Sábado, 31 Marzo 2012 02:00

Medio cento de empresas galegas participaron no punto de encontro coa plataforma Pexga de Francia

Medio cento de empresas galegas participaron no punto de encontro coa plataforma Pexga de Francia, que se desenvolveu esta semana en Santiago de Compostela. Sete destas empresas participaron ademais nun encontro de traballo coa directora da plataforma, Belén García, para estudar posibles alianzas e vías de colaboración entre elas nese mercado. Desde a súa apertura no pasado mes de outubro, a plataforma empresarial de Francia prestou servizos a preto de cen empresas.

Santiago, 31 de marzo de 2011.- Medio cento de empresas e asociacións empresariais pertencentes a diversos sectores foron atendidos esta semana en Santiago pola directora da plataforma empresarial de Galicia con sede en París, Belén García Fernández, nunha sucesión de encontros persoais previamente concertados que se desenvolveron no Igape, co obxectivo de achegar ao tecido empresarial galego os servizos de internacionalización habilitados mediante a Rede Pexga, impulsada no marco do convenio de colaboración entre o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria e a Confederación de Empresarios de Galicia.

A responsable da oficina da Pexga en Francia mantivo entrevistas individualizadas con representantes de empresas ou asociacións empresariais interesadas e iniciar ou en ampliar as súas relacións comerciais neste país, de especial interese para Galicia pola súa proximidade e potencial económico. Dentro de Europa, Francia é o primeiro destino das exportacións galegas, cunha cota en 2011 do 28% das vendas. Desde a súa apertura no pasado mes de outubro, a plataforma empresarial de Francia prestou servizos a preto de cen empresas.

Entre as empresas participantes neste punto de encontro coa plataforma Pexga de Francia destacaron as de sectores relacionados coa construción, o comercio, as actividades informáticas ou a fabricación de mobles e outras industriais manufactureiras. Informes sectoriais, listas de distribuidores franceses, localización de posibles aliados nos mercados obxectivo ou preparación de axendas de traballo foron algunhas das demandas nas que coincidiron a maioría dos empresarios que acudiron ao encontro desenvolvido en Santiago, que tamén coincidiron á hora de amosar unha plena concienciación sobre a necesidade de conquistar mercados exteriores, ao tempo que recoñeceron a importancia de contar con información e asistencia en destino.

Para pechar este punto de encontro da plataforma Pexga en París desenvolveuse un grupo de traballo no que participaron directivos de sete empresas galegas con interese polo mercado francés, que aproveitaron para establecer contacto entre elas, con vistas a estudar posibles accións de colaboración para xerar sinerxías positivas nese proceso de iniciación ou consolidación da súa apertura ao exterior en Francia. As empresas participantes neste encontro de traballo, correspondentes a sectores diversos, foron Plexus, Aceites Abril, Tórculo, Preme, Industrial Recense, Vía Business Solutions e Grupo Ramón García.

Durante os días que durou este punto de encontro, os empresarios que así o solicitaron tiveron tamén a oportunidade de recibir información facilitada por técnicos do Igape sobre as axudas e servizos habilitados polo Instituto para facilitar a internacionalización das empresas galegas.

Favorecer a proxección exterior das empresas galegas é un dos obxectivos estratéxicos dentro das actuacións promovidas pola Consellería de Economía e Industria, que este ano destina 12,5 millóns de euros para as axudas á internacionalización xa convocadas e que dispón ademais dun amplo abano de servizos para apoiar o incremento das exportacións.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios