Santiago,21 de marzo de 2017A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 8 millóns de euros a axudas para facilitar a internacionalización das pemes galegas, segundo salientou o director do Igape, Juan Cividanes, durante a súa participación nunha xornada técnica sobre as convocatorias activadas.
Con estas axudas, que beneficiarán a máis de 500 empresas, a Xunta quere seguir impulsando o crecemento das exportacións galegas, que en 2016 marcaron un máximo histórico ao superar por primeira vez os 20.000 millóns de euros e que seguen a medrar este ano, rexistrando un incremento do 12,7% en xaneiro con respecto ao mesmo mes do ano anterior.
Cividanes destacou que o esforzo conxunto da Xunta de Galicia, mediante o desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, e das empresas galegas, explica a positiva evolución das exportacións, que se prevé manter mediante o programa Galicia Exporta e as axudas á contratación de xestores de internacionalización.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 6 millóns de euros, un 20% máis que na convocatoria anterior, ao programa Galicia Exporta Empresas, a través do cal se prevé apoiar a internacionalización de 300 pemes no desenvolvemento de accións de promoción, difusión e prospección que lles permitan incrementar as súas vendas ao exterior.
Este programa, destinado ás pemes e, por primeira vez, tamén aos autónomos, contempla axudas do 70% destinadas á prospección en mercados internacionais, así como á realización de actuacións de difusión e promoción, coa participación en eventos expositivos.
Este programa súmase ao Galicia Exporta Organismos intermedios dotado con 1,5M€ e co que se prevé apoiar, con axudas do 80%, a internacionalización doutras 200 pemes ao abeiro de proxectos colectivos.
Na xornada técnica informativa desenvolvida hoxe en Santiago informouse tamén da nova convocatoria de axudas para facilitar a contratación de xestores de internacionalización, un programa que ten apoiado xa a incorporación ás pemes galegas de máis de 300 profesionais.
A convocatoria deste ano facilitará a contratación por pemes e por primeira vez por autónomos, de novos profesionais que busquen iniciar a súa carreira profesional no ámbito da internacionalización, facilitando así a especialización neste eido. Como novidade, tamén se facilitará a contratación de expertos maiores de 45 anos en situación de desemprego. A convocatoria facilitará a contratación duns 40 xestores con axudas que cobren ata o 85% do salario neto durante 15 meses de contrato.
Estes programas enmárcanse dentro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que busca facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial consolidando a recuperación económica.
O acceso aos mercados exteriores tamén o facilita a Xunta de Galicia a través do Programa Foexga, coordinado polo Igape a desenvolvido a través das Cámaras de Comercio, que contempla a organización de corenta misións internacionais durante o presente semestre. Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, é a fiestra única para acceder a servizos e axudas, tanto en orixe como en destino, adecuados á fase concreta de internacionalización de cada empresa, á marxe da súa dimensión ou do mercado que teña como obxectivo.