O prazo de presentación finalizou o 03/03/2014

IG158 - INTERNACIONAL - PRIMEIRA IMPLANTACIÓN PROMOCIONAL CONXUNTA NO EXTERIOR - Plan Primex (2014)

Finalidade / Obxectivo

Este programa está dirixido a empresas galegas que acaden un acordo de cooperación entre elas para aunar esforzos, compartir custos e, se é o caso, estratexia e marca para establecerse por primeira vez en novos mercados internacionais para o lanzamento de produtos ou servizos galegos en novos países.

Así mesmo, coa mesma finalidade de cooperación, para a introdución en novos mercados internacionais, apoiaranse as accións que realicen os organismos intermedios beneficiarios para os seus asociados que participen no proxecto baixo as regras de funcionamento que establezan co organismo intermedio beneficiario.

Tipos de apoio

Subvención en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán presentar solicitudes:

a) As agrupacións de polo menos tres empresas (sociedades mercantís, cooperativas ou outras sociedades con persoalidade xurídica propia e obxecto empresarial, e que teñan á data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia) -non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia-, que se comprometan a crear unha sociedade de promoción comercial dos seus produtos no país de destino, entendendo como tal unha sociedade con personalidade xurídica propia ou calquera tipo de agrupación empresarial admitida en dereito no país de destino.

b) Os consorcios domiciliados en Galicia e con personalidade xurídica independente (con unha antigüedade máxima de 5 anos anteriores ao 1 de xaneiro de 2014) formados polo menos por tres empresas galegas -non vinculadas previamente entre si e con domicilio ou algún centro de actividade radicado en Galicia-, que se comprometan a crear unha filial no estranxeiro para a promoción comercial dos seus produtos no país de destino.

c) Organismos intermedios, que se comprometan a poñer en marcha un centro de promoción en destino sempre que o obxectivo sexa a exposición e/ou promoción comercial dos produtos ou servizos das empresas asociadas. Por organismos intermedios enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas -con domicilio social ou algún centro de actividade en Galicia- e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31/12/2013 no Rexistro establecido para o efecto.

As agrupacións destes organismos intermedios non vinculados previamente entre si, poderán ser beneficiarios sempre que acaden un acordo formal para a realización deste tipo de accións e nomeen un/unha deles/as representante legal perante o Igape para a solicitude da axuda.

O solicitante debe identificar ás empresas que participen no proxecto. O número mínimo de empresas galegas que deberán comprometerse no proxecto será de cinco.

* Requisitos dos beneficiarios:

- Desenvolver nun centro radicado en Galicia calquera actividade económica, non excluída no Regulamento relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis. Serán subvencionables as actividades de produción de produtos agrícolas e as actividades do sector pesqueiro. Non poderán ter a condición de beneficiarias aquelas empresas non domiciliadas en Galicia e que unicamente teñan radicados na Comunidade Autónoma centros con actividade estritamente comercial.

- Non poderán ter a condición de beneficiario as empresas que estivesen en crise.

- A maioría das empresas participantes nos proxectos deben ser pequenas e medianas empresas galegas (sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial), non vinculadas previamente entre si.

- Admitirase a existencia no proxecto de socios non galegos ou socios con vinculación previa pero as ditas partes non recibirán axuda do Igape.

- No caso de agrupacións de empresas, a participación no proxecto de cada un dos beneficiarios da axuda non pode ser inferior ao 5%. Así mesmo, a porcentaxe de participación no proxecto establecido no acordo notarial para cada membro da agrupación debe coincidir coa porcentaxe de cada un na cota de participación da agrupación na sociedade en destino.

- No caso de agrupacións de empresas, cada unha das empresas beneficiarias da axuda terá que dispor dun DIAGNÓSTICO positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape. No caso de consorcios con personalidade xurídica propia, o diagnóstico só é necesario para este, e non para cada unha das empresas partícipes no mesmo. No caso de non dispoñer deste diagnóstico deberá solicitalo ao Igape ao mesmo tempo que presente a solicitude de axuda.

