Santiago, 1 de outubro de 2014.- Máis de 60 empresas galegas buscan co apoio da Xunta novas oportunidades de negocio internacional na IV Semana Internacional da Canle Contract, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que está a facilitar preto de 150 encontros bilaterais entre especialistas neste ámbito de negocio, centrado nos equipamentos integrais de edificacións e espazos de uso colectivo como os hoteis, e os empresarios galegos interesados nel.
Este encontro que se celebra en Santiago conta coa participación de prescritores –como arquitectos, enxeñeiros, e decoradores– especialistas da canle contract en mercados tan variados como Reino Unido, México, Marrocos, Colombia, Estados Unidos ou Oriente Medio.
Ademais de manter encontros bilaterais cos especialistas do seu interese, as empresas galegas están a establecer contactos directos con outras compañías da comunidade na procura de posibles alianzas para conseguir clientes en mercados exteriores.
A IV Semana da Canle Contract está a servir tamén para que destacados especialistas deste sector coñezan de xeito directo o potencial de que dispoñen moitas empresas de Galicia e para que os empresarios galegos sexan cada vez máis conscientes das oportunidades de negocio que poden atopar, no ámbito internacional, mediante a especialización e a coopoeración, con acordos ou alianzas con outros empresarios de sectores complementarios dentro desta canle de negocio.
Así, os expertos prescritores que participan na IV Semana da Canle Contract, que rematará mañá, están a visitar empresas punteiras de ámbitos de actividade como a madeira e o moble, a iluminación e a protección solar, o vidro, as instalacións audiovisuais, a pedra natural ou os pavimentos.
A iniciativa forma parte do conxunto de instrumentos que se achegan a través do Igape para impulsar a internacionalización das empresas galegas, facilitando servizos especializados e apoios adecuados a cada fase, desde o diagnóstico sobre o potencial de cada compañía ata as axudas á implantación comercial agrupada no exterior, a través do programa Primex. Neste ámbito de actuación, a Xunta está a impulsar a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que prevé incrementar as exportacións da comunidade en máis dun 25%.