Madrid, 31 de maio de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Madrid na reunión constitutiva do grupo de traballo Administracións Públicas na Estratexia Industria Conectada 4.0, que se desenvolveu no Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e onde presentou, diante dos representantes do Goberno do Estado e das diferentes comunidades autónomas, as liñas mestras da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0
Cividanes salientou que o compromiso temperán da Xunta coa fábrica intelixente fixo que se aprobase en 2015 esta folla de ruta, que se está desenvolvendo con celeridade, con accións que beneficiaron a preto de 4.200 empresas nos dous primeiros anos. Subliñou igualmente que o Goberno galego prevé acelerar este proceso de modernización do tecido produtivo ao abeiro do segundo plan bienal, cun investimento previsto de 175 millóns de euros, que se está a consensuar agora.
O director do Igape lembrou que a Axenda Galicia-Industria 4.0 é un instrumento vivo ao que se van incorporando novas accións ou liñas de axuda a medida que se estima conveniente. Neste sentido, considerou de especial relevancia a cooperación aberta entre o Goberno do Estado e as diferentes autonomías no marco do desenvolvemento da iniciativa HADA e a Estratexia Industria Conectada 4.0, que conta tamén co compromiso activo da Xunta.
Expuxo, ademais, neste ámbito, que a Xunta e o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade impulsarán este ano, cun orzamento de 300.000 euros, a transformación dixital de 30 pemes industriais galegas que poderán diagnosticar a súa situación actual e aplicar un plan para avanzar na súa dixitalización contando con asesoramento especializado. Será mediante un convenio, xa aprobado polo Consello da Xunta, entre o Igape e a Fundación Escola de Organización Industrial (EOI), para o desenvolvemento na Comunidade da Estratexia da Industria Conectada 4.0.
Axudas á formación 4.0
Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe as bases de axuda a proxectos de formación no eido 4.0, que poderá beneficiar a arredor de 1.000 traballadores e mandos intermedios de empresas galegas que poderán acceder a formación avanzada no ámbito da Axenda da Competitividade que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape.
O programa de axudas á Formación 4.0, que conta cun orzamento de 700.000 euros, está orientado a organismos intermedios, como clústers e centros tecnolóxicos que organicen programas formativos nos que participen persoas vinculadas profesionalmente con pemes galegas. A iniciativa apoiará programas de formación en eidos como robótica, , internet das cousas, vehículos autónomos, ciberseguridade, loxística 4.0 ou eficiencia enerxética.
A segunda convocatoria de axudas a proxectos de Formación 4.0 cobre o 70% do custo da acción formativa aprobada, no caso de que o organismo beneficiario cumpra as condicións de pequena empresa, e o 60% no caso das medianas. As actuacións poderán desenvolverse durante 2017 e o primeiro semestre de 2018. Os participantes trasladarán os coñecementos que adquiran sobre fábrica intelixente ás súas empresas, que así mellorarán a súa competitividade.
Ao amparo da primeira convocatoria desta actuación, estanse a desenvolver proxectos colectivos de formación promovidos por clústeres e centros tecnolóxicos como Ceaga, Clusaga ou Anfaco, por organizacións empresariais como as confederacións de Ourense e Lugo, e por diferentes colexios profesionais.