Mércores, 12 Setembro 2012 02:00

Comeza o período de especialización dos 100 novos titulados seleccionados polo programa Reacciona

bolseiros3O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou a oportunidade profesional que ofrece este programa aos seleccionados entre preto de 700 solicitantes, que participarán na implantación dos servizos avanzados que ofrece o plan Reacciona ás pemes para obter melloras competitivas concretas. Os seleccionados incorporaranse progresivamente, en función dos servizos solicitados polas empresas e das súas titulacións, para procurar a maior especialización e eficacia do Programa.

Santiago, 12 de setembro de 2012.- O período de formación e especialización dos 100 seleccionados no marco do Programa Reacciona da Consellería de Economía e Industria comezou hoxe, co obxectivo de que estes novos titulados poidan participar na implantación dos servizos avanzados que o Programa ofrece ás pemes galegas, para a incorporación de melloras competitivas concretas.

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, participou no primeiro encontro formativo do Reacciona, no que destacou a oportunidade profesional que se está abrindo para os 100 seleccionados, entre preto de 700 solicitudes, que poderán colaborar nas estratexias de mellora de até catro empresas distintas, en aspectos craves como as finanzas, a comunicación, a estratexia ou o relanzamento comercial.

O plan de formación e especialización deseñado pola Consellería que dirixe Javier Guerra ao amparo do Reacciona vai incrementar as posibilidades dos seleccionados para acceder ao mercado laboral. O desenvolvemento deste Programa permitiralles participar activamente, baixo tutela do Igape e das empresas especializadas tamén seleccionadas polo plan, na implantación dos servizos avanzados nas pequenas e medianas empresas que o solicitan.

O programa facilitará a cada un dos seleccionados a participación nos procesos de implantación de servizos avanzados en tres ou catro empresas distintas e iranse incorporando aos proxectos en datas próximas, en función da demanda de servizos e das súas propias titulacións, para procurar a maior especialización e eficacia do Programa.

No seu conxunto, o Plan Reacciona conta cun orzamento total de 5 millóns de euros e cunha duración de 2 anos. Con este Programa, o Igape realizará máis de 2.200 diagnósticos gratuítos de internacionalización e competitividade e servizos avanzados; e tamén levará a cabo a implantación de servizos avanzados de alto valor engadido, co obxectivo de facilitar a profesionalización e a mellora na xestión das empresas beneficiarias.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios