Martes, 14 Febreiro 2012 01:00

Economía e Industria e ASIME avanzan na internacionalización do sector metalúrxico galego

A asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia explorou co apoio do Igape posibilidades de negocio en mercados como Rusia ou India e xa facilitou a implantación de empresas galegas en Brasil. O director do Igape salienta a importancia de que existan en Galicia agrupacións de empresas e clusters empresariais con potencial competitivo e ambición para explorar e conquistar espazos de negocio en mercados internacionais.

Santiago, 14 de febreiro de 2012.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro con directivos da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME), encabezados polo seu secretario xeral, Enrique Mallón, quen destacou os importantes apoios que a Consellería de Economía e Industria ten achegado —especialmente a través do Igape—para facilitar a exploración de novos mercados e a internacionalización das empresas deste sector, de interese estratéxico para Galicia.

O director xeral do Igape salientou a importancia de que existan en Galicia empresas e agrupacións e clusters empresariais con potencial competitivo e ambición para explorar e conquistar espazos de negocio en mercados internacionais que manteñen altas taxas de crecemento, e confirmou que a Consellería de Economía e Industria mantén a súa aposta firme por apoiar esta vía de acción para impulsar o crecemento do tecido empresarial en Galicia.

Asime sempre concedeu especial importancia ás iniciativas de internacionalización, labor que ten intensificado durante os últimos anos para apoiar a diversificación de mercados das empresas asociadas como vía para superar as dificultades que algunhas delas atravesan. Para avanzar nas súas iniciativas cara a mercados exteriores, especialmente para a organización de misións internacionais ou presenza en feiras, pero tamén para facilitar a implantación no exterior, Asime ten contado co apoio do Igape.

Entre as iniciativas apoiadas está a constitución de Asime Business Center, sociedade promovida por Asime para promover e facilitar a implantación do sector metalúrxico no exterior. Esta sociedade xa conta cunha filial en Brasil, Asime BC do Brasil, asentada en Río de Xaneiro e integrada sobre todo por empresas de construción e reparación naval, construción civil e outras actividades relacionadas.

Nestes momentos, Asime ten como outros mercados obxectivo os de Rusia e India, países que Asime ten explorado, tamén co apoio do Igape, e sobre os que ten boas expectativas de negocio futuro, como tamén as ten con respecto a outros mercados como Panamá, Marrocos ou Oriente Medio, próximo destinos seleccionados.

A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, ASIME, foi constituída en 1977 para defender e mellora da competitividade deste importante sector. Conta na actualidade con máis de 1.000 empresas que conforman o 90% do emprego, a facturación e o investimento de actividades como construción e reparación naval, automoción, aeronáutica, metalmecánica, construcións metálicas, fundición, forxa e estampación, industrias de ferralla, ascensores, servizos de asistencia técnica, instaladores de telecomunicacións, recubrimientos e acabados, carpintaría metálica, carpintaría de aluminio e cerramentos, subministracións comerciais e outros afíns.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios