O Porriño (Pontevedra), 3 de abril de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe no Porriño, na visita ás instalacións da empresa Industrias Proa, que o crecente compromiso das pemes galegas coa incorporación de tecnoloxías 4.0 é unha das claves que explican a mellora da súa competitividade e dos seus avances na internacionalización.
Contando co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, Industrias Proa investiu nun proxecto piloto 4.0 que incorpora sistemas innovadores como un laboratorio monitorizado para realizar ensaios de aplicación de pinturas reproducindo as condicións esixidas nas cadeas de produción de automóbiles. A automatización dos ensaios facilita o deseño, produción e homologación de novos produtos e novos procesos.
Industrias Proa emprega a máis de 80 traballadores, factura arredor de 14 millóns de euros e exporta o 19% da súa produción. O director do Igape salientou que esta empresa destaca tanto pola súa alta especialización no fabricación de pinturas e esmaltes como pola diversidade de sectores e clientes para os que traballa, que van desde a automoción ao naval, pasando pola construción e decoración ou o sector conserveiro.
Cividanes destacou o apoio da Xunta á incorporación das empresas galegas á Industria 4.0. A través do Igape destináronse nos dous últimos anos 5,3 M€ a 66 proxectos de empresas coordinadas polos clústeres de automoción, agroalimentación, madeira, metalmecánico, aeronáutico e naval, o que supuxo a mobilización de 15M€ en investimentos innovadores. Estas empresas apoiadas para realizar investimentos 4.0 suman 2.360 empregados
O director do Igape salientou igualmente que pertencen ao sector da automoción 19 proxectos de empresas galegas que están a investir no ámbito 4.0, coordinadas polo clúster sectorial, Ceaga. Son proxectos que mobilizan 5,5 millóns de euros, máis do 36% do total.
Este ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé dar un pulo importante á modernización do tecido produtivo, tanto coa terceira convocatoria para proxectos piloto e investimentos 4.0, que se activara no segundo semestre, como a través do novo programa de apoio á dixitalización empresarial, convocatoria actualmente aberta que conta cunha dotación de 5M€.
Deste xeito, a Xunta continúa impulsando o desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, que se aprobou en 2015 co obxectivo de apoiar a transformación do tecido produtivo galego. O primeiro plan bienal da Axenda serviu para impulsar accións por 143 millóns de euros, e acadou unha mobilización público-privada de 342M€ mediante accións que beneficiaron a 4.200 empresas. O presente plan bianual (2017/2018) esta dotado con máis de 175 millóns de euros.