Londres, 3 de outubro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, salientaron hoxe en Londres, na inauguración do Galician Gourmet Extravaganza, a contrastada calidade dos produtos agroalimentarios e pesqueiros de Galicia como o mellor aval para que as empresas avancen na conquista mercados tan esixentes como o do Reino Unido.
Aguilera destacou que máis de 500 empresas galegas exportaron durante o ano pasado ao Reino Unido, sumando 1.097 millóns de euros, case un 30% máis con respecto a 2014; unha progresión que vai camiño de mellorar este ano, segundo engadiu, dado que as exportacións ata xullo suman xa 930 millóns de euros, un 78% máis que no mesmo período de 2015.
Durante a súa intervención, destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu este ano, no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega e a través do programa Galicia Exporta, axudas por preto de 6 millóns de euros para facilitar a presenza das firmas galegas nos mercados exteriores do seu interese, e para que exploren e amplíen, ben de forma individual ou colectiva, oportunidades de negocio, acudindo a feiras internacionais multisectoriais ou a eventos especializados como o Galician Gourmet Extravaganza.
Pola súa banda, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou a aposta pola calidade e a internacionalización que realizan os profesionais do agro galego, en colaboración coa Xunta. Nesta liña, lembrou que o Goberno galego apoia constantemente as iniciativas de promoción e posta en valor da nosa produción agroalimentaria que levan a cabo entidades coma os consellos reguladores ou as asociacións de produtores.
Belén do Campo salientou a ampla representación de empresas galegas do eido alimentario nesta cita de Londres, xa que son máis dun cento as presentes, de sectores tan variados coma os do viño, queixos e derivados lácteos, conservas de peixe e marisco, carne, sobremesas, pan, patacas ou froitos secos.
Neste contexto, a directora xeral fixo especial fincapé na riqueza e variedade da produción galega nestes e noutros eidos, así como no seu crecente prestixio nos diferentes mercados nacionais e internacionais. Salientou ademais que entre os produtos presentes nestas xornadas están algúns dos premiados nas diferentes catas de queixos e meles, viños e augardentes organizadas pola Consellería do Medio Rural.
Sabores de Galicia en Londres
Xamón, embutidos, queixos artesanais, viños, conservas ou sobremesas son algúns dos produtos selectos que empresas apoiadas pola Xunta exhiben hoxe no Meliá White House de Londres, diante de varios centos de importadores e especialistas de prestixiosas cadeas alimentarias e hostaleiras, que tiveron oportunidade de degustar o menú Flavors of Galicia, elaborado polo chef vigués Benigno Couso cos mellores produtos galegos presentes na mostra.
Ademais das empresas que participan directamente no evento londinense contando co apoio do Igape a través do programa Galicia Exporta, no Galician Gormet Extravaganza están presentes produtos agroalimentarios e da pesca, acuicultura e conservas a través de espazos expositivos habilitados polas consellerías do Medio Rural e do Mar, así como pola Deputación da Coruña.
O Galician Gourmet Extravaganza é un evento de promoción internacional da gastronomía galega que ten entre os seus obxectivos o incremento das exportacións cara a mercados de especial interese para as empresas alimentarias galegas, promocionar a marca Galicia e atraer o turismo de calidade cara a comunidade autónoma. Ata o momento desenvolveuse en Londres –onde agora repite multiplicando por tres o número de empresas presentes en 2015–, Bruxelas e Berlín. No próximo mes de decembro está previsto levar esta mostra a Zurich.