- No caso de consorcios e agrupacións de empresas, cada unha das empresas integrantes do consorcio ou agrupación (excepto as que non computan a efectos da subvención) deben ter á data da solicitude e durante todo o prazo de execución do proxecto algún empregado por conta allea en Galicia.

- Non será subvencionable a participación das empresas que durante o prazo de execución do proxecto cesen a súa actividade en Galicia.

- Quedan excluídas as empresas ou organismos intermedios que teñan sido beneficiarios para o mismo país en convocatorias anteriores desta liña de axudas, agás que renunciaran expresamente á axuda anterior, non entrando no cómputo do número mínimo de empresas ou de organismos intermedios para os proxectos adicionais dentro do mesmo país.

Sectores incentivables

Calquera actividade económica, incluso a prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos, non excluída no Regulamento relativo ás axudas de mínimis. Serán subvencionables as actividades de produción de produtos agrícolas e as actividades do sector pesqueiro conforme ao establecido nos correspondentes Regulamentos.

Requisitos principais do proxecto

- No caso de agrupacións de empresas, cada unha das empresas beneficiarias da axuda terá que dispor dun DIAGNÓSTICO positivo do potencial de internacionalización da empresa realizado a través de programas de Igape. No caso de consorcios con personalidade xurídica propia, o diagnóstico só é necesario para este, e non para cada unha das empresas partícipes no mesmo.

- O prazo de execución dos proxectos subvencionables, iniciarase o 1 de xaneiro de 2014 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2014) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2015. Non serán subvencionables os proxectos cuxa escritura de constitución da sociedade/filial en destino, ou legalización do centro de promoción en destino sexa anterior a esta data do 1 de xaneiro de 2014.

- Non se concederá axuda a aqueles proxectos que, unha vez avaliados, recibirían unha axuda inferior a 20.000 euros .

Investimentos ou gastos computables

1.- Serán subvencionables os seguintes gastos de constitución e de funcionamento da sociedade, ou centro de promoción no caso de organismos intermedios, que se constitúa no país de implantación realizados e pagados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data de finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión, que nunca poderá exceder do 30 de xuño de 2015.

1.1.- Gastos de constitución e posta en marcha do proxecto:

a) Gastos de conformación da agrupación ou consorcio e de constitución en destino: acordos notariais, escrituras, inscricións, permisos administrativos, licenzas e outros gastos legais e administrativos que se realizan unha soa vez ao comezo da actividade. Non se admitirán por este concepto gastos de asistencia técnica que incremente o custo destes servizos.
b) Gastos de asistencia técnica (legal, financeira ou consultoría): gastos previos á constitución da sociedade ou posta en marcha do centro de promoción en destino que estean directamente relacionados coa conformación do grupo de empresas partícipes no proxecto, e coa posta en marcha do mesmo.
O importe subvencionable máximo por este concepto será de 5.000 euros que se incrementará –no caso de agrupacións de empresas e consorcios- en 1.000 euros de importe subvencionable máis por cada empresa adicional do mínimo de tres -das que computan como subvencionables- ata un máximo de 10.000 euros de importe subvencionable por este concepto.

1.2.- Gastos en destino (que deben ser facturados á sociedade ou filial en destino, salvo no suposto dos proxectos de organismos intermedios sen personalidade xurídica en destino):

- Gastos de funcionamento da sociedade en destino:

a) Gastos de persoal: soldos e salarios netos aboados ao xerente e persoal relacionado coa actividade promocional da sociedade ou entidade en destino e con posto de traballo en destino. É preciso que exista un contrato laboral, xa sexa fixo ou eventual. O xerente pódese contratar tamén mediante contrato de prestación de servizos, pero debe ser contratado para dedicación en exclusiva ao proxecto e traballar en destino.
b) Gastos de servizos profesionais externos en destino: gastos que estean directamente relacionados co funcionamento administrativo da sociedade ou filial en destino (xurídicos, administrativos, tradución, contables -incluso auditoría- e fiscais). Traballos a realizar por profesionais que directamente ou mediante acordos con terceiros dispoñan de medios persoais no país obxecto do proxecto. O importe subvencionable máximo por este concepto non superará os 24.000 euros.
c) Gastos de aluguer: aluguer de locais e inmobilizado cando a actividade promocional o xustifique.
d) Para aqueles solicitantes que, previamente á súa implantación definitiva, decidan realizar a súa actividade dentro de centros de negocios, subvencionarase o custo do aluguer ou cota correspondente.

- Gastos de promoción en destino relacionados co país de implantación:

a) Publicidade: custo de compra de espazos publicitarios en medios do país obxecto da acción promocional. Só custos de inserción nos medios finais e non outros gastos de asistencia técnica relacionada co plan de publicidade.
b) Feiras e outros eventos expositivos do país de implantación como show rooms, catas, presentacións de empresa e/ou produto. No caso de eventos organizados por terceiros só son subvencionables os gastos facturados polo organizador do evento en concepto de participación, aluguer de suelo e stand. No caso de eventos organizados polos solicitantes só son subvencionables os gastos de aluguer de espazo.
c) Viaxes relacionadas co proxecto: viaxes de representantes da sociedade ou filial en destino -así como do representante legal da agrupación, consorcio ou organismo intermedio solicitante da axuda- entre Galicia e o país de destino así como dentro do país onde estea a sociedade ou filial. Só son subvencionables os gastos de avión, tren e autobús e gastos de hotel en réxime de aloxamento e almorzo.
Límite máximo de subvención por este concepto:
*Para viaxes con destino/orixe Portugal/Galicia: 500 euros por viaxe subvencionable.
*Para viaxes con destino/orixe resto de Europa/Galicia: 1.000 euros por viaxe subvencionable.
*Para viaxes con destino/orixe fóra de Europa/Galicia: 1.500 euros por viaxe subvencionable.
O importe subvencionable máximo polo concepto de viaxes non superará os 10.000 euros para proxectos en Portugal, 15.000 euros para proxectos en resto de Europa e 20.000 euros para proxectos fóra de Europa.

- Outros gastos en destino relacionados co país de implantación:

a) Gastos de rexistro da propiedade industrial no país obxecto do proxecto subvencionable.
b) Gastos de homologación e certificación: gastos de servizos externos para a homologación ante organismos oficiais estranxeiros e para certificacións e precualificacións ante clientes no exterior.

2.- Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda. Poderase considerar subvencionable o IVE cando o solicitante sexa unha asociación ou entidade sen ánimo de lucro e acredite que se atopa acollido ao réxime de exención do IVE e que esa operación concreta non foi incluída na declaración do IVE.
3.- Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores (no caso de organismos intermedios sen ánimo de lucro non se entende que haxa vinculación coas empresas asociadas ou representadas). Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada.

4.- Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público (TRLCSP) para o contrato menor (actualmente 50.000 euros no caso de execución de obras e 18.000 euros para a prestación de servizos ou adquisición de bens), o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención. Para modificar o provedor seleccionado deberá pedir previamente á súa contratación autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio.

Contía das axudas

Contía da axuda: 45% de subvención sobre os gastos subvencionables, con incremento do 5% por cada empresa galega/organismo intermedio participante na agrupación ou consorcio a maiores do número mínimo requirido de 3 empresas galegas ou 1 organismo intermedio, ata un máximo de 70% de subvención.

Estas porcentaxes incrementaranse adicionalmente:

• En 5 puntos porcentuais por cada empresa computable na axuda membro da agrupación ou membro do consorcio, ou por cada organismo intermedio con domicilio social ou centro de actividade obxecto do proxecto en algún dos municipios relacionados no anexo III destas bases: provincias de Lugo ou Ourense, comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e da Costa da Morte.

• Se o solicitante é un clúster galego ou algunha das empresas beneficiarias pertence a algun clúster galego, engadiranse 5 puntos porcentuais máis por cada clúster ou por cada empresa computable na axuda -membro da agrupación ou membro do consorcio-, pertencente a algún clúster galego.

