Vigo (Pontevedra), 9 de maio de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes salientou a importancia dos investimentos industriais no ámbito 4.0 como unha das claves para consolidar a recuperación da economía galega no medio e no longo prazo, durante a súa intervención na xornada Financia Industria, organizada en Vigo pola Xunta en colaboración co Ministerio de Economía, Industria y Competitividad (MINECO).
O encontro, no que se ofreceu información sobre os instrumentos de financiamento que o MINECO pon a disposición das empresas, Cividanes destacou a complementariedade das axudas financeiras dos gobernos galego e central para avanzar na modernización do tecido produtivo da Comunidade Autónoma, no escenario da Axenda 4.0.
O Círculo de Empresarios de Galicia acolleu o acto no que interviñeron Ramón Herrero, subdirector general de Áreas e Programas Industriais do MINECO, e Pedro Sotoca, responsable de Análise e Dirección de Operacións da Empresa Nacional de Innovación (ENISA), para presentar as novas convocatorias de préstamos do Ministerio de Economía para investimentos en industrialización en xeral e, en concreto, para actuacións na incorporación de tecnoloxías 4.0.
Cividanes lembrou que a Xunta mantén activo o novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores, preparado para impulsar arredor dun cento de investimentos de Pemes en ámbitos como a Industria 4.0, a innovación e o emprendemento, e adiantou que o Igape activará en próximas datas unha nova convocatoria de axudas para facilitar novos investimentos 4.0 en Galicia, liña á que xa se acolleron máis de 70 empresas.
O programa de préstamos IFI, cofinanciado polo Feder e dotado con 33M€, permitirá mobilizar 60M€ en proxectos de inversión. Nos meses que levan activados os IFI, as axudas concedidas ao seu abeiro superan o 1,9M€, o que supón máis do 60% das inversións que as empresas prevén realizar, case 3,3M€.
Cividanes destacou tamén a cooperación entre administracións como peza clave para reforzar o labor de promoción empresarial e para procurar que todos os proxectos de investimento viables das Pemes galegas acaden o asesoramento e o financiamento que precisen para poñerse en marcha ou ampliar a súa capacidade competitiva.
Esta xornada sumouse á celebrada esta mañá en Ferrol co mesmo obxectivo, dar a coñecer os programas de impulso á industria que desenvolven tanto a Xunta como o MINECO, e na que, ademais, se presentou o Campus Industrial de Ferrol, adscrito á Universidade da Coruña.