Santiago de Compostela, 8 de maio de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora da Amtega, Mar Pereira, destacaron hoxe, durante a súa visita ás instalacións en Santiago de Compostela de Imaxin Software, o importante papel que están chamadas a desenvolver as empresas TIC, tanto polo súa relevancia á hora de impulsar o crecemento económico na comunidade, como no seu papel de aceleradoras do proceso de dixitalización e mellora da competitividade do tecido empresarial galego. Obxectivos que está a impulsar a Xunta a través da Axenda Galicia-Industria 4.0 e da Axenda Dixital de Galicia 2020.
Pereira e Cividanes salientaron que o Diario Oficial de Galicia pública hoxe novas resolucións coa concesión de máis de 600.000 euros en axudas destinadas a facilitar a implantación de 133 novos servizos dos programas ReAcciona e ReAcciona TIC en 110 empresas. O importe total dos servizos aprobados, que cofinancian as empresas beneficiarias, ascende a 736.596 euros.
No caso do ReAcciona TIC, os servizos máis demandados foron os de definición e posta en marcha de estratexias de marketing dixital e os diagnósticos sobre capacidades e oportunidades para a aplicación de solucións Industria 4.0. Entre os servizos do programa ReAcciona máis solicitados están os de optimización da produción e cadea loxística e os centrados en impulsar a mellora de procesos.
Imaxin Software é unha compañía con 20 anos de experiencia no desenvolvemento de software e está especializada en solucións multimedia e tecnoloxías lingüísticas. A compañía dispón de áreas de negocio especializadas na adaptación de contidos, tanto educativos como lúdicos, a formatos dixitais; solucións multilingües; e localización de software en diferentes idiomas. Entre os seus clientes están desde compañías como Microsoft a entidades e institucións galegas ou españolas, editoriais, medios de comunicación, entidades financeiras ou compañías de telecomunicacións.
O obxectivo de Imaxin Software é asesorar na aplicación de novas tecnoloxías para a mellora da produtividade en contornas de xestión e explotación da información, rompendo as barreiras lingüísticas en procesos de internacionalización e apertura das empresas cara a novos mercados. A compañía destina o 5% da súa facturación a investir en I+D+i para o desenvolvemento de novos produtos e servizos.
A factoría de software e multimedia radicada en Santiago de Compostela acolleuse ao programa ReAcciona para optimizar a súa xestión financeira e agora está a desenvolver un servizo de marketing dixital a través do ReAcciona TIC.
O Igape e a Amtega activaron en datas recentes a segunda convocatoria do ano 2017 para a solicitude dos servizos do programa ReAcciona TIC, deseñado para impulsar a mellora da competitividade e a transformación dixital das empresas a través de diferentes servizos tecnolóxicos e de industria 4.0. A convocatoria estará aberta á presentación de solicitudes ata o vindeiro 31 de maio. O Igape, pola súa parte, prevé abrir novas convocatorias do ReAcciona a partir do mes de xuño.
Estes servizos están cofinanciados pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, orientado a promover o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación e conseguir un tecido empresarial máis competitivo.