Venres, 23 Xuño 2017 12:56

A Xunta anima ás grandes empresas a seguir colaborando para avanzar na consolidación da Industria 4.0 en Galicia

O director xeral do Igape, Juan Cividanes, presentou a empresas tractoras da comunidade os resultados dos dous primeiros anos de funcionamento da Axenda da Industria 4.0 e as actuacións previstas. Salienta que desde a súa posta en marcha esta folla de ruta permitiu no seu primeiro bienio a mobilización de 342 millóns de euros e a creación de 11.500 empregos industriais. Destaca que as primeiras medidas do novo período 2017-2018, no que se investirán 175 millóns de euros, xa están en marcha, como a segunda edición do Concurso de ideas Industria 4.0

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, mantivo un encontro de traballo cunha vintena de directivos de grandes empresas tractoras aos que invitou a seguir colaborando coa Xunta para avanzar no desenvolvemento da Axenda da Industria 4.0, consolidando este novo modelo en Galicia.

Durante a reunión, Cividanes salientou que os primeiros dous anos desta folla de ruta facilitaron a mobilización de 342 millóns de euros e a creación de 11.500 empregos industriais. Destacou que, neste ámbito, a colaboración de grandes empresas neste ámbito é fundamental, porque dinamizan a actividade e contribúen á modernización de milleiros de pemes.

Con encontros como o desenvolvido en Santiago, que segue a outro celebrado cos representantes dos principais clústers galegos, a Xunta busca identificar e consensuar novas medidas para avanzar na modernización do tecido empresarial, na progresiva mellora da competitividade e na creación de máis emprego industrial de calidade.

Cividanes lembrou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 se aprobou co obxectivo de impulsar a modernización do tecido produtivo e facilitar a creación de 50.000 empregos na industria galega. Durante os dous primeiros anos impulsáronse accións por 143 millóns de euros, e que beneficiaron a 4.200 empresas.

A Xunta de Galicia prevé destinar máis de 175 millóns de euros ao desenvolvemento do segundo plan bienal desta folla de ruta, un 22% máis ca no período anterior, coa finalidade de poñer en marcha máis dunha trintena de accións que se completarán recollendo as propostas de representantes do sector industrial galego, principalmente a través dos clústeres e das grandes empresas tractoras.

Algunhas das iniciativas do segundo plan bienal 2017/18, no que se investirán 175 millóns de euros, xa están en marcha, como o caso da segunda edición do Concurso de Ideas 4.0, que apoiará seis iniciativas colectivas para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega, na fábrica virtual e na TIC industrial. A primeira convocatoria facilitou o desenvolvemento, ao abeiro de catro proxectos colectivos, de investimentos 4.0 por 38 empresas de sectores como automoción, madeira, aeronáutica e agroalimentación.

O director xeral do Igape salientou que a colaboración activa das grandes empresas, dos clústeres e centros tecnolóxicos coa administración autonómica é fundamental para consolidar os avances da Industria 4.0 en Galicia, para asegurar que a comunidade autónoma siga na vangarda da implantación da fábrica intelixente en España.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios