Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de reforzar as liñas de axudas dirixidas ás empresas que manteñen relacións comerciais co Reino Unido co obxectivo de reforzar a súa posición tras a saída deste país da Unión Europea. Entre as iniciativas deseñadas, destaca a posta en marcha do programa Cheque Brexit, que achegará diagnósticos e plans de continxencias ás compañías galegas –con especial atención ás pemes– que soliciten orientación.
Coordinado polo Igape, o paquete integral inclúe apoios que ofrecerán asesoramento ás empresas en dúas liñas complementarias. En primeiro lugar, o programa Cheque Brexit, a través dunha dotación dun millón de euros que poderá ampliarse se as necesidades o requirisen, achegará tanto diagnósticos como plans de continxencia ás compañías. Mediante a análise do negocio no país británico en aspectos como a cadea de subministración e comercialización, os marcos regulatorios financeiro e fiscal, ou o nivel de implantación nese mercado, o diagnóstico identificará os aspectos máis relevantes sobre os que a empresa debe actuar para adaptarse á nova situación.
Ademais, os plans de continxencia subvencionables a través deste novo programa achegarán a cada compañía unha folla de ruta con propostas das diferentes accións para abordar en cada ámbito analizado. O Cheque Brexit, que se activará neste mes de febreiro, ten previsto achegar os seus servizos a máis de 100 empresas, con axudas de ata o 80% sobre o gasto de consultoría que realice cada compañía.
Poderán ser beneficiarias do Cheque Brexit aquelas compañías nas que o país británico sexa un dos seus cinco principais mercados intracomunitarios de exportación, que teñan exportado ao Reino Unido máis de 100.000 euros nos tres últimos anos, e nas que supoña un mínimo do 10% da súa exportación intracomunitaria.
O paquete de medidas inclúe unha segunda fórmula de apoio, que se materializará nun servizo integral de consultoría e que disporá dunha oficina en Londres, na que as compañías poderán realizar consultas nas diferentes materias que se poidan ver alteradas a partir do Brexit, como pode ser no ámbito fiscal, laboral, aduaneiro, ou normativa, entre outros. Este servizo, que estará activo na segunda quincena de marzo, estará dispoñible para todas as empresas galegas con intereses comerciais no Reino Unido.
Os novos programas que proximamente activará o Goberno galego complementarán as accións xa en funcionamento, como a plataforma de avaliación do impacto do Brexit. Desde marzo de 2019, para facilitar a valoración do grao de exposición ante o novo escenario comercial e anticiparse ás posibles repercusións da saída do Reino Unido da Unión Europea, o tecido empresarial galego conta coa Plataforma Brexit Galicia, posta en marcha pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta ferramenta de avaliación individualizada xa foi utilizada por 123 compañías, das que 104 xa dispoñen do seu autodiagnóstico. Este dato sitúa a Galicia como a comunidade autónoma co maior número de empresas que teñen feito dito autodiagnóstico.
Esta ferramenta en liña permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto real que pode chegar a ter o Brexit no seu día a día para poder anticiparse e adoptar medidas necesarias para convertelo nunha oportunidade.
Segundo os últimos datos dispoñibles, entre xaneiro e novembro do ano pasado, 503 empresas galegas venderon os seus produtos no mercado británico, por un valor total de 1400M€, mentres que o número de empresas exportadoras regulares –é dicir, aquelas que venderon os seus produtos a este país durante catro anos consecutivos– acadou as 308. En canto aos ámbitos con maior nivel de exportacións, destacan o sector dos produtos industriais e tecnoloxía, de bens de consumo, a automoción, a moda, os materiais de construción e o agroalimentario.
Estas iniciativas enmárcanse no labor do Grupo de Traballo Interdepartamental que ten en marcha a Xunta para avaliar a incidencia do Brexit en Galicia e para apoiar á cidadanía e ás empresas que poidan verse afectadas polo mesmo.