O límite total máximo de axuda será do 80% de subvención sobre os gastos subvencionables.

O límite máximo de axuda por proxecto en que participe o número mínimo de tres empresas galegas ou un organismo intermedio galego será de 100.000 euros, e por cada empresa ou organismo intermedio adicional, incrementarase o límite anterior en 10.000 euros, ata acadar un límite máximo conxunto de 150.000 euros.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2014 e rematará o 3 de marzo de 2014.

Incompatibilidades

Estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto cofinanciada con Fondos ou Instrumentos da UE. Noutro caso, as axudas serán compatibles con calquera outra liña de subvencións, sempre que se respecten as intensidades de axuda máximas indicadas nos regulamentos da UE aplicables. Non serán compatibles -para os mesmos conceptos subvencionables- con outros programas de apoio financiados pola Xunta de Galicia.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Ao estar estas axudas suxeitas ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite será de 100.000 euros para as empresas do sector de transporte por estrada; 30.000 euros para as empresas do sector pesqueiro; e 7.500 euros para as empresas dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

Referencia lexislativa

Resolución do 26 de novembro de 2013 (DOG Nº229 do 29/11/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2014
Resolución do 26 de novembro de 2013 (DOG Nº244 do 23/12/2013) - Corrección de erros
Resolución do 2 de xuño de 2014 (DOG Nº107 do 06/06/2014) - Redistribución crédito orzamentario
Resolución do 25 de xuño de 2014 (DOG Nº121 do 27/06/2014) - Graduación incumprimentos

Información e tramitación en

* INFORMACIÓN:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 902 300 903 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

Unha vez aceptados os datos do formulario deberá presentarse a solicitude. Para iso hai 2 opcións:

- Presentar telemáticamente: Neste caso será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante e deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido.

- En papel: xerar a instancia de solicitude (Anexo I) na opción “Ver instancia” e presentala nun rexistro do Igape ou en calquera outro rexistro público acompañado da documentación indicada no artigo 8.4 das reguladoras en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica.

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 902 300 903 ou 981 541 147

Observacións

O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento da subvención no prazo improrrogable dun mes desde o fin do prazo de execución establecido na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xullo de 2015.

- Criterios de gradación para determinar o alcance da obriga de reintegro no caso de incumprimento doutras condicións alleas á contía ou conceptos da base subvencionable:

1. Non manter a sociedade en destino durante o período establecido no artigo 14.a) das bases reguladoras suporá a perda da subvención nunha porcentaxe equivalente ao tempo non cumprido.

2. No caso de que algunha empresa da agrupación non acredite –no momento da liquidación– que está ao día coas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma daría lugar a incumprimento parcial polo que respecta ao pagamento da
subvención correspondente ás ditas empresas, e poderase liquidar ás demais a súa subvención correspondente, sempre e cando sexan polo menos tres as empresas restantes que cumpran as condicións para seren beneficiarias da axuda.

3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder, 4. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida nos seguintes casos:
a) Incumprimento do prazo máximo para a constitución da sociedade ou filial en destino ou posta en marcha do centro de actividade ou contratación do xerente sen solicitar a modificación do dito prazo.
b) Constitución da filial en destino con porcentaxes distintas ás establecidas na resolución.
c) Substitución de socios sen modificación previa.
d) Minoración orzamentaria fóra de prazo (antes do fin do prazo de execución).
e) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 14.g) das bases reguladoras.
f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5. Suporá a perda dun 10 % da subvención concedida nos seguintes casos:
a) No caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 14.k) das bases reguladoras respecto ao envío ao Igape de informes trimestrais –previa reclamación expresa por parte do Igape–.
b) No caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 5.4 das bases reguladoras, en canto a que para modificar o provedor seleccionado se deberá pedir, previamente á súa contratación, autorización ao Igape e xustificar as razóns do cambio, suporá a perda do 10 % da subvención concedida para o concepto subvencionable correspondente.