Venres, 30 Marzo 2012 02:00

O plan re-Acciona facilitará asesoramento especializado en competitividade e internacionalización

O novo programa do Igape permitirá a realización de máis de 2.200 diagnósticos e servizos de alto valor engadido, cun orzamento de 5 millóns de euros en dous anos. O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra, destaca que este Plan Re-Acciona é unha proposta que ?responde á reorientación do Igape como un Instituto centrado na prestación de servizos de alta calidade?. As liñas de axudas do Igape destinaron máis de 73 millóns de euros a mellorar a competitividade e a internacionalización en preto de 5.600 proxectos empresariais, durante a lexislatura.

Santiago, 30 de marzo de 2012.- O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Javier Guerra, presentou hoxe o Plan Re-Acciona, un programa pioneiro na administración galega deseñado para prestar ás pemes galegas un servizo de asesoramento especializado na mellora competitiva e na internacionalización da empresa galega, adaptado ás necesidades particulares de cada empresa.

O conselleiro explicou que o programa Re-Acciona é unha proposta que reforza a estratexia dun Igape próximo que ofrece solucións ás necesidades reais das pemes e responde á súa reorientación como un Instituto centrado na prestación de servizos de alta calidade.

Javier Guerra destacou que ?o compromiso do Igape? coa pequena e mediana empresa levou á Consellería a deseñar o Plan Re-Acciona, cun orzamento de 5 millóns de euros e unha duración de 2 anos. Con este Programa, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e de competitividade, así como servizos avanzados de alto valor engadido, a custo moi reducido para as empresas, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión.

Ademais, os servizos avanzados reforzaranse cun programa para a inserción nas empresas de 100 especialistas recentemente titulados, que axudarán no desenvolvemento das melloras propostas, ademais de recibir formación teórica e práctica. Por outra banda, ao amparo do Re-Acciona o Igape prevé facer entrevistas de prediagnóstico en ao redor de 1.000 empresas galegas durante o primeiro ano, co obxectivo de detectar as súas necesidades e reorientalas aos servizos especializados que precisen.

Os diagnósticos terán unha duración aproximada entre 15 días e 2 meses, dependendo das necesidades de diagnóstico de cada empresa e do seu tamaño. Con este servizo, obterán un recoñecemento completo da empresa, realizado en estreita colaboración co empresario. Neste proceso analizaranse cada unha das áreas e métodos da empresa, detectando puntos fortes e débiles, para propor medidas concretas de cambio que se poderán aplicar na empresa de forma inmediata, para a mellora dos seus resultados.

Guerra concluíu que o programa Re-Acciona "completa a estratexia dun Igape próximo, que reacciona ante as necesidades reais dos empresarios" e destacou que as liñas de axudas do Instituto permitiron destinar máis de 73 millóns de euros a mellorar a competitividade e a internacionalización das empresas galegas, favorecendo a mobilización de investimentos, por máis de 200 millóns de euros en preto de 5.600 proxectos, durante a lexislatura.

As empresas interesadas no plan Re-Acciona poden solicitar xa os pre-diagnósticos do Igape. E para obter máis información poden acceder á web www.igape.es/reacciona

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios