El plazo de presentación finalizó el 30/09/2014

PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE E SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL DOS CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO

Finalidad / Objetivo

Promover a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos seguintes programas:

– Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (anexo A).

– Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego (anexo B).

Tipos de apoyo

* Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego

O obxecto deste programa é incentivar a creación, ampliación e mantemento de emprego nos centros especiais de emprego mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego, preferentemente estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade.

Tipos de axuda

Neste programa recóllense as accións subvencionables e tipos de axudas seguintes:

a) Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.

– Axudas para asistencia técnica.

– Subvención financeira.

– Subvención en función do investimento en activo fixo.

b) Mantemento de centros especiais de emprego.

– Subvención para a adaptación de postos de traballo.

– Subvención para o saneamento financeiro.

– Subvención para o equilibrio orzamentario.

* Mantemento de centros especiais de emprego

Para o mantemento de postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade establécense as seguintes axudas:

a) Poderá concederse unha subvención para o mantemento dos postos de traballo que requiran unha eliminación de barreiras arquitectónicas e/ou unha adaptación de postos de traballo. Será requisito para a concesión desta axuda que se acredite a necesidade da adaptación ou eliminación de barreiras arquitectónicas para manter o posto de traballo da persoa con discapacidade pola cal se solicita a subvención. A contía máxima desta subvención será de 1.800 euros por posto de traballo, sen que en ningún caso sexa superior ao custo real.

b) Subvención por unha soa vez destinada a equilibrar e sanear financeiramente os centros especiais de emprego co fin de lograr a súa reestruturación para alcanzar niveis de produtividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade.

c) Subvención dirixida a equilibrar o orzamento nos centros especiais de emprego que carezan de ánimo de lucro e sexan de utilidade pública e imprescindibles polo labor que realizan.

Non se poderán conceder subvencións para o equilibrio orzamentario cando os resultados económicos adversos deriven dunha xestión deficiente do centro.

Para a concesión e determinación da contía desta subvención aplicarase o disposto no artigo 12 do Real decreto 2273/1985, do 4 de decembro, polo que se aproba o Regulamento dos centros especiais de emprego, polo que se terá en conta:

– A actividade, dimensión, estrutura, titularidade e xerencia do centro.

– A composición do seu cadro de persoal, con especial atención á proporción de traballadores e traballadoras con discapacidade respecto do total no centro especial de emprego, así como á natureza e grao de discapacidade dos seus compoñentes, en relación coa súa capacidade produtiva e de adaptación ao posto de traballo que desempeñen.

– A modalidade e condicións dos contratos subscritos.

– As variables económicas que concorran no centro en relación co seu obxecto e función social.

– Os servizos de axuste persoal e social que preste o centro aos seus traballadores e traballadoras con discapacidade.
O procedemento de concesión do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, regulado no anexo B desta orde, tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciales

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.

Requisitos principales del proyecto

Inversiones o gastos computables

* Proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego

1. As axudas para a creación e a ampliación de centros especiais de emprego reguladas neste anexo teñen por finalidade apoiar os proxectos xeradores de emprego de carácter estable para persoas con discapacidade, a través da creación de novos postos de traballo para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no servizo público de emprego ou no suposto de transformación en indefinidos dos contratos temporais de fomento de emprego de persoas con discapacidade ou de transformación en indefinidos dos contratos de duración determinada ou temporais, incluídos os formativos, sempre que se xustifique adecuadamente o investimento que implica o proxecto para algunha ou algunhas das seguintes accións:

a) Axudas para asistencia técnica.

Poderanse subvencionar os gastos ocasionados pola asistencia técnica necesaria para a creación ou ampliación de centros especiais de emprego.

Esta asistencia técnica só poderá solicitarse durante o primeiro ano, contado desde a data de constitución do centro, e deberán prestala empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional, e poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

– Contratación de directores ou directoras, xerentes ou persoal técnico, por un período máximo dun ano.

– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o exixa.

– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

b) Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade facilitar o emprego nos centros especiais de emprego, mediante a redución dos xuros dos préstamos para financiar investimentos en activo fixo, concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e Benestar e solicitados a nome dos centros especiais de emprego. Non obstante, no caso de constitución do centro especial de emprego, poderase destinar ata un 25 % do préstamo que se vai financiar ao activo circulante.

Esta subvención será, como máximo, de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, pagadoira dunha soa vez, en contía calculada como se a subvención se xerase cada ano da duración deste, incluído o posible período de carencia.

c) Subvención en función do investimento en activo fixo.

Aqueles centros especiais de emprego que se consideren proxectos de recoñecido interese social poderán beneficiarse dunha axuda á creación de emprego calculada en función do investimento en activo fixo que se realice, excluídos os impostos que graven a adquisición.

2. As iniciativas e proxectos referentes aos centros especiais de emprego que soliciten as axudas recollidas no número anterior deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira e supor a creación de emprego estable. A subvención máxima polo conxunto dos tres tipos de axudas poderá acadar a contía de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido para traballadores e traballadoras con discapacidade.

Para os efectos destas subvencións unicamente serán subvencionables aqueles novos postos de traballo que, sendo cubertos con persoas con discapacidade con carácter estable, sexan creados a partir do 1 de outubro de 2013 e supoñan incremento respecto ao cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade que tiña o centro no ultimo expediente de axudas a proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego.

* Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego

Plazo de presentación de solicitudes

As solicitudes do programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, regulado no anexo A desta orde, poderán presentarse ata o 30 de setembro de 2014.

As solicitudes de subvención para adaptación de postos de traballo presentaranse con anterioridade á realización da adaptación. Non obstante, as solicitudes polas adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, regulado no anexo B desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa ou entidade beneficiaria.

2. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos en cada programa desta orde.

3. As subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social, reguladas nesta orde, serán incompatibles para a mesma persoa traballadora con discapacidade coas subvencións do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, establecidas na orde da Consellería de Traballo e Benestar.

Referencia legislativa

Orde do 27 de xuño de 2014 (DOG Nº 128 do 08/07/2014) - Bases reguladoras e convocatoria 2014

Información y tramitación en

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

DIRECCIÓN XERAL DE TRABALLO E ECONOMÍA SOCIAL

SUBDIRECCIÓN XERAL DE FOMENTO DA CONTRATACIÓN E DO TRABALLO AUTÓNOMO

S. INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE E EMPRESAS DE INSERCIÓN

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Teléfono: 981544716 / 981544682 Fax: 981544678

Observaciones

Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberá terse realizado non máis tarde do 20 de decembro de 2014.