Santiago, 30 de setembro de 2014.- As empresas auxiliares do sector naval poderán acceder a 24 millóns de euros para financiamento de circulante, ao abeiro das novas bases de apoio que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia e que regulan unha liña específica de avais promovida pola Consellería de Economía e Industria e xestionada a través do Igape.
No marco do programa Galicia 1000, esta nova liña de apoio facilitará operacións de financiamento comprendidas entre 100.000 e 300.000 euros, avaladas nun 50% polo Igape e destinadas a achegar circulante para as pemes beneficiarias, empresas auxiliares do sector naval, chamadas a desenvolver un papel clave no relanzamento da actividade e na recuperación do emprego dentro dun sector de interese estratéxico para a Comunidade. As empresas interesadas nesta vía de financiamento poderán presentar as súas solicitudes ata o 15 de novembro de 2015.
A nova liña de apoios fará posible a concesión de avais por importe de 12 millóns de euros para mobilizar créditos por ata 24 millóns de euros que permitirán ás pemes auxiliares do naval atender os encargos dos estaleiros. O obxectivo é conseguir que as pemes auxiliares da construción naval poidan acceder ao crédito que precisen para o seu financiamento operativo no actual proceso de progresivo incremento de carga de traballo.
Os préstamos avalados no marco desta nova liña de apoio poderán financiar tanto operacións de aprovisionamento de materias primas e gastos de persoal como operacións para anticipar dereitos de cobro asociados aos traballos realizados polas empresas beneficiarias. Os prazos de vixencia dos créditos será de dous anos.
A nova liña de avais forma parte do programa “Galicia 1000”, que conta cunha dotación de 50M€ e busca dar resposta ás distintas necesidades das empresas, de acordo coa súa situación. Neste sentido, a Xunta prevé financiar arredor de mil proxectos empresariais a través dun paquete financeiro integral que mobilizará 200 millóns de euros.
Co programa “Galicia 1000”, Economía e Industria está apoiar ás empresas nas súas necesidades de financiamento a través de catro liñas de actuación: con fondos de capital risco e préstamos participativos; con préstamos directos Jeremie-Igape, para realizar investimentos; con financiamento bonificado polo Igape para os emprendedores e as pemes que se financien mediante préstamos e microcréditos concedido polas entidades financeiras con fondos do ICO; e mediante as liñas de garantías –entre as que se incorpora agora a liña específica para pemes auxiliares do sector naval–,para facilitar operacións de acceso ao circulante, tanto para reforzar proxectos xa existentes como para impulsar a creación de novas empresas.