Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de aprobar a través do Igape, a concesión de axudas á formación no ámbito da Industria 4.0 das que se beneficiarán 745 técnicos e cadros intermedios de empresas que poderán dar resposta, así, aos novos perfís profesionais que precisan.
Ás axudas á formación 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, ascenden a 363.735 euros, segundo a resolución que vén de publicarse no DOG (xoves, 22 de marzo), e cobren o 70% do custo subvencionable. Con estas axudas poranse en marcha cursos en todo o territorio galego para facilitar a formación especializada do persoal técnico nas empresas, chave necesaria para consolidar e acelerar os avances na competitividade do tecido produtivo galego.
Os proxectos formativos abranguen once sectores produtivos: alimentación, audiovisual, editorial, automoción, innovación aeroespacial, madeira, construción, TIC, metalurxia, electricidade e conserveiro. Organizados polos clústeres e asociacións empresariais na súa maioría, así como por colexios profesionais, suporán unha mobilización de preto de 525.000 euros con fin de axeitar a cualificación dos traballadores das Pemes galegas ás novas necesidades das empresas.
Ao abeiro da anterior convocatoria para promover a formación no eido 4.0 desenvolvéronse, entre outros, cursos formativos sobre tecnoloxías como a sensórica e as súas aplicacións para drons; sobre a transformación dixital das empresas; sobre a automatización e a internet das cousas, ou sobre as tecnoloxías 3D para a industria 4.0.
A adaptación dos perfís profesionais aos cambios tecnolóxicos é un reto fundamental recollido pola Xunta nas accións da Axenda Industria 4.0, que se está a desenvolver desde 2015. Ademais das axudas á formación, a Axenda incorpora ata 60 medidas de financiamento e fomento da innovación tecnolóxica, das que se beneficiaron 4.200 empresas durante os anos 2015 e 2016. Para o segundo plan bienal (2017-2018), a dotación orzamentaria asignada é de 175 millóns de euros.