Mércores, 03 Outubro 2012 02:00

Latinoamérica centra o interese das empresas galegas que se implantan no exterior co Plan Primex

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, reuniuse con representantes de 12 proxectos nos que cooperan 70 empresas para entrar nos mercados de Brasil, México, Panamá e República Dominicana. Con este plan orientado especialmente ás pemes promóvense proxectos de primeira implantación comercial en mercados exteriores impulsados por agrupacións de polo menos tres empresas, ou por asociacións que representen a máis de cinco empresas.

Santiago, 3 de outubro de 2012.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, reuniuse hoxe con representantes de doce proxectos colectivos que agrupan un total de 70 empresas que están a cooperar para implantarse comercialmente en mercados de Latinoamérica ao amparo do plan Primex, deseñado pola Consellería de Economía e Industria para apoiar as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas en mercados exteriores.

Nun encontro para intercambiar experiencias entre as sociedades participantes, e para avaliar co Igape as posibilidades de mellora do programa para próximas convocatorias, participaron empresas de sectores como construción e reparación naval, construción de edificios, materiais de construción, servizos de asesoramento e enxeñaría, comercio ou elaboración e distribución de produtos alimentarios. Os proxectos están a servir para avanzar na implantación comercial das empresas que colaboran nos mercados de Brasil, México, Panamá e República Dominicana.

O plan Primex, deseñado por Economía e Industria para apoiar as primeiras implantacións comerciais de empresas galegas en mercados exteriores, apoia proxectos de cooperación empresarial destinados a impulsar as exportacións de produtos e servizos galegos. Os proxectos en desenvolvemento ou en fase de avaliación polo Igape apuntan a 30 mercados distintos de todo o mundo, entre os que destacan como máis solicitados a da área latinoamericana, entre eles Brasil, México, Colombia, Panamá ou Perú.

Segundo recoñeceu hoxe o director xeral do Igape, Javier Aguilera, o tecido empresarial galego está cada vez máis comprometido coa necesaria aposta pola internacionalización, que  conforma un dos obxectivos estratéxicos impulsados pola Consellería de Economía e Industria.

O director xeral do Igape destacou que os proxectos Primex en desenvolvemento están a xerar un interesante efecto arrastre sobre outras empresas que están a ser requiridas para prestar servizos de apoio, tanto en orixe como en destino, ás compañías directamente implicadas nos proxectos apoiados pola Xunta.

Colaborando ao amparo do Plan Primex,  as empresas suman esforzos, comparten custos e, no seu caso, estratexia e marca, para introducirse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos nos mesmos.

No marco deste plan, o Igape pode apoiar tamén proxectos de centros de negocios conxuntos no exterior, para dar a coñecer ou promover produtos  ou servizos de empresas galegas amparadas por unha ou varias denominacións de orixe, un clúster ou unha ou varias asociacións; e proxectos de agrupacións de empresas para facilitar a loxística do transporte, a exposición ou a almacenaxe en destino.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios