Luns, 11 Xullo 2016 09:03

A Xunta destaca a aposta de Montajes Conserveros de Galicia polo programa Reacciona para mellorar a súa competitividade

O director do Igape, Javier Aguilera, visitou no Porriño as instalacións da compañía especializada en fabricar máquinas pechadoras de latas de conservas, que está a apostar pola profesionalización para o relanzamento da súa actividade. Máis de 600 pemes galegas melloraron a súa competitividade grazas a máis de 1.000 proxectos implantados a través deste programa pioneiro. Salienta a confianza da empresa, que exporta o 65% da súa produción, na mellora da súa actividade coa posta en marcha dun plan estratéxico elaborado co apoio do plan ReAcciona, que o Igape activará de novo en datas próximas. Aguilera destaca que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén operativas iniciativas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para procurar que as pemes dispoñan do financiamento que precisen para operar, investir, diversificar a súa actividade ou para acceder a mercados exteriores.

O Porriño (Pontevedra), 8 de xullo de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou, durante a súa visita de hoxe a Montajes Conserveros de Galicia (MCG), o compromiso da empresa para reforzar a súa capacidade como fabricante de máquinas pechadoras de latas de conserva impulsando, co apoio do programa ReAcciona, un novo plan estratéxico que parte da profesionalización para relanzar a actividade da compañía.

Aguilera destacou que o programa ReAcciona do Igape, que se reactivará en datas próximas, xa serviu para que máis de 600 pemes galegas melloraran a súa competitividade mediante a implantación de máis dun milleiro de proxectos centrados en aspectos como a optimización de procesos, a profesionalización da produción ou o relanzamento comercial.

Montajes Conserveros de Galicia naceu como  empresa de asistencia técnica, reparación e compra venda de máquinas para a industria conserveira. Nos últimos anos decidiu dar un paso adiante para aproveitar o seu coñecemento de mercado e deseñar e desenvolver  novas máquinas pechadoras de latas. Na actualidade, o 85% da súa actividade está centrada na venda de pechadoras propias, dedicando o 15% restante a labores de asistencia técnica e venda de repostos. A empresa exporta máis do 65% da súa produción e ofrece aos conserveiros de pescado e carne, a nivel global, un conxunto de solucións exclusivas.

Durante a súa visita a Montajes Conserveros de Galicia, o director do Igape lembrou tamén que a Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén activados actualmente programas como Galicia 1000 ou Galicia Inviste para garantir que as pemes dispoñan de apoios á medida das súas necesidades para operar con normalidade, para investir, para incrementar a súa competitividade ou para internacionalizarse.

Aguilera destacou que, para cubrir eses obxectivos, as empresas galegas poden acceder a fondos de capital risco, préstamos directos, participativos ou bancarios, así como a liñas de axuda para investir ou crear emprego.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios