O prazo de presentación finaliza o 29/11/2024

IG260 - PRÉSTAMOS PARA INVESTIMENTOS ESTRATÉXICOS (2024)

Finalidade / Obxectivo

Financiar actuacións consistentes en proxectos de novos investimentos, intervencións de ampliación da capacidade produtiva e/ou mellora de instalacións existentes, valorándose especialmente o aliñamento dos proxectos cos sectores prioritarios da Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 e coa RIS3 Galicia.

Tipos de apoio

Préstamos directos do IGAPE en réxime de concorrencia non competitiva.
Axuda en réxime de minimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias dos préstamos regulados nestas bases aquelas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realicen unha iniciativa empresarial nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Cumpran as condicións establecidas especificamente para a correspondente modalidade de préstamo, conforme aos requisitos que se detallan no anexo I.

2. Poderán ser tamén beneficiarias as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, agrupacións de interese económico, as sociedades civís e comunidades de bens.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas.
b) As empresas inmersas nun procedemento de insolvencia, ou que reúnan os requisitos para someterse a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores. En particular, entenderanse nesta situación ao atoparse declarados en concurso
c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007.

Sectores incentivables

Os proxectos financiables deberán estar vinculados ás actividades establecidas como financiables, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

Sectores de actividade (CNAE):

03 - Pesca e acuicultura
05 a 09 - Industrias extractivas
10 a 33 - Industrias manufactureiras
35 a 39 - Fornecemento de enerxía e auga, e xestión de residuos e descontaminación
42 a 43 - Construción de redes e construción especializada
46 - Comercio por xunto e intermediarios, salvo vehículos de motor e motocicletas
49 a 53 - Transporte e almacenamento
55 a 56 - Hostalaría
58 a 63 - Información e comunicacións
69 a 75 - Actividades profesionais, científicas e técnicas
77.3 - Alugamento de maquinaria, equipamentos e bens tanxibles
79 - Axencias de viaxes, operadores turísticos, servizos de reservas e actividades relacionadas con estes
80 a 82 - Actividades de seguridade e investigación e outras actividades auxiliares das empresas
87 a 88 - Asistencia en establecementos residenciais e servizos sociais sen aloxamento
90 a 93 - Actividades artísticas, recreativas e de entretemento

Excepto: O CNAE 12 Industria do tabaco, e o que se refira ao sector das fibras sintéticas.
Excepto CNAE 60 Actividades de programación e emisión de radio e televisión.

O anterior requisito relativo ao sector de actividade non será esixible cando se trate de investimentos a levar a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas.

Requisitos principais do proxecto

*Importe.
A actuación deberá presentar un custo financiable en activos fixos igual ou superior a 1.000.000 € máis impostos.
Este límite non se aplicará aos “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape, nin aos proxectos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas que cumpran os requisitos para a bonificación do tipo de xuro establecida no parágrafo segundo do apartado D.4.a)

A solicitante deberá acreditar capacidade para financiar a parte do proxecto non cuberta polo préstamo. Polo menos un 25% do volume de financiamento previsto para a actuación deberá estar exento de apoio público.

* Condicións do produto financeiro.

1) O préstamo poderá ser bilateral entre o Igape e a beneficiaria, ou sindicado con unha ou varias entidades de crédito.

2) Importe mínimo e máximo.

O importe mínimo do préstamo ou da participación do Igape no sindicato bancario será de 500.000 € e un límite máximo de 5.000.000 €. Non se aplicarán os límites de importe anteriores nos casos de “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape.
O importe mínimo anterior non será de aplicación nos proxectos referidos no segundo parágrafo da letra C.1) anterior.

En ningún caso superará o 50 % do custo do proxecto financiable.

* Prazos de amortización e de carencia.

Axustados ao plan económico-financeiro, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal. Excepcionalmente poderán ter unha duración de 15 anos, cando polas características do proxecto e polo plan de financiamento se demostre a necesidade deste maior prazo de reembolso e se refiran entre outros a “proxectos industriais estratéxicos” ou proxectos incluídos no Plan de Impulso e Aceleración de Proxectos Industriais, ou proxectos que formen parte dun proxecto global que conte con algunha das declaracións anteriores, así como aqueles considerados de especial interese social e/ou económico para Galicia polo Consello de Dirección do Igape.

* Tipo de xuro ordinario:

O tipo de xuro nominal anual será fixo, determinado no momento da concesión como resultado de restar ao tipo de mercado determinado conforme ao establecido no anexo II das bases reguladoras, unha bonificación, no seu caso, de ata un máximo de 5 puntos porcentuais. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0%.

Cualificación requerida do proxecto

Non se establecen criterios específicos de avaliación. Concederanse todas as solicitudes que superen os limiares de cualificación do risco e cumpran os requisitos das bases reguladoras, ata o esgotamento do orzamento.

Investimentos ou gastos computables

Poderán ser financiados os seguintes conceptos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital corrente necesario para a actividade , que deberá cumprir o seguintes dous requisitos:

1º. A contía financiable por este concepto será determinada polo Igape en base a solicitude da titular, aos estados financeiros históricos e as previsións de actividade.

2º. Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pagamento a provedores e acredores dos seguintes conceptos de gasto corrente do exercicio:
i) Compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Prestación de servizos: arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.
iii) Gastos de persoal: soldos e salarios, indemnizacións, seguros sociais e outros gastos sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica, se é o caso.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

O investimento en capital de explotación non poderá superar o 50% do gasto financiable total.

Contía das axudas

Os puntos porcentuais de redución do tipo de xuro serán 5, agás nos casos nos que a axuda implícita sumada ás outras axudas amparadas na normativa minimis que foran percibidas pola titular durante tres exercicios consecutivos supere o límite aplicable na citada normativa.
Nestes supostos, poderá reducirase os puntos porcentuais de bonificación para axustar a axuda implícita ao límite dispoñible. Unha vez descontada a subvención, o tipo de xuro nominal pagadoiro trimestralmente resultante para a beneficiaria non poderá ser inferior a 2 puntos porcentuais.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 8.00 horas do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de novembro de 2024, ás 14.00 horas ou cando se esgote o crédito orzamentario.


Incompatibilidades

Os préstamos recollidos nestas bases reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se considere axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultantes da normativa de aplicación.

A solicitude expresa da titular e con carácter previo á formalización do préstamo, poderá renunciar á axuda implícita, para poder combinar e compatibilizar o financiamento con outras axudas públicas.

Referencia lexislativa

Resolución do 22 de decembro de 2023 (DOG Nº10 do 15/01/2024) - Bases reguladoras dos préstamos directos e convocatoria 2024
Resolución do 11 de xullo de 2024 (DOG Nº138 do 17/07/2024) - Ampliación de crédito

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual


Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

Documentación específica que se presentará coa solicitude.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A documentación específica para esta modalidade de préstamo:
– Memoria da Actuación, que desenvolverá o seguinte contido:
a) Antecedentes da empresa e dos seus promotores.
b) Descrición dos aprovisionamentos, do proceso produtivo e do comercial.
c) Descrición da actuación: Obxectivos, orixe e xustificación, descrición técnica, necesidades de medios técnicos.
d) Análise económica da actuación (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería para un horizonte temporal 5 anos), con descrición das hipóteses que sustentan ditas previsións (existencia de contratos, pedidos, cartas de intencións, etc.). Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para empresas en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da empresa, mostrando separadamente o impacto do actuación. As previsións económicas deberán seguir, na medida do posible, os modelos de conta de perdas e ganancias, balance e estado de fluxos de efectivo recollidos no Plan Xeral de Contabilidade en vigor.
e) No caso de investimentos levados a cabo en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas, deberá presentarse informe pericial de danos de perito independente.

b) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente no enderezo da internet https://sedeelectronica.bde.es).
c) En caso de persoas xurídicas:
1º. Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores.
2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
3º. Contas anuais, auditadas, se é o caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
4º. Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
d) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente en formato PDF nativo (descargados directamente da web da AEAT.
e) Se é o caso, anteproxecto ou proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva a dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de anteproxecto ou proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.
f) Relación detallada dos investimentos e/ou gastos que se van realizar, distinguindo entre bens novos e usados.
g) Acreditación da dispoñibilidade do inmoble afecto ao proxecto de investimento (copia do contrato de aluguer, concesión, superficie ou adquisición, segundo proceda).
h) Se é ocaso, acreditación da capacidade de financiamento da parte da actuación non cuberta co préstamo solicitado. Esta acreditación poderá consistir:
- Nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida (que terá que indicar expresamente que o saldo dispoñible non está peñorado nin suxeito a limitacións de dispoñibilidade) e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento (importe, prazo, carencia e garantías que se van tomar);
- Nun compromiso firme do financiamento que van achegar os socios, no que figure a natureza, importe e prazos.

Observacións

A beneficiaria deberá presentar a solicitude de disposición antes do prazo establecido no acordo de concesión, sen que nunca poida exceder do 28 de novembro de 2025.
O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos do préstamo e o número máximo de disposicións será o establecido no acordo de concesión. En todo caso este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo, nin o establecido na Resolución da convocatoria.
O desembolso das operacións financeiras realizarase a solicitude da beneficiaria.