El plazo de presentación finalizó el 10/08/2020

CONTRATACIÓN DE TÉCNICOS EN ORGANISMOS INTERMEDIOS PARA ASESORAR A EMPRESAS (TR332C)

Finalidad / Objetivo

Subvencións a organismos intermedios para a contratación por conta allea de persoas técnicas superiores e profesionais especialistas que no momento da súa contratación sexan persoas desempregadas, durante un período de 8 meses, para facilitar ás pemes e micropemes un asesoramento específico en materias relacionadas con necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico do COVID-19.

Beneficiarios potenciales

1. Poderán ser beneficiarios de estas axudas os organismos intermedios, entendendo por tales:
- Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.
- Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.
- Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia) que representen un colectivo de empresas galegas.
- Clústeres empresariais.
- Asociacións de persoas autónomas.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sectores incentivables

1. Subvencionaranse as contratacións de persoal por conta allea para o desenvolvemento de tarefas de asesoramento por parte dos organismos intermedios ás pemes e micropemes nas seguintes materias:
- Asesoramento en captación de financiamento e xestión financeira da empresa.
- Relanzamento comercial.
- Transformación dixital da empresa e asesoramento tecnolóxico.
- Prevención de riscos laborais.
- Plans de continxencia na produción e na cadea loxística.
- Apoio na implementación de proxectos e ferramentas de teletraballo.
- Apoio nos procesos de contratación de persoal (procesos de selección).
- Outras materias de natureza análoga ás anteriores.

Requisitos principales del proyecto

1. As persoas que se contraten no marco da presente axuda deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes desempregados, e estaren dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante desempregada, e dispoñible para o emprego.

2. O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:
– Estar en posesión dunha das seguintes titulacións:
◦ Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciatura, enxeñaría, arquitectura,
graduado/a, diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.
◦ Título de formación profesional de grao superior ou equivalente.
◦ No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, a dita titulación deberá ser equiparable en capacitación a algunha das anteriores.
– Figurar inscrito como demandante de emprego e desempregado no momento da súa contratación.

3. Os contratos de traballo por conta allea que se formalicen terán as seguintes características:
a) Serán contratacións iniciais indefinidas a tempo completo, ou temporais a tempo completo; neste caso terán unha duración de 8 meses.
b) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada deberá respectar, como mínimo e en calquera caso, o convenio colectivo que sexa de aplicación.
c) Os beneficiarios deberán respectar o grupo de cotización correspondente á titulación da persoa contratada.

4. Serán subvencionables as contratacións que se formalicen con posterioridade á notificación da resolución de concesión da subvención e con data límite do 30 de setembro de 2020.

5. Os contratos subvencionados ao abeiro desta orde de axudas deberán ser formalizados no prazo máximo dun mes desde a notificación de resolución da concesión da subvención. A contratación deberáselle comunicar ao Servizo Público de Emprego (SEPE).
A formalización deberá ser comunicada á Secretaría Xeral de Emprego no prazo máximo de 10 días desde a súa formalización.

Cuantía de las ayudas

1. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) i) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

2. A contía das axudas en concepto de incentivo por persoa contratada establecerase en función da súa titulación e grupo de cotización, segundo a seguinte táboa:

Título superior universitario (licenciatura universitaria,arquitectura, enxeñería ou grao) - Grupo de cotización 1 ou 2 - 13.500 euros
Título medio universitario (graduado/a, diplomatura,enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou grao) - Grupo de cotización 1 ou 2 - 11.500 euros
Título de formación profesional de grao superior ou equivalente - Grupo de cotización 3, 4 ou 5 - 10.000 euros

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Incompatibilidades

Estas axudas serán incompatibles con outras que, en concepto de incentivos á contratación, poidan outorgar as administracións públicas. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social, sempre que o conxunto de ambas as axudas non supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 90 % do custo salarial de 8 meses correspondentes ao contrato que se subvenciona.

Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos destas subvencións, non se considerarán custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos ou complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Referencia legislativa

Orde do 06 de xullo (DOG Nº136 do 09/07/2020) - Bases reguladoras

Información y tramitación en

Secretaría Xeral de Emprego

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal
Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.
Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude.

Observaciones

Poderase realizar o pagamento anticipado, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo. O importe do pagamento anticipado será dun 100 % da subvención concedida.

Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días naturais seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.