo de que os encontros destes días sirvan para intensificar as relacións comerciais entre Galicia e Turquía. Nas súas xuntanzas con técnicos e directivos do Igape, os membros da delegación turca están a coñecer os instrumentos e experiencias de ámbitos de actuación relacionados coa promoción do emprendemento, a creación de novas empresas, os programas de apoio á mellora da competitividade a través da innovación ou as iniciativas para facilitar a internacionalización empresarial.

Ademais dos seus encontros no Igape, que incluirán reunións con responsables de Xesgalicia e de BIC Galicia, a delegación procedente de Turquía ten previsto visitar, entre outras entidades, o Centro de Innovación e Servizos (CIS) da Madeira e o Parque Tecnolóxico de Galicia, en Ourense, ou Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). A axencia de desenvolvemento AHILER comezou a operar a principios de 2010.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios