O prazo de presentación finaliza o 29/11/2024

IG269 - PRÉSTAMOS PARA FINANCIAR A OPERATIVA DA INDUSTRIA AUXILIAR NAVAL (2024)

Finalidade / Obxectivo

Apoiar financeiramente a empresas que desenvolven actividades no sector da industria auxiliar da construción naval, para permitirlles financiar a longo prazo pagos operativos, dispoñer dun fondo de manobra suficiente e/ou dispoñer de garantías pignoraticias para acceder aos avais técnicos e financeiros necesarios para a súa actividade na subministración de bens e servizos para proxectos concretos de construción naval, a desenvolver en Galicia.

Tipos de apoio

Préstamos directos do IGAPE en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que subministren bens ou servizos a empresas do sector da construción naval (CNAE 301) que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no anexo I.

2. Poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens.

Sectores incentivables

CNAE 301 - Sector construción naval

Requisitos principais do proxecto

*Importe:
O importe mínimo do préstamo será de 300.000 € e o máximo de 1.000.000 €, e deberá ser aplicado exclusivamente ao pago do capital de explotación.

* Prazos de amortización e de carencia:
O prazo de devolución dos préstamos será de ata 6 anos, incluíndo 2 de carencia na amortización de principal.

Cualificación requerida do proxecto

Non se establecen criterios específicos de avaliación. Concederanse todas as solicitudes que superen os limiares de cualificación do risco.

Investimentos ou gastos computables

Poderán ser financiado o capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade , que deberá cumprir o seguintes dous requisitos:

1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:

i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.
iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

A contía financiable será calculada pola solicitante de forma razoada na memoria que deberá presentar xunto á solicitude, en base ás necesidades financeiras estimadas para afrontar os contratos de subministro de bens e servizos cos estaleiros, en proxectos concretos de construción naval a desenvolver en Galicia. O importe do préstamo non poderá superar o 75% do importe pendente de cobro dos ditos contratos á data de solicitude. O Igape poderá reducir o importe solicitado no caso de non considerar a dita contía suficientemente motivada, en base ao análise dos estados financeiros da solicitante.

Contía das axudas

Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa. Nestes supostos, poderá reducirase os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a beneficiaria non poderá ser inferior a 2 puntos porcentuais.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de novembro de 2024, ás 14.00 horas ou cando se esgote o crédito orzamentario.

Incompatibilidades

Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.
Para os casos nos que se considere axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.
A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita, para poder combinar e compatibilizar o financiamento con outras axudas públicas.

Referencia lexislativa

Resolución do 22 de decembro de 2023 (DOG Nº10 do 15/01/2024) - Bases reguladoras dos préstamos directos e convocatoria 2024
Resolución do 11 de xullo de 2024 (DOG Nº138 do 17/07/2024) - Ampliación de crédito

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

* Documentación específica que se presentará coa solicitude.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A) A documentación específica para esta modalidade de préstamo:

- Memoria da actuación, que desenvolverá o seguinte contido:
a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores: Historial, principais fitos na evolución da empresa, capacidades básicas, capacidade técnica da entidade, capacidade tecnolóxica da entidade, capacidade económica da entidade.
b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial. Orixe dos aprovisionamentos, principais provedores, mercado actual (tamaño, características, competencia, etc.) e potencial. Análise comercial do produto. Describir expresamente os bens e servicios subministrados a empresas do sector da construción naval, traxectoria neste sector, historial de quebrantos causados procesos concursais de clientes deste sector.
c) Cuantificación das necesidades financeiras para a operativa empresarial. Causas xustificadas da necesidade de financiar a operativa da empresa. Contratos con estaleiros para o desenvolvemento de proxectos de construción naval a desenvolver en Galicia, con determinación das necesidades específicas de financiamento para afrontalos.
d) Cadro de persoal, traballadores nos centros de traballo en Galicia, describindo funcións. Expectativas de mantemento de emprego. Relación de expedientes de regulación de emprego en vigor e presentados nos últimos 12 meses, describindo o contido dos mesmos e o número de traballadores afectados.
e) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería para un horizonte temporal 5 anos), con descrición das hipóteses que sustentan ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do actuación. As previsións económicas deberán seguir, na medida do posible, os modelos de conta de perdas e ganancias, balance e estado de fluxos de efectivo recollidos no Plan Xeral de Contabilidade en vigor.

B) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).

C) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

D) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente en formato PDF nativo (descargados directamente da web da AEAT.

E) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

F) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

G) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).

H) Se é ocaso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar);
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.

Observacións

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 28 de novembro de 2025.
O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos do préstamo e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo, nin o establecido na Resolución da convocatoria.
O desembolso das operacións financeiras realizarase a solicitude da beneficiaria.