Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2017.- Un total de 163 emprendedores que impulsan 124 novos proxectos empresariais comezarán a próxima semana as actividades de formación, asesoramento e titoría nos espazos coworking impulsados mediante a colaboración aberta entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI).
Comeza a desenvolverse, deste xeito, a segunda convocatoria dos espazos coworking en espazos cedidos polos concellos ou pola propia Xunta en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela e Celanova. A nova aposta de Galicia polo emprendemento súmase á correspondente á primeira edición, que remataron 139 emprendedores con 119 proxectos que, na maioría dos casos, xa son empresas en funcionamento.
Entre os proxectos impulsados ata agora figuran iniciativas como Stardrones , que ofrece servizos tecnolóxicos por radiocontrol con drons; a Sociedade Coperativa Galega Terras da Mariña, centrada no envasado e comercialización da IXP Faba de Lourenzá; Alazia Couture, que se centra no deseño, fabricación e comercialización de pezas de moda con tecido ecolóxico; Work on Sunday, unha axencia especializada en xestión cultural; unha axencia de turismo online como Galiwonders; unha empresa de distribución de produtos agropecuarios ecolóxicos, Casa da Fonte; ou una iniciativa que oferta servizos integrais de asistencia para dependentes, Vitaser.
Como os emprendedores que participaron na primeira edición, os que participan na que comeza a semana próxima poderán recibir, durante os próximos cinco meses formación, titorías e asesoramento personalizado para a aceleración dos proxectos, así como facilidades para o acceso aos medios necesarios para desenvolver as súas ideas de negocio.
O obxectivo prioritario das iniciativas de é acelerar os procesos de maduración, implantación e desenvolvemento de proxectos empresariais, así como a creación de emprego sobre o territorio, incrementando a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.
No marco desta nova actuación de aceleración de proxectos empresariais, desde a semana próxima e durante os vindeiros cinco meses haberá espazos de emprendemento novamente activos en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Monforte, Mondoñedo, Celanova e Santiago. En cada unha destas sedes prevese que haxa outras dúas edicións durante o ano que vén.