JEREMIE, é unha iniciativa da Comisión Europea desenvolvida xunto co Fondo Europeo de Investimentos. A súa finalidade é promover o uso de instrumentos de enxeñaría financeira para mellorar o acceso das PEMES ao financiamento a través das intervencións dos Fondos Estruturais. Esta iniciativa permite utilizar parte dos Fondos Estruturais europeos asignados para investir en instrumentos reembolsables como fondos de capital risco, de préstamo ou de garantía.
Para acometer proxectos de investimento produtivos no territorio galego, a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) formulan a constitución dun instrumento financeiro, cofinanciado con fondos procedentes do Programa Operativo FEDER 2007-2013, co obxecto de facilitar o acceso ao crédito a aqueles proxectos economicamente viables que encontran dificultades de acceso ao financiamento ou a custos comparativamente superiores.
Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.
1.- Poderán ser beneficiarios aquelas sociedades mercantís que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser unha peme ou microempresa segundo a definición establecida pola Comisión Europea.
b) Realizar unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto do proxecto de investimento, localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Desenvolver ou ter previsto realizar no centro obxecto do proxecto algunha actividade empresarial financiable, que non estea entre as actividades excluídas que se sinalan no Anexo II nestas bases.
d) Achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira do 30% do proxecto, un 25% deberá estar exenta de calquera tipo de apoio público, ademais da totalidade dos impostos indirectos que graven a adquisición dos bens, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.
2.- Non poderán ter a condición de beneficiarios:
a) As sociedades mercantís cuxa actividade estea comprendida nas excluídas polo artigo 1 do Regulamento (UE) n.º 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.
b) As sociedades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
c) As empresas en crise.
d) As entidades nas que concorran algunha das circunstancias do artigo 10.2. da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia
Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas e as sociedades civís ou co¬munidades de bens que cumpran os requisitos sinalados nos puntos anteriores. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe das axudas que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de sub¬vencións de Galicia.
Os proxectos financiables sobre o montante do investimento, deberán en todo caso estar vinculados a algunha actividade económica que non estea entre as excluídas que se relacionan no Anexo II nestas bases, independentemente de calquera outra que, ademais, desempeñe o solicitante.
* Características dos proxectos a financiar:
O Igape poderá financiar mediante préstamos proxectos empresariais de investimento a implantar na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:
1.- O proxecto deberá presentar un investimento financiable non inferior a 70.000 .
2.- Os proxectos financiables terán que acreditar a súa viabilidade técnica, económica, financeira e no seu caso ambiental, e deberán consistir na creación dun novo establecemento, a ampliación dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio esencial no proceso xeral de produción dun establecemento existente. Non serán financiables meras substitucións de bens, traslados de centros produtivos que non supoñan mellora na capacidade produtiva ou competitividade, gastos de amortización, saneamento de contas, financiamento ou refinanciamento de débedas, pagamento de impostos, nin aquelas afectadas por limitacións específicas do Programa Operativo FEDER.
3.- Serán financiables os investimentos e gastos que cumpran os requisitos destas bases, realizados e pagados unha vez presentada a solicitude e dentro do prazo concedido para a execución do proxecto.
Exclúense impostos, taxas e arbitrios, agás o imposto sobre o valor engadido cando este non poida ser obxecto de recuperación ou compensación polo beneficiario
* Características dos préstamos:
1.- Importe do financiamento: o importe do préstamo estará comprendido entre un mínimo de 49.000 euros e un máximo de 1.820.000 euros e non superará en ningún caso o 70 % do investimento financiable nin a suma deste pendente de pagamento.
2.- Disposición dos fondos: O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos rematará o 17 de xuño de 2016. Para o desembolso do préstamo, admitiranse un máximo de 4 disposicións.
3.- Xuros: o tipo de xuro fixo, que se determinará no momento da concesión para toda a vida do préstamo, será o resultado de sumar á media aritmética do Euríbor a 1 ano do mes anterior á concesión un diferencial determinado en función do importe inicial do préstamo e das garantías, conforme os seguintes criterios:
a) Tramos que sexan garantidos con aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca en cobertura do principal adebedado, o diferencial será do 0,1 %.
b) Para os tramos sen os tipos de afianzamento sinalados no alínea a) anterior:
Ata un máximo de 840.000 : 0,1 %.
De máis de 840.000 a un máximo de 1.400.000 : 0,2 %.
De máis de 1.400.000 a un máximo de 1.820.000 : 0,5 %.
En caso de que a unha mesma empresa se lle concedese previamente algunha outra operación de préstamo ao abeiro destas bases, para os efectos de computar os tramos para o cálculo do tipo de xuro aplicable, restarase a suma do financiamento previamente concedido dos tramos con porcentaxes de tipo de xuro máis baixas.
4.- Reembolso do principal dos préstamos: os préstamos que conceda o Igape terán un prazo mínimo de amortización de 2 anos e un máximo de 11 anos, e reembolsaranse mediante cotas trimestrais, sen que en ningún caso poida superar a vida económica e técnica dos bens financiados. Poderase establecer un prazo de carencia máximo de 1 ano.
5.- Amortización anticipada: A prestamista ten a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial do préstamo, mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.
6.- En caso de producirse o incumprimento total ou parcial das condicións do contrato de préstamo, o Igape poderá dalo por vencido, e requirirá o reembolso total ou parcial, segundo corresponda do capital vivo e os xuros percibidos.
7.- Garantías: O Igape tomará as garantías axeitadas segundo as características de cada operación.
A devandita garantía poderá consistir en:
- Avais bancarios ou de sociedade de garantía recíproca.
- Peñoramento de activos financeiros ou dereitos de crédito.
- Hipotecas en primeiro rango sobre bens inmobles.
- Hipoteca mobiliaria ou peza sen desprazamento sobre bens libres doutras cargas.
- Avais persoais de socios que acrediten un valor patrimonial neto suficiente.
8.- Dereito privado: Os contratos mediante os que se formalicen as operacións someteranse ao dereito privado.
1.- Consideraranse conceptos financiables os seguintes:
a) Activos fixos materiais: Adquisición dos activos fixos materiais necesarios para acometer o proxecto, tales como terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento, mobiliario.
b) Activos intanxibles: Aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licencias de fabricación e patentes, gastos de I+D e outros activos intanxibles ligados a proxectos de innovación tecnolóxica.
c) Exclúense impostos, taxas e arbitrios.
2.- Os investimentos e gastos previstos polo solicitante deberán ser especificados na solicitude. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá no acordo de concesión individual correspondente os investimentos financiables ata o termo do prazo de execución do proxecto.
3.- Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros polo beneficiario. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.
4.- Os gastos financiables deberán ser contratados e pagados directamente entre o beneficiario da axuda e o provedor final. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores salvo autorización expresa no acordo de concesión e previa petición do solicitante.
5.- O investimento terase que manter no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao termo do prazo de execución do proxecto. O investimento financiado poderá ser substituído en caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da prestamista se manteña en Galicia durante os períodos mencionados, non podendo ser obxecto de financiamento os bens que substitúen os obsoletos.
6.- En caso dos activos intanxibles, para ser considerados financiables, deberán cumprir ademais todas estas condicións:
1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda;
2) consideraranse activos amortizables;
3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado,
4) figurarán no activo da empresa e permanecerán no establecemento beneficiario da axuda durante un período mínimo de 3 anos.
O período de execución do proxecto iniciarase na data en que o titular presente a solicitude de préstamo e finalizará na data que se especifique no acordo de concesión. Todos os xustificantes da realización e pagamento dos investimentos deberán estar datados nese período, así como calquera outra condición establecida no acordo de concesión.
Os préstamos concedidos a esta liña de financiamento inclúen unha axuda implícita, equivalente ao aforro de carga financeira que supoñen para a beneficiaria respecto a un préstamo alternativo que poderían obter en con mercado financeiro.
Os puntos porcentuais de bonificación implícitos e a subvención bruta equivalente recolleranse no acordo de concesión determinados polo Igape en aplicación da Comunicación 2008/C 14/02 da Comisión, e a beneficiaria aceptará a contía estimada desta cando instrumente a operación de préstamo.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia; no caso de coincidir en sábado ou día inhábil en Santiago de Compostela, o prazo comezará o día hábil seguinte; e rematará o 31 de marzo de 2016 ou no momento de esgotamento do crédito orzamentario.
As subvencións implícitas nos préstamos regulados nas presentes bases, terán a consideración de axudas de minimis.
A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.
Resolución do 3 de xuño de 2014 (DOG Nº108 do 09/06/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
Resolución do 27 de abril de 2015 (DOG Nº82 do 04/05/2015) - Modificación das bases reguladoras
Resolución do 10 de setembro de 2015 (DOG Nº178 do 17/09/2015) - Modificación das bases reguladoras
Resolución do 15 de decembro de 2015 (DOG Nº241 do 18/12/2015) - Ampliación do crédito dispoñible
Resolución do 26 de febreiro de 2016 (DOG Nº42 do 02/03/2016) - Ampliación do crédito dispoñible
Resolución do 6 de maio de 2016 (DOG Nº93 do 18/05/2016) - Modificación das bases reguladoras
Para presentar unha solicitude de axuda o interesado, deberá cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través do enderezo de internet http://www.tramita.igape.es
Ao citado formulario anexaranse os seguintes documentos electrónicos:
a) Informe da Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR) correspondente ao último período dispoñible, consistente nun arquivo en formato PDF asinado electronicamente que o solicitante deberá obter da Oficina Virtual do Banco de España (actualmente na dirección de internet https://sedeelectronica.bde.es).
b) Memoria do proxecto co seguinte contido orientativo e en formato PDF:
1.- Antecedentes da entidade
- Capacidade técnica e tecnolóxica: recursos humanos, técnicos, materiais, colaboracións, cooperacións, patentes I+D+i, certificacións de calidade e ambientais.
- Capacidade comercial da entidade: canles de comercialización, mercados, grao de internacionalización, exportacións.
- Capacidade económica da entidade: Principais activos e aspectos máis significativos dos estados financeiros.
2.- O proxecto
- Orixe e xustificación (necesidade, oportunidade e adecuación do proxecto ou actuación respecto á entidade).
- Descrición técnica (contido, metodoloxía, fases, etc.).
- Necesidades de medios técnicos (descrición detallada e valorada dos novos investimentos).
- Necesidades de medios materiais (descrición dos materiais adquiridos e utilizados).
- Necesidades de persoal asociadas ao proxecto.
- Subcontratacións externas (axentes colaboradores, alcance e fases da colaboración).
- Análise económica do proxecto (Previsións económicas para os anos de vixencia solicitados, estrutura do financiamento, rendibilidade e previsións de tesouraría).
3.- O mercado
- Tamaño, características, competencia, etc..
- Análise comercial do produto (cota de mercado e comparación fronte á competencia).
Unha vez cuberto o cuestionario, a aplicación xerará unha solicitude que se presentará mediante a instancia normalizada que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática (ANEXO I) e que deberá asinar o solicitante.
Xunto co formulario de solicitude presentarase a seguinte documentación:
a) Contas anuais correspondentes aos dous últimos exercicios pechados.
b) Balance e conta de resultados recentes, asinados polos administradores.
c) Documentación administrativa da empresa (escritura de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente e as súas modificacións posteriores, e poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, no seu caso, no rexistro competente).
d) No caso de actividades situadas en zonas naturais protexidas, descrición completa das actividades afectadas.
e) Acreditación de actividade financiable (IAE ou compromiso de alta modelo 036).
f) Garantías ofrecidas: No caso de garantías hipotecarias, taxación emitida por sociedade homologada polo Banco de España dos bens ofrecidos. Nota simple do rexistro da propiedade. No caso de garantías persoais: Copia de declaración do IRPF e patrimonio dos avalistas, relación dos seus bens patrimoniais e débedas.
g) Acreditación da capacidade de financiamento da parte do proxecto non cuberto co préstamo solicitado, que deberá contemplar ademais a totalidade dos impostos indirectos que graven as adquisicións de bens previstas. Esta acreditación poderá consistir nunha certificación bancaria da dispoñibilidade líquida e/ou unha comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.
h) Para o caso de persoas físicas, sociedades civís ou comunidades de bens, en lugar da documentación sinalada nas letras a), b) e c) anteriores, deberán achegar a copia da declaración do IRPF do último exercicio e as copias das declaracións do IVE: resumo anual do exercicio anterior e liquidacións periódicas do exercicio corrente.
Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse:
- Por vía electrónica. Para iso asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Na presentación electrónica os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.1.4
- Ou ben, en papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude normalizada (ANEXO I) co IDE, acompañada da documentación establecida.
A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, nos números de teléfono 900 81 51 51 ou 981 541 147.
As empresas beneficiarias deberán instar a formalización do préstamo nos prazos establecidos no acordo de concesión, que non superarán o 30 de xuño de 2016.
O prazo máximo para solicitar a disposición dos fondos rematará o 15 de xullo de 2016. En todo caso, este prazo non superará o período de carencia na amortización do préstamo.