Mércores, 25 Xaneiro 2017 13:26

A Xunta salienta a importancia dos avances en dixitalización para asegurar melloras na competitividade das Pemes

O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora de Amtega, Mar Pereira, inauguraron esta mañá a segunda xornada do DICO Summit desenvolvido en Santiago e que se centrou no impacto dos contidos dixitais en sectores como o industrial, o turístico ou a educación. Salientou os servizos avanzados que achega a Xunta ás empresas galegas a través de programas como ReAcciona TIC. Cividanes afirmou que a maioría dos proxectos apoiados a través do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras que xestiona XesGalicia apostan polos novos modelos de negocio e están relacionados coa dixitalización.

 

Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- Os directores do Igape, Juan Cividanes, e de Amtega, Mar Pereira, inauguraron esta mañá a segunda xornada do DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017 que se desenvolveu na Cidade da Cultura. Ao abeiro da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 que está a desenvolver a Xunta, Cividanes salientou a importancia dos avances na dixitalización para asegurar e consolidar melloras para que as pemes galegas sexan máis competitivas.

Cividanes manifestou que sen dixitalización será practicamente imposible asegurar o futuro das empresas e engadiu que un dos retos está en rachar a barreira entre online e offline , apostando por unha conectividade permanente entre as empresas e os clientes para os que fabrican produtos ou deseñan servizos.

O director do Igape considerou que a celebración de eventos como DICO Summit é fundamental para que as empresas galegas estean preparadas para aproveitar as novas oportunidades ligadas directamente á dixitalización; ao tempo que engadiu que ese é tamén o obxectivo dos servizos avanzados que achega a Xunta ás empresas galegas a través de programas como ReAcciona TIC, impulsado conxuntamente polo Igape e a Amtega.

A xornada recolleu un panel específico sobre o emprendemento no mundo dos contidos dixitais. Neste sentido, Cividanes salientou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a prestar atención preferente aos novos modelos de negocio, especialmente a través de instrumentos como o fondo de capital risco Galicia Iniciativas Emprendedores (FGIE) creado no marco da Lei de Emprendemento. De feito, afirmou que a maioría dos proxectos aprobados neste ámbito, máis de 40, están relacionados coa dixitalización.

A segunda xornada do DICO Summit 2017, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Clúster TIC e o Clúster do Audiovisual Galego (CLAG), centrouse no impacto dos contidos dixitais noutros sectores económicos e nos propios negocios dixitais; un impacto que se puxo de manifesto mediante a exposición de diferentes casos de éxito en ámbitos tan diversos como o téxtil, a acuicultura, a alimentación ou a saúde, a educación ou o turismo.

Así, na mesa , moderada polo director de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, responsables do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) mostraron o seu proxecto MarketLab, unha infraestrutura de innovación aberta, única no Estado, centrada en analizar os factores que inflúen na compra do consumidor actual no entorno da intelixencia competitiva. Pola súa banda, o Clúster do Téxtil Moda (COINTEGA) presentou SIMSS, unha plataforma que permite ás empresas do sector optimizar os seus recursos para vender máis.


Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios