El plazo de presentación finalizó el 28/02/2019

PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS (MR708B)

Finalidad / Objetivo

O obxecto destas bases reguladoras é establecer o réxime das axudas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020, destinadas a mellorar, ampliar e/ou modernizar as empresas existentes que desenvolven actividades non agrícolas en zonas rurais, mediante o apoio á adquisición de maquinaria e equipamentos novos, co fin de reforzar o tecido empresarial no territorio rural galego e mellorar a súa competitividade, inducir á xeración de novos empregos, consolidar os existentes e, en última instancia, dinamizar a economía dos territorios rurais.

Tipos de apoyo

As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. En réxime de mínimis.

Beneficiarios potenciales

a) As microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2018.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2018.

Para estes efectos, considerarase zona rural o territorio elixible segundo o previsto no artigo 3.2.b) destas bases reguladoras.

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2018. No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas antes da citada data.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

2. Non se concederán axudas a empresas en crise.

Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas previstas nestas bases reguladoras as empresas que operan no sector da pesca e da acuicultura, nin as que están dedicadas á produción primaria de produtos agrícolas.

Non se concederán axudas a solicitantes nos cales concorran algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da LSG e, en particular, aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

3. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito exixido polas disposicións aplicables.

Requisitos principales del proyecto

Proxectos subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos destinados á ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 60.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de ocio, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016). O anexo X relaciona as parroquias que teñen a consideración de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nas presentes bases.

f) O investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante.

Para estes efectos, deberá acadar algún dos seguintes obxectivos:

1º. Aumentar a competitividade da empresa.
2º. Reducir os custos.
3º. Aumentar o valor engadido.
4º. Reducir o impacto ambiental.
5º. Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.
6º. Diversificar as producións e/ou os mercados.
7º. Mellorar a calidade das producións.
8º. Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.
9º. Mellorar a comercialización das producións.

Para acreditar isto, na memoria-resumo do proxecto (anexo III) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos sinalados.

g) As persoas solicitantes poderán presentar como máximo un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

h) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 10.000 euros ou superior a 220.000 euros.

No caso de proxectos promovidos no sector da artesanía, os límites anteriores quedan establecidos en 5.000 euros e 100.000 euros respectivamente.

Inversiones o gastos computables

1. Con carácter xeral, será subvencionable a compra de maquinaria e equipamentos novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade produtiva da empresa.

2. Non serán subvencionables:

a) Unidades de investimento cuxa base impoñible sexa igual ou inferior a 1.000 euros.
b) Material funxible en xeral.
c) Envases e embalaxes, aínda cando sexan reutilizables.
d) A reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento ou eficiencia ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo III).
e) Equipos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten.
f) Traídas e acometidas de servizos.
g) Adquisición de maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.
h) Adquisición de maquinaria e equipamento destinada ao aluguer.
i) Equipos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática.
j) Deseño e/ou actualización de páxinas web.
k) A compra de vehículos de transporte exterior, de vehículos especiais agrícolas e de obras, e a súa adecuación.
l) Mobiliario, instalacións, útiles e ferramentas.
m) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.
n) Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante.
o) Os gastos de aluguer de instalacións e equipos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).
p) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.
q) As taxas por licenzas administrativas.
r) O imposto de valor engadido (IVE) e calquera outro imposto, agás que non sexa recuperable pola persoa beneficiaria.
s) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.
t) Os xuros debedores.
u) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros».
v) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Cuantía de las ayudas

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

Plazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Incompatibilidades

1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100 % do importe elixible do proxecto.

Referencia legislativa

Resolución do 13 de decembro de 2018 (DOG Nº19 do 28/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Información y tramitación en

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER)

Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural

Lugar da Barcia, 56 - Laraño
15897 Santiago de Compostela (Coruña, A)

Teléfono: 981547382 / 981542690

Email: http://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda

Con cita previa no teléfono 981 54 73 82

Observaciones

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 1 de outubro de 2019.