El plazo de presentación finalizó el 30/12/2021

IG262 - PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR INVESTIMENTOS EN INFRAESTRUTURAS DE USO COMPARTIDO E DESENVOLVEMENTO DE PROXECTO POR PARTE DE CENTROS TECNOLÓXICOS E ASOCIACIÓNS EMPRESARIAIS (2021)

Finalidad / Objetivo

Financiamento de proxectos a desenvolver por Centros Tecnolóxicos e/ou asociacións empresariais que desenvolvan ou proxecten desenvolver actividades económicas, vinculados a sectores produtivos de Galicia, con algunha das seguintes finalidades:

- Investimento na creación de infraestruturas técnicas e industriais de uso común ou compartido economicamente viables.
- Gastos operativos necesarios para o desenvolvemento de proxectos economicamente viables de xeración de coñecemento tecnolóxico, apoio á I+D+i e outros servizos tecnolóxicos.

Tipos de apoyo

Préstamos directos do IGAPE en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciales

1. Poderán ser beneficiarios dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no Anexo I.
c) Acheguen para o proxecto de investimento unha contribución financeira mínima do 25 % do proxecto, exenta de calquera tipo de apoio público.

2. Deberán ser centros tecnolóxicos e/ou asociacións empresariais vinculados a sectores produtivos de Galicia.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:
a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas en crise.
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007.

Requisitos principales del proyecto

O proxecto deberá presentar un custo financiable igual ou superior a 100.000 euros máis impostos.

* Condicións do produto financeiro.

1) Importes mínimo e máximo.
O importe mínimo do préstamo será de 75.000 euros e o máximo de 1.500.000 euros. En ningún caso superará o 75 % do custo do proxecto financiable.

2) Prazos de amortización e de carencia.
Axustados ao plan económico-financeiro e á vida útil dos bens adquiridos, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal.

3) Tipo de xuro e axuda implícita.

a) Tipo de xuro ordinario.
O tipo de xuro aplicable será fixo, e inferior en 1,5 puntos porcentuais ao tipo determinado conforme o anexo II destas bases. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0 %.
Os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

b) Tipo de xuro de mora.
Sen prexuízo do dereito de resolución do préstamo, en caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude deste contrato, o prestameiro incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e virá obrigado a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.

c) Axuda implícita.
Os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita de minimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases.

4) Plan de amortización.
Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pagamento de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización unha vez finalizada a carencia. Nos casos en que o provedor ofreza a posibilidade de recompra, o calendario poderá establecer unha cota de amortización final maior, coincidente co pagamento desta recompra.

5) Garantías.
En función da dispoñibilidade e das características do proxecto.

Cualificación requerida del proyecto

1. Os proxectos que cumpran as condicións necesarias serán avaliados conforme aos seguintes criterios:

a) Criterios específicos de avaliación.
Sen prexuízo do cumprimento do limiar da cualificación do risco de crédito, para a súa aprobación deberá obter unha puntuación mínima de 50 puntos, resultante de sumar as puntuacións obtidas nos seguintes criterios:

1) Sector de actividade: puntuarase con 40 puntos cando a actuación teña por finalidade a prestación de servizos de uso común ou compartido a sectores empresariais conexos á actividades industriais. Puntuarase con 30 puntos cando os destinatarios do servizo desenvolvan outro tipo de actividade, e con 10 puntos adicionais cando exista informe favorable de interese para o sector en Galicia emitido pola correspondente consellería sectorial. Este informe será solicitado polo Igape na tramitación do expediente.
2) Presenza de grupos empresariais ou empresas tractoras de recoñecida solvencia, que guíen o proxecto cara a liñas de actuación con alto potencial industrial e faciliten a chegada ao mercado: máximo de 40 puntos.
3) O proxecto inclúe investimentos en equipamento científico-tecnolóxico, e figuran detallados os sistemas de xestión que permitan o uso compartido: máximo de 20 puntos.
4) O proxecto inclúe tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e o concepto Industria 4.0: 10 puntos por cada ámbito, cun máximo de 40.
5) Emprego vinculado: máximo 20 puntos, calculado segundo a fórmula: (nº medio de empregados do último exercicio da entidade + expectativas de creación de emprego na entidade)/préstamo en miles de € × 100).

b) Cualificación do risco de crédito: conforme á metodoloxía de avaliación descrita no Anexo IV, cualificarase o proxecto nunha das seguintes cinco categorías: «Excelente (AAA-A)», «Boa (BBB)», «Satisfactoria (BB)», «Deficiente (B)», ou «Mala/dificultades (CC)».

c) Cualificación da garantía, conforme aos criterios descritos no Anexo V, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape nun dos tres niveles de colateralización: «Alta», «Normal» e «Baixa».

2. Para as puntuacións e cualificacións detalladas nos apartados a) e b) anteriores, establécense uns limiares mínimos de aprobación, recollidos nos citados Anexos I e IV respectivamente. Se unha solicitude non acada os devanditos limiares mínimos será denegada.

3. As solicitudes que cumpran os requisitos destas bases e superen os limiares de puntuación sinalados no apartado anterior deste artigo serán aprobados por orde de entrada das solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento da convocatoria para as distintas modalidades de préstamos, en réxime de concorrencia non competitiva.

Inversiones o gastos computables

Serán financiables:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utensilios, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas as dúas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non cumprirse as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible recollidas no vixente Plan xeral de contabilidade, por canto unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económico-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para o crecemento do negocio vinculado ao proxecto, que deberá cumprir os dous requisitos seguintes:

1º. A contía financiable por este concepto será calculada pola solicitante, sustentando as súas necesidades cunha metodoloxía analítica, sobre a base das previsións de incremento de actividade a consecuencia do proxecto, detallando custos, marxes e períodos medios de pagamento a provedores, almacenamento, fabricación, venda e cobramento a clientes.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento de conceptos de gasto corrente do exercicio. A beneficiaria abrirá unha conta corrente específica nunha entidade financeira, na cal aboará as disposicións e na cal se poderán cargar exclusivamente:

i) Pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos, mediante transferencia ou pagamento de efectos.
ii) Pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións.
iii) Pagamentos de nóminas e seguros sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

Os fondos non poderán destinarse a refinanciar débedas bancarias, saneamento de contas, ou a atender vencementos de cotas de préstamos, leasing ou outras operacións financeiras, nin utilizarse como depósito para constituír garantías. En ningún caso se realizarán disposicións en efectivo, cheques ao portador ou transferencias a outras contas da mesma empresa, aínda que posteriormente sexan aplicados ás finalidades previstas.

e) Salvo nos conceptos recollidos na alínea f) seguinte, exclúense impostos, taxas e arbitrios, a excepción do IVE cando non sexa recuperable.

f) Pagamentos operativos, entendendo como tales o pagamento de gastos correntes, pagamentos a provedores, acredores por subministracións e prestación de servizos, gastos de persoal e seguridade social, reparacións e conservación, e pagamento de impostos, aínda cando este pagamento non teña a consideración de gasto do exercicio (tales como os pagamentos de liquidacións de IVE e retencións). Admitirase tamén o pagamento ou refinanciamento de débedas bancarias vencidas, sempre e cando estas proveñan do desconto comercial ou anticipo de facturas, efectos e/ou contratos de clientes por vendas ou prestación de servizos.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto; neste momento deberán constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior número 2, tamén poderán ser financiada a obra civil en inmobles sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou estean alugados. No caso de dereito de superficie ou aluguer, as entidades titulares dos inmobles non poderán estar vinculadas ao beneficiario.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario do préstamo e o provedor, agás os gastos de desenvolvemento e innovación, que poderán ser realizados con medios e por persoal da propia beneficiaria.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, logo de petición do solicitante.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente que o prezo non supera o valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de decembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Os préstamos contemplados nestas Bases Reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se contemple axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación.

Referencia legislativa

Resolución do 23 de abril de 2021 (DOG Nº do 06/05/2021) - Bases reguladoras dos préstamos directos

Información y tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es


* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de http://www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.


2. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación

a) Documentación específica a presentar coa solicitude.
– Memoria do Proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da entidade: Historial, partícipes, principais fitos na evolución da entidade, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes, I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).
b) Descrición do proxecto: Obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).
c) Análise económica do proxecto (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería), cuantificación das necesidades de incremento de capital circulante no seu caso. Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para entidades en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da entidade, mostrando separadamente o impacto do proxecto de investimento.

Ademais:
b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible (https://sedeelectronica.bde.es).

c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

e) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

f) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

g) No seu caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

h) Relación detallada dos investimentos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

i) Copia do contrato de aluguer/concesión/superficie do inmoble obxecto do proxecto de investimento, no seu caso.

j) Complementariamente o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.

Observaciones

O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de cinco meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 31.03.2023

O beneficiario deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 30.12.2022