Venres, 06 Outubro 2017 13:43

A Xunta activa o financiamento sen custos para as explotacións agrarias afectadas pola climatoloxía adversa

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria que facilitará a concesión de 3,5 millóns de euros en préstamos bancarios. Promóvese a concesión de préstamos con xuros bonificados tanto para financiamento de circulante como para refinanciamento de pasivos, buscando reforzar a estrutura financeira das explotacións galegas. A nova liña financeira pasa a formar parte do programa integral de financiamento Galicia 1000 co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé apoiar este ano, a través do Igape, o financiamento de máis de 3.000 empresas.

Santiago, 6 de outubro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras na nova liña de axudas que mobilizará arredor de 3,5 millóns de euros en financiamento de circulante ou refinanciamento de pasivos sen custo financeiro para as explotacións agrarias afectadas polas xeadas e sarabias.

A nova liña financeira facilitará a mobilización de financiamento bancario, con préstamos a partir de 3.000 euros, para que as explotacións agrarias afectadas pola adversa climatoloxía poidan funcionar con normalidade, aprazando os seus pagamentos para facer fronte ás previsibles reducións de ingresos, ou para agardar polo cobro das indemnizacións dos seguros que lles correspondan.

Así, as explotacións produtoras ou transformadoras de uva, pataca, castaña, cereal e outros produtos de horta ou froiteiras poderán aprazar os seus pagamentos adaptándoos aos ingresos e reforzar, ao mesmo tempo, as súas estruturas financeiras.

Cunha dotación orzamentaria inicial de 500.000 euros, a nova liña financeira  facilitará a mobilización de 3,5 millóns de euros en préstamos bonificados –a custo cero– para circulante ou refinanciamento de pasivos, co obxectivo de que as explotacións agrarias prexudicadas poidan facer fronte ás consecuencias da adversa climatoloxía.

Ábrese así o prazo para que as explotacións presenten as súas solicitudes nas entidades financeiras, facilitando así o acceso a financiamento sen custo financeiro para facer fronte a previsibles reducións de ingresos ou para agardar polo cobro das indemnizacións dos seguros que lles correspondan.

A nova liña financeira publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pasa a formar parte do programa integral de financiamento Galicia 1000, co que a Xunta prevé apoiar este ano a máis de 3.000 empresas mediante capital risco, préstamos directos –incluíndo a liña de instrumentos financeiros innovadores da que se informou onte no Consello da Xunta– ou microcréditos e préstamos bonificados e avalados para facilitar os investimentos e a actividade empresarial en xeral.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios