El plazo de presentación finalizó el 30/09/2022

AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO (TR341D)

Finalidad / Objetivo

A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

Tipos de apoyo

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis. Axuda en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciales

1. Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:

a) Estar inscrito como demandante de emprego nos servizos públicos de emprego, carecendo de ocupación efectiva segundo informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.

b) Ter iniciada a actividade segundo definición do artigo 6.3 con anterioridade á presentación da solicitude da subvención.

c) Desenvolver fundamentalmente a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).

d) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

e) Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de emprego autónomo nos tres anos anteriores á data do inicio da nova actividade. Este prazo computarase desde a data de notificación da resolución de concesión da anterior subvención.

f) Non ter desenvolvido como persoas traballadoras autónomas a mesma ou similar actividade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como persoas traballadoras autónomas en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará cando a actividade desenvolvida fose realizada por persoas autónomas colaboradoras.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.

3. Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

4. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuantía de las ayudas

Co obxecto de axudar ás persoas desempregadas ao inicio e ao mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma e deste xeito facilitarlles ingresos durante o inicio da súa actividade laboral, establécese para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias de acordo co establecido no artigo 5, segundo a súa situación no momento de inicio da actividade laboral, unha subvención segundo o método de custos simplificados asociado á operación coas seguintes contías:

a) 2.000 euros para persoas desempregadas en xeral.
b) 4.000 euros para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
– Persoas menores de 30 anos.
– Persoas desempregadas de longa duración.
– Persoas desempregadas con discapacidade.
– Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.

A contía base correspondente incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:
a) Se a persoa incorporada é unha muller.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da persoa autónoma estea situado nun concello rural.
c) Persoas maiores de 45 anos.
d) Se a persoa incorporada é unha persoa emigrante retornada.
e) Persoas trans.
f) Profesións e oficios nos que a muller estea subrepresentada, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo III.
Estes seis incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicárense todos os incrementos, sería de 10.000 euros.

Aplicarase a subvención polo colectivo e os incrementos indicados pola persoa solicitante, en caso de non exercer a opción, entenderase solicitada pola contía superior que quede acreditada coa documentación achegada coa solicitude. Se non queda acreditada a pertenza a ningún colectivo, entenderase que solicita pola contía base mínima.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo contarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022.

Incompatibilidades

A subvención establecida neste programa será incompatible coas establecidas nos distintos programas de promoción do emprego autónomo que subvencionen a alta como persoa traballadora autónoma, nos programas de fomento de cooperativas e do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica e integración laboral das persoas con discapacidade, convocados pola
Consellería de Emprego e Igualdade.

Así mesmo, serán incompatibles coas axudas comprendidas no programa Emega para o fomento do emprendemento feminino convocadas pola Consellería de Emprego e Igualdade así como con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego.

Será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2022 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónomo galega das persoas emigrantes retornadas e dos seus descendentes, así como co Programa do bono nova oportunidade que se convoque no ano 2022.

Referencia legislativa

Orde do 28 de decembro de 2021 (DOG Nº250 do 30/12/2021) - Bases reguladoras e convocatoria 2022

Información y tramitación en

SERVIZO DE EMPREGO AUTÓNOMO

San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)

Teléfono: 981545625 / 981957590

Email: autónomos.emprego@xunta.gal

Observaciones

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037).

b) De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

c) Documentación acreditativa do colectivo polo cal se opta (para os casos de exclusión social, discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia).

d) Documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vínculo con esta, no caso de solicitar o incremento de persoa emigrante retornada.

e) Certificado de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España, no caso de solicitar o incremento de
emigrante retornado.

f) No caso de que as persoas polas que se solicita a subvención teñan a condición de trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

g) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

h) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

i) Declaración responsable do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións. Tal como se recolle no anexo I da orde.

j) Declaración responsable de que posúe a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda (anexo I).

k) Declaración responsable do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do not significant harm-DNSH»), conforme se indica no artigo 8.6 desta orde.

O prazo máximo para resolver e notificar é de 3 meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Entre as obrigas das persoas beneficiarias das subvencións, ademais das recollidas con carácter xeral no artigo 21 desta orde, está manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de dezaoito meses se se concede a subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.