Luns, 05 Marzo 2012 01:00

O programa de diagnósticos de competitividade do Igape axudará a mellorar a xestión das empresas

O director xeral do Instituto, Javier Aguilera, amosouse convencido de que diagnósticos serán un instrumento fundamental para acadar a modernización do tecido empresarial galego. Con este programa desenvolverase un traballo individualizado con cada empresa para avanzar nas propostas de accións de mellora. A esta experiencia piloto seguirá unha ampliación da oferta de diagnósticos facéndoa extensiva a todas as empresas interesadas.

Santiago, 5 de marzo de 2012.- O novo programa de servizos da Consellería de Economía e Industria baseado na elaboración de diagnósticos gratuítos específicos axudará ás empresas a desenvolver unha xestión capaz de mellorar a súa competitividade.

Nun encontro celebrado hoxe en Santiago, comezou o desenvolvemento o ciclo de xornadas desta experiencia piloto. No encontro, o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, amosouse convencido de que "os diagnósticos de competitividade serán un instrumento fundamental para acadar a modernización do tecido empresarial galego e para xestionar os recursos públicos de forma máis eficiente".

O programa de diagnóstico de competitividade que se está a iniciar mediante estas xornadas formativas desenvolverase en dúas fases diferenciadas. A primeira, que se abre esta semana, estará centrada na formación sobre a metodoloxía de diagnóstico. A continuación, desenvolverase un traballo individualizado con cada unha das empresas seleccionadas para chegar a un consenso sobre o seu estado actual e as correspondentes propostas de accións de mellora.

Como resultado desta experiencia as empresas obterán información directa sobre os seus puntos fortes e febles, así como recomendacións sobre unha serie de accións e medidas que a empresa pode adoptar para mellorar en determinados aspectos. Neste proceso, tamén se lles aconsellará, sobre as axudas e servizos do Igape ou doutros organismos que poidan ser aplicables á súa situación ou proxectos en marcha.

Ademais das 20 empresas seleccionadas, poderán tamén asistir á formación outras dez empresas. A xornada formativa desenvolvida en Santiago vai ter continuidade con outras dúas que se celebrarán mañá, día 6, en Lugo e o mércores, día 7, en Vigo. Nas tres xornadas, iniciarán o proceso de diagnóstico de competitividade ás 20 empresas que participan nesta experiencia piloto, á que seguirá unha ampliación da oferta facéndoa extensiva a todas as empresas interesadas.

O Igape seleccionou a 20 empresas, de acordo cos criterios de desenvolvemento territorial que a Xunta está a aplicar mediante os diferentes plans de dinamización económica, na selección tiveron prioridade ás empresas de Lugo, Ourense, Ferrol e Costa da Morte. Outro dos criterios de selección foi a pertenza a un clúster; así, entre as empresas participantes hainas dos clúster da madeira, téxtil, naval e TIC.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios