O prazo de presentación finalizou o 31/12/2019

IG262 - PRÉSTAMOS PARA INVESTIMENTOS EN INFRAESTRUCTURAS DE USO COMPARTIDO E DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS EN GALICIA POR PARTE DE CENTROS TECNOLÓXICOS E ASOCIACIÓNS EMPRESARIAIS (2019)

Finalidade / Obxectivo

Financiamento de proxectos a desenvolver por Centros Tecnolóxicos e/ou asociacións empresariais que desenvolvan ou proxecten desenvolver actividades económicas, vinculados a sectores produtivos de Galicia, con algunha das seguintes finalidades:

-Investimento na creación de infraestruturas técnicas e industriais de uso común ou compartido economicamente viables.

-Gastos operativos necesarios para o desenvolvemento de proxectos economicamente viables de xeración de coñecemento tecnolóxico, apoio á I+D+i e outros servizos tecnolóxicos.

Tipos de apoio

Préstamos directos do IGAPE

Beneficiarios potenciais

Ademais dos requisitos establecidos no artigo 1 das bases reguladoras, deberán ser centros tecnolóxicos e/ou asociacións empresariais vinculados a sectores produtivos de Galicia.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarios dos préstamos:

a) As empresas suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise. A estes efectos, terase en conta a definición de empresa en crise establecida nas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación Comisión 2014/C 249/01) ou normativa que a substitúa.

c) As entidades nas que concorrese algunha das circunstancias previstas no art. 10.2 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Requisitos principais do proxecto

1. O Igape poderá financiar proxectos empresariais viables a implantar na Comunidade Autónoma de Galicia, que cumpran ademais os requisitos específicos establecidos no Anexo I para cada modalidade de préstamo.

Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude, e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.

2. Non serán financiables as meras substitucións de bens sen unha mellora produtiva, os traslados de centros produtivos que non supoñan unha mellora na capacidade produtiva ou na competitividade, os gastos de amortización, o saneamento de contas, nin o financiamento ou o refinanciamento de débedas.

3. Actividades financiables. Os proxectos financiables deberán estar vinculados ás actividades establecidas como financiables, que serán as sinaladas no Anexo I para cada unha das modalidades de préstamo, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.

4. Importe
O proxecto deberá presentar un custo financiable igual ou superior a 100.000 € máis impostos

5. Condicións do produto financeiro

5.1. Importes mínimo e máximo

O importe mínimo do préstamo será de 75.000 € e o máximo de 1.500.000 €. En ningún caso superará o 75% do custo do proxecto financiable.

5.2. Prazos de amortización e de carencia

Axustados ao plan económico-financeiro e á vida útil dos bens adquiridos, cun máximo de 12 anos, podendo incluír carencia na amortización de principal.

5.3. Tipo de xuro e axuda implícita

5.3.a. Tipo de xuro ordinario

O tipo de xuro aplicable será fixo, e inferior en 1,5 puntos porcentuais ao tipo determinado conforme ao Anexo II destas bases. En ningún caso o tipo de xuro resultante será inferior ao 0%.

Os xuros ordinarios liquidaranse trimestralmente, coincidindo co último día do trimestre natural.

5.3.b. Axuda implícita

Os préstamos desta modalidade incluirán unha axuda implícita de mínimis, nos termos establecidos no artigo 5 destas bases.

5.4. Plan de amortización

Unha vez finalizado o período de carencia, o reintegro do préstamo realizarase en cotas trimestrais con vencemento o último día de cada trimestre natural, xunto coa cantidade destinada ao pago de xuros, con cotas constantes de xuros ordinarios máis amortización unha vez finalizada a carencia. Nos casos nos que o provedor ofreza a posibilidade de recompra, o calendario poderá contemplar unha cota de amortización final maior, coincidente co pago desta recompra.

5.5. Garantías

En función da dispoñibilidade e das características do proxecto.

Investimentos ou gastos computables

1. Sen prexuízo das limitacións establecidas no Anexo I para cada una das modalidades de préstamo, poderán ser financiados os seguintes elementos:

a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola beneficiaria sexa a produción ou subministro de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: Terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, utillaxe, outras instalacións, mobiliario, equipos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade. Exclúense os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran ou constrúan para obter rendas, plusvalías ou ambas.

b) Bens intanxibles, tales como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

c) Gastos de investigación, desenvolvemento e innovación, aínda que contablemente teñan a consideración de gasto corrente, por non cumprirse as condicións para a súa activación previstas nas normas particulares sobre o inmobilizado intanxible recollidas no vixente Plan Xeral de Contabilidade, por canto unha vez finalizado o prazo para xustificar o proxecto poidan non presentarse motivos fundados de éxito técnico e rendibilidade económico-comercial.

d) Capital de explotación: entendendo como tal o incremento permanente de capital circulante necesario para o crecemento do negocio vinculado ao proxecto, que deberá cumprir o seguintes tres requisitos:

1º A contía financiable por este concepto será calculado pola solicitante, sustentando as súas necesidades cunha metodoloxía analítica, sobre a base das previsións de incremento de actividade a consecuencia do proxecto, detallando custos, marxes e períodos medios de pagos a provedores, almacenamento, fabricación, venda e cobro a clientes.

2º Á finalización do período de execución do proxecto, deberá acreditarse que o capital circulante incrementouse na contía financiada. A estes efectos entenderase como capital circulante o valor das existencias (mercadorías, materias primas, outros aprovisionamentos, produtos en curso e produtos terminados) máis o saldo resultante da diferenza entre as contas de clientes e as de provedores máis acredores por prestación de servizos. O total destes saldos contables deberá terse incrementado á data de fin do prazo de execución, en contía equivalente á financiada por este concepto.

3º Os fondos obtidos do produto financeiro con esta finalidade, serán aplicados ao pago de conceptos de gasto corrente do exercicio. A beneficiaria abrirá unha conta corrente específica nunha entidade financeira, na que abonará as disposicións e poderanse cargar exclusivamente:
i) Pagos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos, mediante transferencia ou pago de efectos.
ii) Pagos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións.
iii) Pago de nóminas e seguros sociais.
iv) Gastos financeiros asociados á operativa da conta específica.
v) Primas de seguros, en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.
Os fondos non poderán destinarse a refinanciar débedas bancarias, saneamento de contas, ou a atender vencementos de cotas de préstamos, leasing ou outras operacións financeiras, nin utilizarse como depósito para constituír garantías. En ningún caso realizaranse disposicións en efectivo, cheques ao portador ou transferencias a outras contas da mesma empresa, aínda que posteriormente sexan aplicados ás finalidades previstas.

e) Exclúense impostos, taxas e arbitrios, a excepción do IVE cando non sexa recuperable.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pago aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pago das cantidades aprazadas.

3. Non obstante o previsto no anterior apartado 2, tamén poderán ser financiada a obra civil en inmobles sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou estean alugados por entidades non vinculadas ao beneficiario.

4. Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario do préstamo e o provedor, agás os gastos de desenvolvemento e innovación, que poderán ser realizados con medios e por persoal da propia beneficiaria.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo que a contratación se realice en condicións normais de mercado e se autorice expresamente no acordo de concesión, previa petición do solicitante.

6. En caso de bens usados, poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado de taxador independente, que o prezo non supera o valor de mercado e que é inferior ao custo de bens novos similares.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que se esgote o crédito orzamentario.
b) O 31 de decembro de 2019.

Unha vez finalizado o prazo non se admitirán máis solicitudes. Non obstante o anterior, no suposto de existir remanente de crédito cando finalice o prazo, mediante acordo do Consello de Dirección do Igape, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, poderase ampliar o prazo anterior co límite do 31 de marzo de 2020.

Incompatibilidades

Os préstamos contemplados nestas Bases Reguladoras serán compatibles con calquera outra axuda.

Para os casos nos que se contemple axuda implícita, serán compatibles con outras a condición de que o importe conxunto non supere os límites máximos de intensidade da axuda resultante da normativa de aplicación.

Referencia lexislativa

Resolución do 2 de xullo de 2019 (DOG Nº134 do 16/07/2019) - Bases reguladoras e convocatoria
Extracto Bases reguladoras e convocatoria (DOG Nº134 do 16/07/2019)
Cuestionario en branco (non é válido para presentación)

Información e tramitación en

* Información:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación

1. O interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través de http://www.igape.es/gl/oficina-virtual

Unha vez xerada a solicitude deberase presentar obrigatoriamente por vía electrónica.
Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa firma baste para acreditar a vontade do solicitante. O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

-Memoria do Proxecto, que desenvolverá o seguinte contido:

a) Antecedentes da entidade: Historial, partícipes, principais fitos na evolución da entidade, capacidades básicas (estratéxicas, capacitación da xerencia, organizativas e de control), capacidade técnica da entidade (recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, certificacións de calidade e ambientais), capacidade tecnolóxica da entidade (recursos humanos, técnicos e económicos, patentes I+D+i), capacidade económica da entidade (análise dos estados financeiros, solvencia dos promotores, política de financiamento e rendibilidade).

b) Descrición do proxecto: Obxectivos (fins inmediatos e fins últimos ou estratéxicos para a entidade), orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto da entidade), descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.), necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).

c) Análise económica do proxecto (previsións económicas, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesourería), cuantificación das necesidades de incremento de capital circulante no seu caso. Necesidades de persoal e de subcontratacións externas. Para entidades en funcionamento, as previsións económicas deberán estar referidas ao conxunto da entidade, mostrando separadamente o impacto do proxecto de investimento.

d) Informe detallado da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible.

e) En caso de persoas xurídicas:
1º Escritura/acta de constitución e dos estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente.
2º Contas anuais, auditadas no seu caso, correspondentes ao último exercicio pechado.
3º Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.

f) No caso de persoas físicas ou comunidades de bens: copias das declaracións de IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.

g) Copia da declaración de solicitude de impacto ambiental, ou declaración responsable de non ter que realizala, se é o caso.

h) En caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas, ou declaración responsable de non estar as actividades situadas en zonas naturais protexidas.

i) No seu caso, proxecto técnico elaborado para a obtención da correspondente licenza urbanística no caso de proxectos que inclúan gastos de obra civil e cando sexa preceptiva dita licenza (construción ou reforma de nave, oficinas, locais comerciais, etc.). Exceptúase da necesidade de presentación de proxecto técnico a execución de obras ou instalacións menores.

j) Relación detallada dos investimentos a realizar, distinguindo entre bens novos e usados.

k) Copia do contrato de aluguer/concesión/superficie do inmoble obxecto do proxecto de investimento, no seu caso.

l) Complementariamente o Igape poderá solicitar a achega, con carácter facultativo, daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.