Sábado, 03 Marzo 2012 01:00

Máis de 70 empresas participaron no punto de encontro coa plataforma da rede Pexga en Arxentina

A directora da plataforma empresarial con sede en Bos Aires, María Teresa Galiñanes Riveiro, atendeu consultas individualizadas e recibiu encargos referidos tamén aos veciños mercados de Uruguai, Paraguai e Chile. Informes sectoriais, listas de distribuidores ou localización de posibles aliados nos mercados obxectivo foron algunhas das demandas máis repetidas. O encontro serviu tamén para que as empresas interesadas recibisen información dos técnicos do Igape sobre as axudas e servizos do Instituto para impulsar a internacionalización en 2012.

Santiago, 3 de marzo de 2011.- Representantes de máis de 70 empresas e asociacións empresariais pertencentes a diversos sectores foron atendidos esta semana pola directora da plataforma con sede en Bos Aires, María Teresa Galiñanes Riveiro, nun encontro que se desenvolveu na sede do Igape para achegar ao tecido empresarial galego os servizos de internacionalización habilitados mediante a Rede Pexga, creada ao amparo do convenio entre o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria e a Confederación de Empresarios de Galicia.

A directora da oficina con sede en Arxentina mantivo entrevistas individualizadas con representantes de máis de 70 empresas ou asociacións empresariais que coincidiron á hora de amosar unha plena concienciación sobre a necesidade de conquistar mercados exteriores, ao tempo que recoñeceron a necesidade de información e asistencia en destino. Informes sectoriais, listas de distribuidores ou localización de posibles aliados nos mercados obxectivo foron algunhas das demandas nas que coincidiron a maioría dos empresarios que acudiron ao encontro desenvolvido esta semana en Santiago.

Entre as empresas participantes neste punto de encontro coa plataforma Pexga de Arxentina destacaron as de sectores relacionados coa construción, os servizos de consultaría, as actividades informáticas, as de produtos agroalimentarios, maquinaria ou sector naval. As consultas e os encargos recibidos estaban referidos principalmente a Arxentina, pero tamén aos veciños mercados de Uruguai, Paraguai e Chile.

Durante os días que durou este punto de encontro, os empresarios que así o solicitaron tiveron tamén a oportunidade de recibir información facilitada por técnicos do Igape sobre as axudas e servizos habilitados polo Instituto para facilitar a internacionalización das empresas galegas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios